DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores arrancaron na Facultade de Bioloxía as Xornadas ‘A outra cara do Monte’

O futuro do monte galego pasa por combinar a produción de materiais sustentables, alimentos saudables e ocio sostible

Coa participación de comunidades de propietarios así como de persoal investigador e alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 18/09/2019

O monte galego ten futuro e este futuro pasa por acadar a súa explotación sostible, unha explotación que, á súa vez, non ten unha única receita, senón que depende da combinación óptima de múltiples posibilidades, relacionadas, sobre todo, coa produción de materiais sustentables, alimentos saudables e ocio sostible, entre outras posibles ideas que poden ir xurdindo e que sempre serán benvidas. Esta foi unha das ideas centrais que se tentou transmitir este mércores nas Xornadas A outra cara do Monte, unha iniciativa que ao longo de dous días reúne na Facultade de Bioloxía máis de 60 persoas, entre as que se atopan numerosos/as representantes de comunidades de montes en man común, mancomunidades, propietarios individuais, persoal investigador e alumnado, entre outros colectivos interesados.

A inauguración das xornadas contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o decano da facultade, Jesús Míguez e a profesora Marisa Castro, coordinadora das xornadas. Todos coincidiron en sinalar o “elevado interese” que ten para a Universidade de Vigo xerar e participar en este tipo de debates. “Para nós como sociedade é clave mellorar os espazos forestais, tanto desde o punto de vista da biodiversidade, como da fixación de carbono, da dispoñibilidade de auga, da conservación do solo, da paisaxe... e en todo isto é clave avanzar na investigación”,  recalcou Rubio, que fixo tamén fincapé en só así se poderán conseguir logros significativos na loita contra os incendios forestais, o cambio climático, as enfermidades ou as pragas.  “Estamos falando dun sector produtivo que ten unha enorme importancia en Galicia e tamén dun problema medioambiental evidente, así como dalgo tan grave como o despoboamento rural, en moitos casos relacionado precisamente coa falta de alternativas”, explicou pola súa banda o decano, que amosou o seu desexo de que as xornadas non se queden nun evento puntual, senón que teñan continuidade. “Pola nosa banda, o que queremos é que estas xornadas sexan de utilidade e que todos poidamos aprender nelas”, recalcou Castro, directora do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo e membro de MycoGalicia, spin-off da UVigo que co-organizou as xornadas.

Juan Picos: “Non se trata de facer a ou b, senón que imos precisar todo o alfabeto”

A conferencia inaugural das xornadas correu a cargo do director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, que tentou transmitir a necesidade de complementariedade dos diversos usos que ten o monte. Segundo expuxo, as circunstancias actuais do monte galego, derivadas sobre todo da situación de despoboamento da zona interior e de falta de cultivo de superficies que antigamente estiveron moi traballadas, obriga á sociedade galega a buscar todo tipo de solucións. “Todas as ideas van ser necesarias e da súa organización harmónica e optimización será do que dependerá o noso monte. É dicir, non imos atopar a pedra filosofal de cal é o uso alternativo que temos que ter para o monte, senón que temos que fomentar todos os potenciais usos alternativos dunha maneira harmónica”, recalcou Picos, facendo así fincapé en que “non se trata de facer a ou b, senón que imos precisar todo o alfabeto”.

Ao respecto de cales son as potenciais demandas da sociedade, tanto no que se refire a produtos como a servizos, sobre todo relacionados co ámbito do benestar, o director da EE Forestal considerou que, unha vez identificados hai que tratar de buscar a mellor maneira de xestionalos. “Si detectamos a necesidade de incorporar materiais sostibles, alimentación saudable e benestar e ocio, todo iso é o que nos vai marcar as demandas que imos cubrir co castiñeiro, o piñeiro ou, incluso en determinados ámbitos, mesmo co eucalipto”, recalcou Picos, insistindo na idea de que o primeiro é buscar posibles solucións e, a partir de aí, “buscar os medios óptimos para obtelas, sen perder de vista cales son as esixencias que lles hai que pór a eses medios”.

Dous  días intensos de experiencias arredor do monte

Tras a conferencia inaugural, o programa prolongarase ao longo de todo o día de hoxe mércores e mañá xoves, permitindo ás persoas asistentes coñecer, por exemplo, a economía ecolóxica e o seu impacto no rural, da man do investigador da Universidade de Vigo Damián Copena e tamén experiencias como a do Concello de Allariz, que presentará casos de éxito a partir dos recursos forestais nunha Reserva da Biosfera da Unesco. Nesta primeira xornada tamén achegou a súa experiencia  a comunidade de montes veciñais en mancomún de Teis, que presentará a súa experiencia da xestión forestal e social dunha comunidade considerada pola ONU como “área conservada por comunidades locais” grazas á xestión e protección da biodiversidade.

Xa pola tarde Iria Villar, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, falará sobre a compostaxe como ferramenta para dar unha saída aos residuos verdes do sector agroforestal. Tamén participan nesta sesión a sociedade cooperativa Amarelante, que falará sobre as potencialidades deste tipo de figura empresarial e sobre súa bagaxe na recuperación de soutos abandonados para a produción da castaña. Pechará a xornada da tarde Uxío Pérez, da Mancomunidade de Montes de Vigo, para afondar na situación e retos do monte periurbano tras as vagas de lumes dos últimos anos e as posibilidade existentes para dotar ao monte dun uso social. Mañá xoves a xornada terá un carácter máis práctico e dinámico, cunha saída de campo por un monte comunal da man da CMVMC de Couso pola mañá e un relatorio de Serafín González, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia sobre os lumes en Galicia, os impactos que causan, os factores clave e as medidas de xestión do monte. O último tramo está reservado para un workshop sobre aproveitamentos alternativos, que pasan por unha banda polos usos turísticos e sociais, por outra polos usos os forestais e agrícolas e tamén pola conservación da biodiversidade, para contribuír a través destas diferentes vías ao desenvolvemento sostible e multifuncional do monte.