DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio virtual sobre disciplina positiva dirixido ao alumnado do Grao en Educación Infantil

O futuro profesorado afonda nos beneficios de “ordenar menos e preguntar máis” na aula

Impartido pola mestra Mercedes De Santaló

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/05/2021

Afondar na “importancia de ordenar menos e preguntar máis” nas aulas foi un dos obxectivos do relatorio virtual sobre disciplina positiva que a mestra Mercedes De Santaló impartiu na tarde deste xoves ao alumnado do Grao en Educación Infantil. Promovida polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Rubén Domínguez, coa colaboración da Vicerreitoría do campus, esta actividade tiña como obxectivo afondar nos fundamentos da disciplina positiva, “unha forma de entender as relacións humanas desde a comprensión, o respecto, a confianza e a conexión”, e en como a súa aplicación nas aulas, explicou a conferenciante, contribúe ao “desenvolvemento social e emocional” de nenos e nenas.

“Cando un neno se sinte seguro na aula, comprendido, escoitado..., está preparado para a exploración e a aprendizaxe”, salientou no coloquio desenvolvido a través de Campus Remoto a responsable da empresa Supercamuchita, que imparte talleres de disciplina positiva a educadores, organizacións ou familias. De Santaló afondou nesta actividade en como a disciplina positiva, fundamentada no traballo do psiquiatra austríaco Alfred Adler, contribúe a crear na aula un ambiente que facilita a aprendizaxe. “A disciplina positiva aposta dentro da aula por aproveitar cada un dos retos que se producen a diario para desenvolver habilidades sociais e de xestión emocional”, destacou esta mestra especialista en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Nese senso, De Santaló puxo o acento na necesidade de ver o “erro como unha oportunidade de aprendizaxe”, poñendo o foco na busca de solucións, na cooperación e no desenvolvemento de habilidades para resolver eses problemas, xa que isto contribúe a que “os retos de conduta diminúan e a excelencia académica aumente”.

Nese obxectivo, De Santaló convidou en primeiro termo aos e ás participantes a elaborar o seu “mapa educativo”, analizar “cales son os retos que se presentan nas aulas a diario e que habilidades consideran que os nosos nenos necesitan para o seu futuro”. A partires dese marco, a conferenciante sinalou que a “principal necesidade de todo ser humano” é a de “conexión e pertenza”, para logo deterse nunha serie de “ferramentas de comunicación” que poden axudar a desenvolver as habilidades de nenos e nenas, pondo o foco na importancia de “ser amables e firmes ao mesmo tempo” ou contrapoñendo, fronte ás ordes, o valor das preguntas como ferramenta para a aprendizaxe.