DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe de conxuntura do Foro Económico

Galicia consolida a súa reactivación económica a pesar de que “a súa recuperación segue a ser incompleta”

Cun crecemento no conxunto do ano pasado do 5,2%

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI Ourense 31/03/2022

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica I/2022. Nel destácase que “Galicia consolida a reactivación económica” aínda que a súa recuperación “segue a ser incompleta”.

O documento, elaborado trimestralmente polos expertos do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez e Santiago Lago (ambos profesores da Universidade de Vigo) e Fernando González Laxe e José Francisco Armesto, “debuxa un escenario de consolidación da reactivación económica ao presentar unha medra do 5,2%, o que supón unha décima máis que a media española”, segundo indican en nota de prensa desde o foro.

PIB e sectores

O informe sinala que "o PIB real está aínda 2,3 puntos por baixo do nivel pre-crise, pero a fenda é maior no conxunto da economía española (3,8 puntos)" e que o crecemento do PIB real en Galicia e España caracterízase por unha achega positiva tanto na demanda interna como externa. Os expertos do Foro Económico salientan a maior contribución da demanda externa no segundo semestre do ano e apuntan que no cuarto trimestre a demanda externa achega 4,1 puntos ao crecemento agregado, fronte aos 1,8 puntos na economía española. “Porén compre salientar o forte diferencial negativo na evolución do investimento, que medra en Galicia un 1,1% fronte ao 6,8% de media en España”, engaden.

En canto á oferta, o sector servizos é que representa segundo os datos do Foro Económico de Galicia maior actividade, un 6,6% máis que no conxunto do estado. Tamén a industria manufactureira medra un 6,1% na comunidade autónoma no último ano, dúas décimas máis que España. Pola contra o sector primario contráese un 0,5% e a construción un 2,4% respecto ao ano precedente. “O dinamismo do tecido produtivo galego segue a ser inferior á media do estado”, afirman os autores do documento, indicando como “cómpre insistir na menor produtividade do sector manufactureiro en relación ao conxunto do estado”.

Mercado de traballo

No que atinxe ao mercado de traballo, o informe destaca “un bo comportamento interanual tanto no caso dos homes como das mulleres” pero, advirte, “a mellora nas cifras da ocupación deben ser matizadas xa que Galicia mantense entre as comunidades autónomas con menores taxas de actividade e ocupación”. Os datos da EPA, detállase no texto, reflicten que a creación de emprego rexistra maior intensidade no caso das mulleres que dos homes. “Incrementase o emprego en persoas con estudos superiores, no sector servizos, asalariados e empresarios con asalariados e en persoas maiores de 45 anos”, apuntan os expertos. No que atinxe ao desemprego o documento salienta que o principal aspecto negativo é o forte incremento do desemprego de longa duración, indicando que “os menores de 25 anos, estranxeiros e persoas con estudos primarios son os colectivos que máis dificultades atopan para conseguir emprego”.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresariado e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, agrupando a un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.