DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo da UVigo celebra unhas xornadas de balance da súa actividade

O GEAAT cumpre unha década de investigación e transferencia no eido do patrimonio natural e cultural

O seu obxectivo de futuro é avanzar na consolidación das súas liñas de traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 18/11/2021

A historia do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo arrancou no ano 2011 cunha axuda da institución académica para o fomento de agrupamentos estables. Unha década despois está formado por arredor de 34 investigadoras e investigadores das áreas de xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga e constitúe un dos grupos máis activos do campus de Ourense, destacando especialmente polo seu traballo na valorización do patrimonio natural e cultural da contorna. Co obxectivo de visibilizar as súas liñas de traballo e debater sobre o seu futuro, o GEAAT celebra do 18 ao 20 de novembro as súas segundas xornadas.

Compromiso coa contorna

Na inauguración da cita, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou que este grupo é “un exemplo de bo traballo” e “de dinamismo, participación e colaboración”. Da súa actividade subliñou que “está moi ben orientada no contexto actual e no contexto da nosa provincia”, pois, indicou, “traballa no eido patrimonio natural e cultural, que son dous piares fundamentais de Ourense”. Neste senso, gabou aos membros do GEAAT presentes o feito de que o seu traballo “contribúe a pór en valor os recursos da nosa provincia”. Do mesmo xeito, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou que este grupo “partiu da nada e hoxe realmente ten un nome, ten un nome na Universidade, ten un nome na sociedade e ten un nome na contorna. E iso conséguese a base de traballo”. Por este motivo quixo, en nome do centro que dirixe, agradecer a todos os seus membros o seu “ tesón e empuxe”, pondo de relevo o seu esforzo en visibilizar a súa área de traballo.

Beatriz Comendador, coordinadora das xornadas e do GEAAT, explicou pola súa banda que este grupo é unha estrutura colaborativa de investigación multidisciplinar integrada no SUG que agrupa a investigadoras e investigadores das áreas de coñecemento de xeografía física, prehistoria, arqueoloxía e historia antiga, áreas adscritas ao Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo. O equipo, lembrou, naceu no ano 2011 e desde ao ano 2019 conta cunha axuda para grupos de potencial de crecemento da Xunta de Galicia. “Celebramos estas segundas xornadas do GEAAT porque este ano rematou o período de tres anos da axuda estrutural que nos concedeu a Xunta e queremos pór en común os resultados do intenso traballo que fixemos estes anos, que foron anos de expansión e crecemento do grupo en eidos moi diversos, como o de transferencia do coñecemento, o contacto directo coa sociedade”, explicou Beatriz Comendador. Igualmente, a xornada, engadiu, quere ser unha oportunidade para “ver perspectivas de futuro, ver que propostas e oportunidades de seguir medrando temos”.

Sobre esas liñas de futuro, a coordinadora do GEAAT salientou que “a nosa idea agora é optar á consolidación xa definitiva do grupo e seguir coas liñas de traballo que estamos desenvolvendo”. Nestas liñas, Beatriz Comendador subliñou como “un eixe moi importante é estar o máximo posible en colaboración e cocreación de coñecemento con todo o tecido das comarcas, dos territorios, onde traballamos”. Así puxo como exemplo o traballo de transferencia do proxecto arqueolóxico desenvolvido na última década en Armea, Allariz, ou o realizado coa comunidade na comarca de Monterrei, ademais dos múltiples convenios subscritos con concellos, especialmente da provincia de Ourense, para levar a cabo proxectos relacionados co patrimonio. “Para nós, todo este traballo que facemos de investigación é parte dun ciclo, dun proceso de creación de coñecemento no ámbito do patrimonio cultural e natural, e é imprescindible que este traballo se faga pensando na activación dos recursos, na xeración de oportunidades potencias para esas comarcas, eses territorios e esas comunidades”, afirmou a arqueóloga da UVigo.

Tres días de actividade

A programación das xornadas está estruturada en bloques por áreas de coñecemento (xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga), contando cada bloque cun convidado externo e diferentes intervencións a cargo de membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio nas que se explican algunhas das súas liñas de actuación e proxectos. Así, a actividade arrancou este xoves cunha conferencia da xeógrafa Emmaline Rosado sobre os xeoparques mundiais da Unesco como nodos de desenvolvemento local. Nela explicou as características e papel “destes novos territorios” tendo en conta ademais como “España é un dos países con máis máis xeoparques do mundo”. Seguidamente, foi a área de xeografía física, encabezada pola profesora Elena de Uña, a encargada de expor as súas principais liñas de traballo presentes e futuras.

Nas súas intervencións, os membros do grupo da UVigo explicarán proxectos arqueolóxicos como os desenvolvidos en Armea, Adro Vello, Ons e Astariz; a súa participación en proxectos foráneos como o de Melka Kunture (Etiopía) ou Loco (Perú); ou a súa actividade en iniciativas como o grupo Démeter sobre mulleres da Antigüidade. Se os dous primeiros días estarán centrados no eido da investigación, o terceiro estará dedicado á transferencia. Neste senso, na xornada tamén haberá mesas redondas como a centrada no potencial da arte rupestre do interior transfronteirizo e o itinerario Caminos de Arte Rupestre Prehistórico (CAARP), na que participarán membros desta última iniciativa. "Levamos unha traxectoria longa de investigación na comarca de Monterrei e unha das nosas propostas é valorar, tendo en conta todo o potencial rupestre que ten este territorio, con todos os vínculos, con todos os axentes locais que están traballando nel, se sería posible prantexar a proposta de xerar un destino rupestre nesa área suroriental de Galicia", comentou Beatriz Comendador.