DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nove persoas traballan cada fin de semana neste enclave galaico-romano

O GEAAT volve ao xacemento de Santa Lucía para descubrir novas estruturas

O sábado 15 de febreiro iniciaranse as visitas guiadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 10/02/2020

Un equipo de nove persoas traballa xa cada fin de semana nunha nova intervención arqueolóxica no xacemento galaico-romano de Santa Lucía, en Astariz, no concello ourensán de Castrelo de Miño. Trátase da terceira campaña que desenvolven neste enclave membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT). Os arqueólogos e arqueólogas buscan novas estruturas no seu aterrazamento principal e están a realizar o rexistro fotogramétrico de varios sectores do castro.

O proxecto, que conta con financiamento do Concello de Castrelo de Miño e da Universidade de Vigo, ten como director a Fermín Pérez, un dos investigadores principais do GEAAT e profesor na Facultade de Historia do campus de Ourense, e a Jessica Silvares, arqueóloga do GEAAT, como directora da intervención arqueolóxica. Completan o equipo sete estudantes de grao e mestrado da Facultade de Historia en réxime de prácticas. Os traballos de campo, explica Fermín Pérez, desenvólvense as fins de semana, concretamente os venres e sábados, que abranguen desde o 31 de xaneiro ata o 4 de abril, co obxectivo de ser compatibles co horario académico do alumnado en prácticas, sumando un total de 16 días.

Tras dúas fins de semana de traballo de campo, o director do proxecto explica como “a primeira semana o que fixemos foi limpar toda a zona escavada previamente”, aparecendo nesta limpeza material cerámico. Entre este material enumera “cerámicas romanas identificadas como tales, e material de bronce, como un novo aplique de correaxe militar de época tardo-romana e algunhas moedas dos últimos niveis de ocupación na época medieval, moderna e contemporánea, de cando existía alí unha antiga capela”. Ademais, engade Fermín Pérez, “preparamos, coa retirada da capa vexetal, toda a zona que se vai a escavar, de case 100 metros cadrados” e xa se realizou a fotogrametría dunha das zonas previstas nesta campaña. “Esta semana empezaremos a traballar en niveis propiamente arqueolóxicos e agardamos atopar novas estruturas”, adianta o arqueólogo.

Importancia do xacemento e do proxecto

Este castro galaico-romano, lembran desde o GEAAT, localízase no monte de Santa Lucía, amosando “unha morfoloxía oblonga moi alongada e unha extensión media de 2,75 hectáreas”. Boa parte da superficie, detallan, “está ocupada por grandes batolitos graníticos, afloramentos pétreos que, amais de xerar covas e abrigos normalmente axudan a conformar e delimitar algúns aterrazamentos ou recintos internos”. As escavacións realizadas en anos anteriores, indican os responsables do proxecto, “confirman a presenza de niveis de ocupación galaico-romanos (cabana circular), romanos e tardo-romanos (rúa e muros rectilíneos) e tamén medievais ou modernos (refuxio baixo o penedo), seguramente relacionados coa desaparecida capela de Santa Lucía, da que se atoparon numerosos sillares moldurados e incluso pintados”. Entre os principais achados feitos neste xacemento nas anteriores campañas realizadas polo GEAAT está a descuberta “do primeiro lagar rupestre datado no Noroeste peninsular, e un dos poucos que conta con datacións en toda a península ibérica”.

A intervención de campo desta campaña consiste fundamentalmente na realización dunha sondaxe arqueolóxica centrada no sector dous do castro, na plataforma da croa ao carón do penedo de Santa Lucía, xa que é “a que amosa unha maior potencialidade científica, histórica e patrimonial de todo o xacemento”, segundo explican os seus responsables. A zona xa foi escavada nas campañas de 2016 e sobre todo en 2017, exhumándose unha superficie de case 125 metros cadrados onde quedaron á vista importantes estruturas construtivas (unha cabana circular de tradición indíxena, unha rúa transversal, varios habitáculos con esquinas en ángulo recto) datadas ao longo da época romana, desde o cambio de era ata o século V ou VI despois de Cristo. O obxectivo desta sondaxe, apuntan, “é aclarar varias das estruturas achadas nas campañas anteriores, xa que é cara ao sur e, en menor medida, o leste onde se dirixen a rúa e os muros romanos”. O segundo grande eixo de acción desta campaña, indican os seus promotores, é “documentar e rexistrar fotogrametricamente tanto a nova área escavada do xacemento como outras áreas do xacemento, especialmente os sectores 6 e 7,  que teñen visibles unha gran cantidade de estruturas rupestres”. A fotogrametría, detallan, permitirá ter un “rexistro ultrapreciso (planimetrías e altimetrías en 2D e 3D) das estruturas do xacemento”.

As persoas interesadas en achegarse ao castro para coñecer as súas características e os traballos que alí se están levando a cabo poden participar nas visitas guiadas que se realizan cada sábado ás 12.00 h.