DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario superou por 2-4 ao Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía

Golpe de autoridade na casa do líder do EXP-Universidade de Vigo

O triunfo sitúaos no segundo posto da División de Honra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 11/02/2019

O Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz presentou esta fin de semana, na terceira xornada de competición na División de Honra do xadrez galego, as súas credenciais para loitar polo título autonómico que xa acadaran hai dúas tempadas. Nesta fin de semana, o equipo universitario visitaba a casa do Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía, que chegaba a esta terceira rolda como líder da competición xunto a Xadrez Ourense e USC e que se presentou diante dos pontevedreses co seu “equipo máis potente”, como sinala Pablo García, capitán do EXP-UVigo, conxunto que foi capaz de sumar un valioso triunfo por 2-4 que lle permite ascender ata o segundo punto da clasificación, empatado co Xadrez Ourense e a só medio punto do novo líder en solitario, o equipo da USC.

Na súa segunda vitoria a domicilio, o EXP-Universidade de Vigo foi quen de superar a “un dos equipos máis fortes da liga”, como recoñece García, que sinala que, co debut do seu mestre Roi Reinaldo, o Xadrez Fontecarmoa competiu nesta rolda por primeira vez co seu “equipo máis potente, con dous mestres internacionais na contorna dos 2500 puntos e catro xogadores máis flutuando nos 2300”. Unha aliñación, que, por outra banda, non colleu por sorpresa aos responsables do equipo universitario, que tiveron na motivación dos seus xogadores e na capacidade dos seus talentos máis novos dous factores determinantes do triunfo colleitado en Vilagarcía.

Por taboleiros, tanto Víctor Miguel como Pablo García lograron a vitoria nas súas respectivas partidas, mentres que Daniel Rivera sumaba unhas táboas para os pontevedreses. Mais estes resultados, recoñece o capitán do EXP-UVigo, víronse “eclipsados” polo que acontecía nas partidas nas que competían os xogadores máis novos do club visitante. Por unha banda, Rubén Fernández lograba nesta xornada unha “vitoria espectacular”, como salienta García, ante o vilagarcián Julio Torrado, nunha partida que arrincou entregando dúas pezas, e, por outra, Francisco Veiga facía gala dunha calma “moi poucas veces vista nun rapaz de 15 anos” para controlar e mesmo acadar unha lixeira vantaxe no seu enfrontamento contra Reinaldo, que finalmente se pechou en táboas. Así as cousas, o único resultado negativo do equipo universitario chegou no taboleiro de Alberto Portela, o último en rematar, e no que caeu derrotado ante o mestre Julio Suárez. 

Balance de seis vitorias e cinco derrotas

Con este triunfo, a terceira xornada da Liga Galega 2019 deixa un balance de seis vitorias e cinco derrotas para os once equipos do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo nas competicións autonómicas, nunha fin de semana na que destacou tamén a vitoria a domicilio do EXP-Ramón Escudeiro ante o filial do Xadrez Fontecarmoa, triunfo que sitúa segundo ao equipo pontevedrés; xunto coa vitoria do EXP-Concello de Pontevedra fronte ao USC B nun duelo con marcada presenza feminina nun deporte, lembra García, no que a presenza de xadrecistas “non alcanza na maioría das ocasións o 10%” dos participantes.