DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto ‘Canto paxariño’ ofrece información sobre as especies máis comúns en Galicia

O Green Campus convida a avistar paxaros a través das ventás 

A través das redes sociais, iranse difundindo fichas de diferentes aves 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Pontevedra 13/04/2020

“Darlle cor e canto a estes días de confinamento”. Este é o propósito de Canto paxariño, unha iniciativa impulsada polo programa Green Campus da Vicerreitoría, xunto coa Oficina de Medio Ambiente da Universidade (OMA), a través das redes sociais, ás que van incorporando imaxes e información dalgunhas das especies de aves máis comúns, co obxectivo tanto de animar á cidadanía a tratar de avistalas a través das ventás como de concienciar da importancia de preservar a biodiversidade. A iniciativa arrincou a pasada semana subindo á web da Universidade e ás redes sociais o texto de presentación deste proxecto, polo que cada semana se difundirán dúas ou tres imaxes de especies de paxaros “que sexan fáciles de ver e relativamente frecuentes”, como explica o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, xunto cun texto divulgativo sobre a especie, o seu hábitat e as ameazas ás que está exposta.

Nacida da iniciativa da bolseira da OMA no campus, Nerea Mallo, autora tamén dos textos das diferentes fichas, trátase dunha “pequena actividade, que, cando menos, achega un pouco de alegría”, sinala Souto, que explica que a idea desta proposta é espertar o interese pola natureza convidando á cidadanía a mirar polas ventás ou a saír aos seus balcóns e xardíns. “Aproveitar para aprender da natureza neste parón é un dos mellores agasallos que temos", destaca o texto de presentación de Canto paxariño, unha iniciativa que busca tamén incentivar á cidadanía a, unha vez rematado o confinamento, “coller as botas de monte, saír a camiñar e observar con outros ollos ás donas das alturas”.

As aves máis comúns nos ceos galegos

Esta actividade arrincou a pasada semana coa publicación da ficha do Pinzón vulbar (Fringilla coelebs), e continuou este luns coa do Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus). A idea, explica Souto, é ir presentando diferentes aves “que sexan fáciles de ver e relativamente frecuentes”, aínda que, recoñece, non serán igualmente doadas de observar na cidade que en contornas rurais. “Segundo vaiamos avanzando no tempo irán aparecendo outros que quizais sexan máis difíciles de ver, así como algúns que van chegando das zonas nas que invernan”, engade o director do Campus Crea, que sinala ás primeiras horas da mañá e a última hora da tarde como os mellores momentos para tentar observar paxaros desde as vivendas.