DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación

O grupo dx5 explora as transformacións que xerou no cómic o mundo dixital

Estudará tamén o seu potencial para a transmisión de valores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/02/2021

Analizar, poñendo o foco no manga, no cómic xaponés, que transformacións formais, estéticas e narrativas xerou na banda deseñada a súa convivencia ao longo das dúas últimas décadas co cómic dixital. Este é un dos obxectivos centrais do proxecto Estudos transdisciplinares sobre cómic, do grupo de investigación dx5 (digital & art graphic research), da Facultade de Belas Artes, que busca definir as características do que definen como “manga posdixital”. Seleccionado na convocatoria de 2019 de Proxectos de I+D+i Retos de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, neste proxecto insírese tamén un estudo sobre o potencial da banda deseñada para xerar empatía e, polo tanto, para servir como vehículo para a transmisión de valores, mentres que unha terceira liña de traballo centrarase en explorar as interaccións entre o manga e o deseño gráfico contemporáneo.

Trátase, como sinala o seu investigador principal, José Andrés Santiago, dun proxecto cunha “compoñente teórica importante”, que desde un “enfoque transversal” busca contribuír a dar resposta á “ausencia de literatura científica sobre cómic en España”, pero ligado tamén, sinala, “á praxe artística”. Ao mesmo tempo, permitirá dar continuidade a unha liña de traballo, centrada nos “estudos transdisciplinares” sobre banda deseñada, que tivo como precedente o proxecto sobre as relacións entre o cómic e outras manifestacións artísticas que o grupo dx5 desenvolveu nos últimos anos, tamén con financiamento estatal. De feito, esta investigación previa axudou a incorporar especialistas de diferentes países ao equipo de traballo do actual proxecto. Concretamente, a Santiago e ás investigadoras do grupo dx5 Teresa Ferreiro, Tatiana Lameiro, Marina Nuñez, Elena Lapeña e Anne Heyvaert súmase a participación de Zoltan Kacsuk, da Stuttgart Media University; Jaqueline Berndt, da Universidade de Estocolmo; Selen Çalic Bedir, da universidade turca de Beykoz; Manuel Hernández-Pérez, da Universidade de Salford; e Stevie Suan e Olga Kopylova, das universidades xaponesas de Hosei e Tohoku, respectivamente. 

Transformacións produtivas, pero tamén formais e narrativas

Tomando como punto de partida o concepto da “ecoloxía dos medios”, que afonda en como a evolución tecnolóxica transforma tanto o propio medio en si como a súa contorna, un dos tres subproxectos que integran esta investigación terá como obxectivo estudar “os efectos da dixitalización e as tecnoloxías dixitais dentro do cómic contemporáneo”. A banda deseñada, lembra Santiago, “é un medio complexo, que inclúe elementos paralingüísticos, visuais e narrativos altamente codificados e onde os aspectos formais e estéticos están intimamente relacionados co sistema produtivo”. E no caso concreto do manga, no que se centra a investigación, “non se poden entender algunhas características estéticas á marxe das necesidades produtivas que as propiciaron”.

A industria xaponesa do cómic sustentouse, desde mediados do pasado século, na publicación dos capítulos das diferentes obras en revistas periódicas cun número fixo de páxinas, o que tiña unhas consecuencias no ritmo da narración ou no uso de recursos que xeraban intriga ao lector no final de cada entrega; aspectos aos que, lembra o investigador, non teñen que cinguirse os webcómics. Ao mesmo tempo, o manga caracterizase tamén pola abundancia de “elementos altamente convencionalizados, que o lector identifica e facilitan moito a inmersión na lectura”, desde “tramas que se repiten nas obras de diferentes autores” a personaxes “moi estandarizados” ou o uso de determinados elementos iconográficos. Nese senso, o propósito deste proxecto é estudar como a “constante evolución” que vive o medio no mundo dixital pode provocar transformacións, non só na produción, senón tamén nesta serie de “características formais que ata agora se consideraban trazos definitorios e unha parte esencial deste medio”. Esta análise porá o foco así mesmo no que Santiago define como “manga posdixital”, xa que se trata de transformacións que “non afectan ao cómic impreso ou ao dixital, senón ao medio no seu conxunto”. 

O cómic de testemuño

Outra das liñas de traballo céntrase no concepto de “cómic de testemuño” e na definición daquelas características que o diferencian da banda deseñada biográfica ou xornalística. Tomando como punto de partida o estudo sobre o “cómic testemuñal feminista” que, baixo a dirección de Santiago, desenvolve para a súa tese de doutoramento Teresa Ferreiro, este subproxecto busca afondar na “capacidade e idoneidade” do cómic para xerar empatía. “Polas súas peculiares elementos paralingüísticos, estrutura e flexible velocidade de consumo, permite establecer unha relación diferente co lector”, salienta o grupo dx5 dunha liña de análise que porá o foco como aspectos como a “simplificación de conceptos en signos” ou o uso de “imaxes menos realistas” contribúen a facer deste medio unha “canle para a transmisión de valores”. Así mesmo, a través da análise de publicacións europeas, xaponesas e americanas, o estudo porá o foco no “cómic de testemuño”, aquel que pon “o peso da mensaxe nos aspectos sociais e emotivos”, e no seu potencial para “os relatos de denuncia” e a transmisión de valores como os do feminismo.

Influencia máis aló das viñetas

O terceiro subproxecto céntrase nas “interaccións conceptuais e visuais” entre a linguaxe e características formais do manga e o deseño gráfico. Tomando como punto de partida o concepto do “mangaesco”, unha serie de recursos conceptuais e visuais que definen a “estética manga”, esta liña de análise centrarase na súa “utilización como recursos estilísticos dentro do deseño de carteis e pósters”, á vez que reflexionará tamén sobre “as implicacións sociolóxicas que determinan unha certa estética no deseño xaponés”.