DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dispoñibles a través de UVigoTV, están a ser difundidos en escolas e colexios de toda Galicia

O grupo de Linguas Signadas lanza cinco vídeos que achegan a figura de Delgado Gurriarán ás nenas e nenos xordos

Realizados en colaboración co Seminario Galán, este é o noveno ano que se pon en marcha a iniciativa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/05/2022

“Queremos que as nenas e os nenos xordos poidan celebrar o Día das Letras Galegas na súa lingua e que todos os nenos en xeral teñan a posibilidade de coñecer unha lingua visoxestual”. Así explica a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Inmaculada Báez a idea coa que  desde o Grupo de investigación de Lingua Española e Linguas Signadas se puxeron mans á obra na gravación de cinco vídeos cos que difundir entre os máis pequenos a figura da persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas, neste caso Florencio Delgado Gurriarán. 

Os vídeos, adaptados aos diferentes ciclos de Educación Infantil e Educación Primaria, están dispoñibles na web de UVigoTV e do Seminario Galán, de maneira que todos os colexios de Galicia teñen acceso a eles. “Ao estar realizados en función dos niveis, cada profesor ou profesora elixe o que máis se adecúe e expono na clase”, recalca Báez Montero.

Arrancaron en 2013 con vídeos sobre Roberto Vidal Bolaño

Esta iniciativa botou a andar no 2013 cun bloque de vídeos sobre Roberto Vidal Bolaño, a figura homenaxeada nesa data, e fíxoo coa colaboración das mestras e mestres do Seminario Permanente de Formación do Profesorado do CEIP Galán, Seminario Galán, no que participa profesorado de Infantil e Primaria de diferentes centros de ensino da provincia da Coruña. “Levamos xa nove anos facéndoo, o próximo será o décimo, só paramos no 2020 por mor da pandemia, polo que o ano pasado gravamos os de Carballo Calero e Xela Arias”, explica a docente.

Desde o Seminario Galán, a que Báez se refire como “alma mater” do proxecto, realizan anualmente diferentes materiais didácticos cos que presentar nas aulas o Día das Letras Galegas. “Unha compañeira do Grupo de Investigación de Lingua de Signos, María Bao, propuxo colaborar con eles e pareceunos unha idea estupenda que os nenos e nenas xordas tamén puideran celebrar o Día das Letras Galegas na súa lingua, a lingua da súa identidade tamén galega”, explica Báez, ao que engade que desde o primeiro momento contaron coa implicación total no proxecto de UVigoTV.

Parten dos textos realizados polos docentes do Seminario Galán e desde o Grupo de investigación de Lingua Española e Linguas Signadas encárganse de adaptalos á lingua de signos. “O noso traballo consiste na preparación previa do contido dos textos para poder realizar logo á tradución á LSE que gravamos en vídeo, validamos e publicamos na web de UVigoTV”, explica a investigadora, quen tamén fai fincapé na importancia das tarefas de control de calidade, “os vídeos teñen moita difusión e por iso, unha vez gravados, enviámolos a validadores xordos e signantes e, ata que estes non dan a súa aprobación, non se publican”, recalca Báez Montero, quen salienta que todas as persoas que participan ou colaboran no proxecto fano “de xeito totalmente altruísta”.