Nel participa un equipo da Facultade de Ciencias do campus
Un grupo operativo avanza no aproveitamento de residuos porcinos e forestais para mellorar a calidade dos solos
O material compostado aplicouse en cultivos de vide, oliveira e pistacho
Desde o ano 2022, un equipo da Universidade de Vigo participa no Grupo Operativo Novos aproveitamentos de emendas obtidas de residuos porcinos e forestais para a mellora da calidade dos solos. Nel desenvolveuse un proxecto para obter unha emenda orgánica, resultado da mestura de residuos porcinos e forestais, de aplicación para o mantemento da fertilidade dos solos con cultivos leñosos (vide, oliveira e pistacho) así como na conservación de solo en zonas onde o cambio de uso favorecería a súa perda por erosión.
A entidade coordinadora deste grupo operativo é a empresa Seica Seo S.L e nel participan a Universidade de Vigo (Facultade de Ciencias-Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), a Universidade de Santiago de Compostela (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría), a produtora agrícola Ana María Pérez e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Serra de Meda-Vences. A Universidade de Vigo é a responsable da posta en funcionamento e seguimento dos ensaios en campo deseñados para avaliar a utilidade dos produtos compostados xerados a partir dos residuos porcinos e forestais.
Buscando alternativas sostibles e aplicables
Os obxectivos específicos do proxecto son obter unha menda orgánica derivada de residuos porcinos e de biomasa forestal que poida dar solucións adicionais ás necesidades do sector primario. A iniciativa, comentan desde a súa organización, “xurdiu coa finalidade de propoñer novas alternativas para a xestión de residuos de orixe gandeira, como os xurros de porcino, e os restos de biomasa forestal sen interese para a industria silvícola”. A súa idea principal é avanzar na valorización conxunta de ambos residuos buscando unha alternativa sostible e aplicable a nivel produtivo. Así, búscase “evitar os custes excesivos dunha axeitada xestión dos xurros ou da súa aplicación excesiva ou incorrecta no medio agrícola”. De igual xeito, engaden desde o grupo operativo, a reutilización dos restos de biomasa tras os labores silvícolas permitiría reducir os custes de mantemento nas zonas forestais explotadas, minimizar os riscos de incendio pola acumulación de biomasa seca fina e facilitar o uso dos medios forestais explotados pola poboación local.
O proxecto, que remata este mes de decembro, constou de varias etapas. Arrancou cunha recollida e selección de materiais derivados das actividades silvícolas e residuos de porcino e a realización de varias mesturas dos mesmos que se someteron a un proceso de compostaxe. A partir de aquí, desenvolvéronse dúas etapas a cargo de persoal investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, estando como coordinadores Juan Carlos Nóvoa e M. Flora Alonso e contando coa participación de Melissa Méndez, Andrea Parente e Lara Acemel. Este equipo da UVigo levou a cabo, contando co apoio dos socios do grupo operativo, ensaios de campo consistentes na aplicación dos materiais compostados obtidos na fase previa a solos de cultivo de vide, oliveira e pistacho, avaliando diferentes parámetros relacionados coa fertilidade do solo a dous tempos diferentes: xusto despois da aplicación das emendas e logo de seis meses. Ademais, empregaron algunhas das emendas orgánicas obtidas en fases previas para realizar ensaios de control da erosión en zonas onde o cambio do uso do solo podería facilitar os procesos de erosión.
Segundo explica o equipo da UVigo, unha interpretación preliminar dos resultados obtidos poñen de manifesto que a aplicación das emendas orgánicas ao solos de cultivo de viñedo, oliveira e pistacho supuxo a curto prazo un lixeiro aumento do pH en auga do solo. A adición de material compostado, engaden, parece contribuír positivamente á fertilidade dos solos dos cultivo ensaiados, aportando ao solo calcio, magnesio e fósforo a curto prazo, e carbono e nitróxeno máis a longo prazo. En todo caso, a emenda orgánica “foi quen de manter os niveis de fertilidade do solo despois de seis meses, coincidindo co período de maior requirimento nutricional dos cultivos avaliados”. En relación coa segunda das actividades, a utilización destas emendas para controlar a perda de solo por erosión en zonas de cambio de uso, os resultados obtidos "non foron moi concluíntes".
A iniciativa, que celebrou recentemente a súa xornada de balance de resultados en Verín, contou cun orzamento total de 179.935 euros e foi un dos proxectos de Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación, convocada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Foi financiado no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia e cofinanciado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.