DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha publicación aborda de xeito divulgativo as súas características e funcións

Unha guía para aclarar á cidadanía que é a educación social

A iniciativa quere visibilizar e valorizar a profesión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Académica
DUVI Ourense 17/12/2020

“Seguro que vos pasou algunha vez. Na mesa, nunha reunión familiar, coas colegas, de noite, de festa… E iso da educación social… Que é?”. Con esta escena arranca a publicación Educación social: a guía definitiva para explicar a profesión á túa familia e amigas, presentada este xoves no campus de Ourense. Nela explícase á cidadanía, dun xeito ameno e visual, que é e que fai un educador ou educadora social co obxectivo último de visibilizar e valorizar esta profesión.  

A guía, editada desde a plataforma Creando Educacion Social, é obra de Millán Brea, educador social e profesor na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, e da educadora social Lucía Fernández, contando ademais coas ilustracións da tamén educadora social Irene Fernández. “Este libro trata de achegar a nosa profesión a todas as persoas, facilitando unha linguaxe sinxela e explicando cales son as nosas funcións, os nosos traballos e a nosa perspectiva de intervención. É unha aposta por facer sinxelo o que ás veces non sabemos explicar”, comenta Millán Brea. Sobre a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas para divulgar a educación social, na publicación indícase como a súa posta en valor fai posible que “poidamos loitar polo seu recoñecemento e polo fin do intrusismo laboral no noso eido”.

Un educador ou educadora social é, explica Lucía Fernández, “un axente de cambio, de igualdade, que quere acompañar ás persoas para modificar algunha cousa da súa vida que non estea sendo positiva”. A iniciativa presentada este xoves, engade, nace da “necesidade de visibilizar e explicar esta profesión e de dar máis voz á educación social, que segue sendo unha gran descoñecida  para moitas persoas”. Moita xente, comenta, “non sabe se a educación social é un ciclo ou unha carreira e non sabe o que facemos, confundíndoo en moitas ocasións co traballo social”. No libro, engade, “rachamos con este descoñecemento e estereotipos dun xeito sinxelo”. Pola súa banda, Irene Fernández, salienta o interese deste tipo de iniciativas. Ela, apunta, foi a encargada das ilustracións da guía, apuntando como no seu traballo “sempre intento vincular as artes coa educación social, por considerar que as artes funcionan moi ben como ferramenta socioeducativa para traballar con calquera tipo de colectivo”.   

Case 30 anos de profesión e múltiples funcións

Na publicación detállase onde nace a profesión, as funcións dun educador ou educadora social e os seus retos, entre outros aspectos. Sobre as súas orixes, lémbrase como “a nosa profesión non é nova” e como “temos xa case 30 anos!” desde que se regulou en 1991 por real decreto o deseño curricular das formacións para a entón diplomatura universitaria de Educación Social. Entre as funcións dun profesional da educación social, a guía indica como están a transmisión, desenvolvemento e promoción da cultura; a xeración de redes sociais, contextos, procesos, recursos educativos e sociais e a mediación social, cultural e educativa. Tamén se inclúen entre as súas funcións o coñecemento, análise e investigación dos contextos sociais e educativos; o deseño, implantación e avaliación de programas e  proxectos educativos e a xestión, dirección, coordinación e organización de institucións e recursos educativos. 

A guía recolle como as e os educadores sociais “somos un recurso ao que poden derivarnos para acompañar no proceso de autonomía, no proceso de establecemento de redes sociais, no acompañamento e mellora das pautas de hixiene e habilidades sociais... Somos especialistas na intervención social pero somo moito máis”. Tamén hai oco no documento para explicar tanto o que non é un educador e educadora social, facendo fincapé en como “non cambiamos o mundo, sementamos, traballamos ao carón das persoas  para que elas mesmas sexan quen de crear novas realidades”, como nos retos da profesión, entre os que se inclúe a súa implantación nos centros educativos.