DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística publica 'Breve guía para mellorarmos o uso do galego'

Unha guía para non 'desenrolar', 'xeralizar', nin 'plantexar'

A publicación repasa erros frecuentes detectados nos textos que o servizo revisa a diario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/06/2022

Asegura o director da Área de Normalización Lingüística (ANL) da UVigo, Fernando Ramallo, no limiar da última publicación do servizo que dirixe que “errar nos usos das linguas é algo inherente ao seu manexo, nomeadamente cando é unha lingua aprendida na socialización secundaria”, ao que engade que, “cómpre avanzar nese dominio, superar os erros que conforman a nosa peculiar forma de comunicármonos e engrandecer o control que temos sobre as nosas prácticas comunicativas en lingua galega”. Precisamente con este obxectivo concibiuse Breve guía para mellorarmos o uso do galego, obra das técnicas da ANL, María Cristina Rodríguez Ricart e Eva María Castro Figueiras, centrada nos erros máis frecuentes atopados nos textos que día a día revisan na área, á que chegan remitidos pola comunidade universidade. “Con este documento queremos seguir contribuíndo a superar esas eivas”, sinala Ramallo, para quen “mellorar o dominio formal e funcional dun idioma constitúe un esforzo permanente en todos e todas as falantes, maiormente como una esixencia persoal”.

A guía, dispoñible en formato papel e tamén en liña, estrutura as súas 36 páxinas en tres apartados: un primeiro centrado en cuestións ortográficas e gramaticais, que dá paso a un segundo que afonda en aspectos de redacción e estilo, para rematar cunha terceira parte titulada Para esquecermos na que se inclúe unha relación de preto de 60 palabras e expresións incorrectas e a súa forma corrixida. A publicación complétase con varias páxinas para que cada lector ou lectora poida anotar os seus propios erros.

Da ausencia da linguaxe inclusiva aos erros no uso dos acentos gráficos

En relación coas eivas no uso da lingua Ramallo sinala que “en Galicia, dada a situación de contacto conflitivo que temos entre as dúas linguas oficiais, o erros na lingua minorada constitúen unha ‘normalidade’ que semella aceptada”, algo que segundo o director da ANL, “non acontece cos erros ao redor do castelán en Galicia, en particular coas súas formas escritas, que adoitan estar moito máis (auto)vixiadas”. 

Os erros no uso do acento gráfico e diacrítico, nas siglas, no xénero, na colocación do pronome átono ou nas formas verbais, entre outros, centran o apartado dedicado ás cuestións ortográficas e gramaticais con que comeza a Breve guía para mellorarmos o uso do galego, que continúa co capítulo Redacción e estilo, no que se abordan cuestións como o uso da coma, do punto ou dos dous puntos, citas, títulos de obras e outros erros comúns, como a ausencia da linguaxe inclusiva, ou o exceso de nominalización ou o abuso da voz pasiva

Para esquecermos é o derradeiro apartado da guía, unha relación de 56 palabras e expresións incorrectas, pero de uso habitual, como a nivel de, a partires de, aforo, búsqueda, conlevar, desenrolar, emprazar, listado, on line, plantexar, rasgo ou xeralizar, e as súas correspondes formas correctas.