DUVI

Diario da Universidade de Vigo

11 vicerreitoras e vicerreitores e o secretario xeral integran o grupo deseñado por Pachi Reigosa

H2040 concorrerá ás eleccións cun equipo de goberno paritario con representantes dos tres campus

Igualdade de oportunidades no acceso aos estudos e negociación dunha nova RPT, claves programáticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 02/04/2018

Seis mulleres e seis homes integrarían o equipo de goberno que encabeza Pachi Reigosa á fronte da candidatura H2040 cara ás eleccións a reitor que se celebrarán o vindeiro 23 de abril. O campus de Vigo estaría representado con seis vicerreitoras e vicerreitores, Ourense con tres vicerreitores e vicerreitoras, ademais do secretario xeral e Pontevedra cunha vicerreitora e un vicerreitor. A Secretaría Xeral estaría ocupada, caso que H2040 acadase a vitoria nas eleccións do vindeiro 23 de abril, polo profesor titular da Área de Dereito Internacional Privado Miguel Ángel Michinel Álvarez. Pola súa banda, Jorge Genaro Soto Carballo, profesor contratado doutor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, ocuparía o cargo de vicerreitor do campus de Pontevedra e María Esther de Blas Varela profesora titular do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo na Facultade de Ciencias, sería a vicerreitora do campus de Ourense. En canto ás vicerreitorías, a de Planificación e Sostibilidade estaría ocupada polo catedrático do Departamento de Enxeñería Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos José Luis Míguez Tabarés; a de Comunicación e Relacións Institucionais pola profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Mónica Valderrama Santomé; a de Economía sería responsabilidade do director do Departamento de Fundamentos de Análise Económica, José María Martín Moreno; á fronte da  Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria estaría a actual directora da Escola de Enxeñaría de Minas Enerxía, Natalia Caparrini Marín, mentres que a decana da Facultade Ciencias do Mar, Belén Rubio Armesto, ocuparía a Vicerreitoría de Investigación. O equipo de goberno complétase coas vicerreitorías de Ordenación Académica e Profesorado que dirixiría o docente do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías das Comunicacións Manuel Ramos Cabrer; a de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación coa profesora titular na Facultade de Ciencias da Educación María Isabel Doval Ruiz; a de Transferencia coa docente do Departamento de Enxeñaría de Materiais, Mecánica Aplicada e Construción María Consuelo Pérez Vázquez e a Vicerreitoría de Internacionalización co catedrático de Nutrición e Bromatoloxía Jesús Simal Gándara á fronte.

Catro representantes do campus de Ourense

María Esther de Blas Varela sería a vicerreitora do campus de Ourense. De Blas é profesora titular do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo na Facultade de Ciencias e imparte docencia nos tres campus. Doutora en Farmacia, centra a súa actividade investigadora no Grupo de Análise de Concas Sedimentarias, en liñas como a materia orgánica en solos e sedimentos, xeoquímica de sedimentos mariños, metano, intercambio entre fases sólida e líquida e cambio climática. Entre os anos 1983 e 2017 publicou unha trintena de artigos e dirixiu unha tese de doutoramento. É directora-delegada da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, centro adscrito da Universidade de Vigo. 

Míguel Ángel Michinel Álvarez ocuparía o cargo de secretario xeral. Profesor titular da Área de Dereito Internacional Privado e acreditado a catedrático, é investigador do grupo Medea Iuris, centrando a súa actividade nos campos do dereito do comercio internacional e de familia e arbitraxe e litigación internacional. É autor de preto dunha decena de libros e de artigos publicados en revistas nacionais e internacionais e imparte docencia nos campus de Ourense e Vigo, no Grao de Dereito e nos mestrados de Avogacía e no de Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social. Michinel Álvarez ocupou diferentes postos na dirección da Facultade de Dereito, entre eles o de decano no período 2009-2012 e na actualidade o de vicedecano de Calidade. 

Jesús Simal Gándara estaría á fronte da Vicerreitoría de Internacionalización. Simal é catedrático de Nutrición e Bromatoloxía e profesor na Facultade de Ciencias. Ademais é director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria e investigador principal do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias, no que centra a súa actividade no estudo da distribución de contaminantes químicos orgánicos agrícolas e medioambientais na cadea de produción de alimentos, con especial interese no estudo dos contaminantes persistentes desde o punto de vista da saúde pública. Responsable do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias-Campus da Auga (Cia3), Simal é editor de catro libros e autor de capítulos noutros 10 volumes nacionais e 14 internacionais. 

A representación do campus de Ourense no equipo de goberno complétaa María Isabel Doval Ruiz. Profesora titular na Facultade de Ciencias da Educación e directora do Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación. Investigadora do Grupo de Investigación Educativa,  centra a súa actividade na atención á diversidade, a calidade educativa e as novas tecnoloxías. Autora principal ou participante na publicación dunha decena de libros e preto dunha vintena de artigos, Doval Ruiz foi subdirectora xeral de Universidades da Xunta de Galicia no goberno de Emilio Pérez Touriño.

Un vicerreitor de campus e unha vicerreitora de Comunicación de Pontevedra

Pola súa banda, o cargo de vicerreitor de campus de Pontevedra corresponderíalle a Jorge Genaro Soto Carballo. Profesor contratado doutor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, Jorge Genaro Soto Carballo desenvolve o seu labor docente na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na área de Teoría e Historia da educación. Doutor en Ciencias da Educación e integrante do grupo GIES-10, Soto Carballo centra o seu labor investigador nas áreas de formación do profesorado, saúde e educación e pedagoxía dos valores. Foi un dos dez finalistas nos premios Educa Abanca 2017 ao mellor docente de España na categoría de universidades. A outra representante do campus de Pontevedra no equipo reitoral sería Mónica Valderrama Santomé. Profesora contratada doutora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Mónica Valderrama Santomé é docente na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación desde o ano 2000, onde tamén coordina o Máster de Dirección de Arte Publicitaria. Doutora en Publicidade e Relacións Públicas, as súas liñas de investigación céntranse nas tendencias creativas en medios audiovisuais emerxentes, nos novos formatos publicitarios audiovisuais ou nas novas tecnoloxías aplicadas á comunicación organizacional.

Seis vicerreitorías con selo vigués

A presenza de docentes e persoal investigador do campus de Vigo no equipo de goberno da candidatura de H2040 está integrada por José Luís Míguez Tabarés, que ocuparía a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade. Catedrático do Departamento de Enxeñería Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos é o investigador principal do Grupo de Tecnoloxía Enerxética. Coautor de sete libros e máis de 50  artigos en revistas internacionais, participou nunha cincuentena de proxectos con empresas e entidades públicas. Míguez Tabarés desempeñou os cargos de director das áreas de Innovación e Desenvolvemento entre os anos 2005 e 2006, así como de Novos Proxectos, entre 2006 e 2010, ademais de ser delegado da Universidade de Vigo no Centro Universitario da Defensa, onde dirixiu a primeira tese presentada nese centro no ano 2014.

Natalia Caparrini Marín, actual directora da Escola de Enxeñaría de Minas Enerxía, sería a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. Caparrini é doutora pola Universidad Politécnica de Madrid e desde 2008 contratada doutora pola Universidade de Vigo. Integrante do grupo de investigación Xeotecnoloxías Aplicadas, centra o seu traballo na integración de técnicas xeolóxicas, xeofísica e xeoquímicas aplicadas da campos como a xeoloxía, enxeñaría civil, minería e arqueoloxía. É coautora de máis de 25 publicacións e participante en máis de 35 proxectos con empresas. Desempeñou os cargos de secretaria e subdirectora de Organización Académica e Coordinadora de Calidade na ETSE de Minas, así como coordinadora de graos e un mestrado.

Pola súa banda, José María Martín Moreno ocuparía a Vicerreitoría de Economía. Director do Departamento de Fundamentos de Análise Económica, Martín Moreno é membro do grupo Rede e de Ecobas. Autor de máis dunha vintena de artigos publicados en revistas nacionais e internacionais, tamén dirixiu e participou nunha trintena de proxectos de investigación e consultoría no sector público e privado. Decano da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Vigo e responsable de Relacións Institucionais do Mestrado en Economía, Martín Moreno dirixiu a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, recentemente foi nomeado membro do consello académico asesor da Fundación Mentor.

A Vicerreitoría de Investigación estaría dirixida pola actual decana da Facultade de Ciencias do Mar, Belén Rubio Armesto. Catedrática do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, Rubio centra o  seu labor investigador en sedimentoloxía, contaminación mariña, xeoquímica ambiental e xeoloxía mariña. Directora de preto dunha decena de proxectos de investigación, participou noutros 30 e suma máis de 40 publicacións SCI, ademais de dirixir ou participar en máis dunha ducia de proxectos e contratos de I+D de especial relevancia con empresas e administracións. Secretaria do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, chegou ao decanato da Facultade de Ciencias do Mar no ano 2013, revalidando o cargo o ano pasado.

Manuel Ramos Cabrer, pola súa banda, ocuparía o cargo de vicerreitor de Organización Académica e Profesorado. Docente do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías das Comunicacións e do Máster e Programa de Doutoramento en Enxeñaría Telemática, Ramos Cabrer centra o seu labor investigador no Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (SSI) nos sistemas de personalización/recomendación, o razonamento na web semántica e redes de dispositivos móbiles. Como autor principal ou colaborador publicou entre os anos 1999 e 2017 máis dun cento de traballos académicos.

A Vicerretoría de Transferencia sería responsabilidade de María Consuelo Pérez Vázquez. Doutora en Química pola Universidade de Santiago, Pérez Vázquez é profesora contratada doutora do Departamento de Enxeñaría de Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e investigadora do Grupo de  Enxeñaría de Corrosión e Materiais (Encomat), no que orienta a súa actividade principalmente á aplicación de técnicas electroquímicas en distintos aspectos da corrosión (formigón armado, recubrimentos metálicos, protección contra a corrosión…) e co que ten publicado nos últimos 14 anos máis de 40 traballos.

Liñas programáticas básicas 

O equipo de goberno dado a coñecer hoxe por H2040 será o encargado de materializar, caso de gañar as eleccións que se celebrarán dentro de tres semanas, o programa electoral deseñado pola candidatura encabezada por Pachi Reigosa. Entre as liñas programáticas básicas destacan as de garantir  a igualdade de oportunidades no acceso e seguimento dos estudos universitarios, a través da defensa da conxelación das taxas de grao e achegamento dos prezos públicos de mestrado aos de grao. A formación avoga tamén pola dignificación e valorización da calidade da docencia, revertendo os efectos negativos da interpretación e aplicación realizada das normativas estatais na Universidade de Vigo. Neste apartado H2040 comprométese no primeiro ano de execución do programa electoral a que o profesorado teña capacidade docente non superior a 280 horas e limitación do número máximo de materias e medidas adicionais no resto dos anos.

A negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo para o PAS, a mellora do clima laboral a través da revitalización dos órganos de goberno, a xestión do a talento coa intensificación da captación de estudantes e o impulso á internacionalización das titulacións e á docencia nun terceiro idioma, son outras medidas incluídas no programa electoral, que tamén fai fincapé no aproveitamento do potencial do capital humano da institución, mediante a eliminación e simplificacións dos trámites e procedementos non obrigatorios. H2040 tamén contempla no seu programa a planificación do cadro de persoal teórico de PDI cara ao futuro, o establecemento de criterios sinxelos e negociados para a promoción do PDI e avanzar na desprecarización dos colectivos de PDI que imparten docencia estrutural.