DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu este xoves o seu lanzamento

Historia, arte e xeografía nun novo número da revista Minius

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 16/05/2024

Unha nova entrega da revista Minius. Historia, Arte e Xeografía xa está dispoñible para a súa consulta na web. Trátase do seu número 28, o correspondente ao ano 2023, e nel recóllese boa parte da tarefa investigadora das diferentes áreas que compoñen o Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo responsable desta publicación.

A revista, editada polo Servizo de Publicacións da UVigo, foi presentada este xoves nun acto celebrado na Facultade de Historia no que participaron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Xosé Antón Díaz, co-director de Minius xunto a Xosé Ramón Campos, e Fermín Pérez, responsable do citado departamento. Nas súas intervencións, destacaron a dilatada traxectoria da publicación, a súa multidisciplinariedade, a súa calidade científica e o esforzo que a fai posible. Ademais de presentarse o número 28, no lanzamento, ao que asistiron Julio Prada, decano da Facultade de Historia, e as vicerreitoras Susana Reboreda e Belén Rubio, tamén se fixo repaso do número 27, correspondente ao ano 2022.

Diversidade temática

Seguindo a liña de traballo da revista, o seu novo número recolle unha ampla gama de artigos de diferentes disciplinas. No ámbito da historia, inclúe textos sobre o paleolítico en Galicia; os escritos no Salnés medieval; o Couto Mixto; os inicios do fútbol nos concellos de Ourense e Canedo (1907-1918); o expediente Mouse e a creación dunha identidade nacional arxentina dende a independencia ata 1890. No eido xeográfico hai artigos sobre o parque natural das Fragas do Eume; a identidade social e valores en perspectiva galega no século XXI; a ordenación do territorio como función pública e o alcance da súa concepción e o triángulo consumo, responsabilidade e globalización en relación coa paz. Tamén se poden ler reseñas de diferentes publicacións de investigadores da UVigo.

Polo que respecta ao número 27, nel tamén se agrupan achegas das diferentes áreas presentes no Departamento de Historia, Arte e Xeografía, abranguendo desde os datos de ocupación antiga na illa de Sálvora (Ribeira), resultado dunha intervención arqueolóxica realizada polos investigadores do GEAAT neste enclave, ata a xeodemografía da provincia de Pontevedra entre 1970 e 2020.