DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Carlos Sixirei publica o libro 'Plaza del mundo'

A historia do Brasil, en 1192 páxinas

Nel ofrece unha perspectiva foránea da evolución dese país

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 25/04/2019

Plaza del mundo. Historia informal de Brasil. Con este título e subtítulo preséntase o último libro de Carlos Sixirei, profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense. Trátase dun manual de historia do Brasil de 1192 páxinas que pretende ofrecer ao público hispano unha aproximación “desenfadada pero científica” á evolución dese país.  

A publicación, que se presenta este xoves no campus de Ourense no marco da celebración do III Congreso Euroamericano de Dereito e Política, é, segundo comenta Carlos Sixirei, froito de seis anos de traballo. Sobre ela, o seu autor destaca como “é a primeira vez que se fai unha análise completa da historia do Brasil desde unha perspectiva foránea, española neste caso, e feita por un profesor español”. Así, indica, “hai publicados varios libros deste tipo en España e en español pero son traducións de obras en portugués”. A obra, apunta, nace da súa especialización como “brasilianista”. “Con Brasil tiña unha especie de débeda sentimental, porque me formei alí na época do posgrao e sempre tiven moita relación con ese país, sendo profesor e impartindo cursos e conferencias en diversas universidades. Tiña unha especie de débeda moral co país”, afirma o historiador. Aínda que con algún libro xa publicado anteriormente centrado no Brasil, neste libro, indica Carlos Sixirei, “preferín facer un traballo de visión global que servise fundamentalmente a estudosos españois ou simplemente curiosos da historia deste país pero que ao mesmo tempo tivese valores suficientes para que puidera ser interesante a súa tradución e edición en Brasil”.

Un enfoque diferente

Plaza del mundo, comenta o seu autor, “abrangue a historia do Brasil desde as orixes”. A obra, detalla Carlos Sixirei, comeza cun capítulo de historiografía “para pór ao día a calquera estudoso español das cousas que se publican no Brasil e fóra do Brasil sobre historia brasileira” e continúa abordando as diferentes etapas históricas, desde a indíxena e a colonial ata a independencia e os tempos actuais. Sobre os contidos da obra, o historiador destaca como “introducimos aspectos que non son frecuentes nas historias de corte máis académico, intentamos escapar un pouco das propostas máis tradicionais”, de aí o subtítulo de Historia informal de Brasil.

“Os libros de historia do Brasil, como é habitual, céntranse no campo político, económico ou social e en menor medida no cultural pero con escasísima presencia da cultura popular”, comenta Carlos Sixirei. No seu libro, pola contra, indica como se introduciron outros elementos tanto no contido, abordando cuestións como a orixe da samba ou a relación entre o fútbol e a política, coma no enfoque, desenvolvendo por exemplo o capítulo dedicado á ditadura militar a partir da letra de varias cancións. “Plaza del mundo caracterízase non só por analizar e expor os factores habituais neste tipo de traballos (a realidade política, económica e social), senón por conceder, ademais, un amplo espazo á cultura en todos os campos e unha especial atención ás súas manifestacións populares: desde o fútbol ao entroido, desde a canción protesta ao cine”, indican desde a editorial do libro, Verbum.

Sobre o reto de abordar a síntese da historia dun país da extensión e da diversidade do Brasil, o profesor do campus de Ourense sinala que é unha “tarefa complexa como a de calquera país que teña historia”. Así, apunta como aínda que aparentemente o país brasileiro ten un período curto de historia, considerada desde a conquista, de 500 anos, “son 500 anos moi intensos, que dan para moito”.