DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra do Consello da Cultura Galega ‘Luces de alén mar’ pode visitarse ata o 31 de outubro

A historia das escolas impulsadas desde a emigración centra unha exposición na Vicerreitoría

Unha vintena de paneis afondan no labor das sociedades de instrución creadas en América

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Pontevedra 03/10/2019

Nas primeiras décadas do século XX, construíronse en Galicia máis de 250 escolas por iniciativa das sociedades de instrución, colectivos de emigrantes en América que buscaban deste xeito contribuír á mellora da educación nas súas vilas e comarcas de orixe. Pór en valor esta contribución e afondar na creación e funcionamento destes centros educativos son dous dos obxectivos da exposición Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia, unha mostra promovida polo Consello da Cultura Galega e o Arquivo da Emigración de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta, que ata o 31 de outubro pode visitarse, en horario de 9.00 a 21.00 horas, na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus.

Unha vintena de paneis integran a mostra que desde 2013 percorre a xeografía galega e que retorna a Pontevedra, tras exhibirse por primeira vez na cidade o pasado ano, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Manuel Morquecho, participaron este xoves na apertura dunha exposición que, sinalaron, “permítenos sobre todo ver a importante función que desenvolveu este colectivo”.

Un colectivo que creou máis de 500 sociedades de instrución

Comisariada polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Vicente Peña, a mostra aborda nos seus diferentes paneis o “éxodo” galego a América, o labor de “filantropía docente” dos indianos galegos e a traxectoria no asociacionismo dos emigrantes, ao mesmo tempo que pon o foco na situación na que se atopaba o ensino en Galicia a comezos do pasado século. No período que abrangue entre o ano 1904 e o inicio da Guerra Civil, en 1936, creáronse en Arxentina, Cuba, Brasil, Uruguai e Porto Rico un total de 546 sociedades de instrución, que agrupaban aos emigrantes por parroquias, concellos ou comarcas. Os fondos recadados por estes colectivos fixeron posible a construción neste período de máis de 250 escolas en moitos puntos de Galicia, nas que esta exposición se detén para afondar tanto na súa creación como na súa actividade diaria, á vez que para presentar tamén o seu enxoval, programas e textos, do mesmo xeito que tamén aborda a situación e os usos que teñen na actualidade varios destes edificios..