DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para facilitar ao estudantado a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre

O horario especial de apertura das bibliotecas esténdese ata finais de xaneiro

Nas fins de semana e festivos e tamén polas noites

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 01/12/2021

Dende esta pasada fin de semana as bibliotecas centrais dos tres campus, xunto coa biblioteca de Torreceira en Vigo, teñen xa en marcha os horarios especiais co gallo dos exames do primeiro cuadrimestre. Con esta ampliación da apertura trátase de facilitar ao estudantado a preparación das probas que teñen lugar entre os meses de decembro e xaneiro. Para isto, amplíanse os horarios tanto nas fins de semana como polas noites, de luns a venres. 

Así, durante as fins de semana e os festivos, as bibliotecas centrais de Vigo, Ourense e Pontevedra, xunto coa de Torrecedeira, permanecerán abertas de 09.00 h a 21.00 horas ata o domingo 23 de xaneiro, ademais dos festivos de 6 e 8 de decembro. Permanecerán pechadas os días 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro. 

No que se refire ás aperturas nocturnas, as centrais de Ourense e Pontevedra e a de Torrecedeira en Vigo estarán abertas de luns a venres ata a 01.00 horas ata o 17 de decembro (agás festivos), e dende o 10 de xaneiro ata o 26 de xaneiro.

Durante estes horarios de fin de semana e en horario nocturno a partir das 21 h, as bibliotecas só prestan un servizo de espazo de estudo, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos etc.

Condicións de acceso

De acordo coas indicacións do Comité Asesor sobre a covid-19 da Universidade de Vigo, actualmente non existe límite de acceso ás bibliotecas, podendo ocuparse o 100% da súa capacidade, polo que todos os postos de estudo quedan á libre disposición das persoas usuarias sen que sexa necesario identificarse para acceder a un posto. Si continúa sendo obrigatorio o uso da máscara para acceder e permanecer no interior das bibliotecas, así como o respecto da distancia interpersoal de seguridade de 1,5 m para circular e transitar polas instalacións bibliotecarias.

As persoas alleas á comunidade universitaria que queiran acceder ás bibliotecas da Universidade deben contar co carné de usuaria ou usuario externo da Biblioteca.