DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus participa un ano máis na Olimpíada Solidaria de Estudo

As horas na biblioteca transfórmanse en diñeiro para causas solidarias

A recadación destinarase a dous proxectos para mulleres de Ecuador e República Democrática do Congo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 07/11/2019

Desde o pasado 5 de novembro e ata o 5 de decembro, as horas na Biblioteca Rosalía de Castro volven a transformarse en diñeiro para causas solidarias. O campus participa un ano máis na Olimpíada Solidaria de Estudo, iniciativa internacional organizada por ONGD Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC. A recadación conseguida neste centro destinarase a dous proxectos para o empoderamento de mulleres de Ecuador e República Democrática do Congo.

As persoas que desexen participar nesta acción solidaria só teñen que apuntar nun espazo habilitado na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus o número de horas de estudo realizadas nas súas instalacións. Por cada hora “doada”, a organización da Olimpíada destinará, grazas ás entidades patrocinadoras, un “olimpio” a financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países desfavorecidos. O “olimpio” é o papel moeda da olimpíada posto en marcha nesta edición e a súa equivalencia en euros (que pode ser de un euro, 0,75 euros, etc) coñecerase ao seu remate, xa que para calcular o seu valor empregarase o número de participantes, as horas reunidas e o patrocinio conseguido para os proxectos seleccionados.

Desde a Oficina de Voluntariado do campus de Ourense animan a toda a comunidade universitaria a colaborar nesta acción “de sensibilización e solidariedade” a través da cal xuventude e empresas poden participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. O obxectivo último da olimpíada é, alén de conseguir fondos para proxectos concretos, concienciar sobre o obstáculo que pode supor para o futuro desenvolvemento dunha persoa non ter acceso á educación básica e a falta de formación. En 2019, a Olimpíada Solidaria de Estudo alcanza a súa 17ª edición baixo a lema Estou onde podo axudar. Ademais de participar apuntando as horas de estudo, desde a oficina indican como se pode participar como voluntarios e voluntarias, fomentando a participación das e dos usuarios da biblioteca explicándolles a mecánica de participación nesta iniciativa.

Empoderamento de mulleres traballadoras

Dous son os proxectos aos que se destinará o diñeiro recadado este ano na biblioteca universitaria do campus. O primeiro deles é unha iniciativa de reactivación da actividade produtiva de mulleres artesás do cantón de San Vicente en Ecuador. O proxecto quere apoiar a un grupo de 220 mulleres emprendedoras organizadas en asociacións de produción artesanal a través de procesos de mellora da súa capacitación profesional, emprendemento e comercialización dos produtos artesáns que elaboran. Para iso facilitaralles espazos e equipamento necesarios para producir e comercializar de forma asociativa, en condicións favorables, os seus produtos. Tamén traballarán con elas en talleres de autoestima e fortalecemento de xénero, “dous ingredientes necesarios para lograr, ao mesmo tempo, a reactivación moral e persoal destas mulleres traballadoras, moitas delas con escasos recursos e pouca formación”.

O segundo proxecto que se financiará é de empoderamento, formación e capacitación de 463 mulleres ecoprodutoras organizadas en nove asociacións e integradas na Palataforma Ecolo Femme co fin de mellorar o seu status social e o seu benestar global na República Democrática do Congo, considerado “como o peor lugar do mundo para nacer muller e onde os dereitos da muller son inexistentes”. As compoñentes da Plataforma de Mulleres Ecolo Femmes recibirán con este proxecto formación en técnicas de fortalecemento das súas pequenas explotacións agropecuarias pero tamén formación en dereitos.