DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O inmoble de López Mora estará operativo ata o 12 de febreiro 

Hoxe abren as salas de lectura acondicionadas no centro de Vigo para o alumnado da Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI 19/01/2021

Os 156 postos de lectura acondicionados nos últimos días pola UVigo en dúas plantas do inmoble número 6 da rúa López Mora están operativos desde hoxe e ata o vindeiro 12 de febreiro, co obxectivo de que o alumnado poida preparar neles os exames do primeiro cuadrimestre. Amosando o seu carnet, o estudantado pode acceder ás salas de estudo, que se localizan en dúas plantas do edificio cedido por Zona Franca á Universidade. Entre as 9.00 e as 21.00 horas de luns a venres, o alumnado que curse calquera titulación das que se imparten na Universidade de Vigo pode facer uso das salas: unha na planta baixa do inmoble con 15 postos, para persoas con mobilidade reducida, e outras dúas na segunda planta, con 115 postos unha e 26 a outra. 

Tanto no acceso ao inmoble, onde se tomará a temperatura ao estudantado que queira facer uso das salas, como no interior cumpriranse coas normas sanitarias, respectando as distancias entre os postos de lectura, que acadan como mínimo o 1.80 m de distancia entre eles; a través de códigos QR situados nas mesas e garantindo a ventilación dos espazos a través das ventás. 

Os postos de lectura dispoñen de mesas e cadeiras que a UVigo adquiriu cos cartos de medidas covid outorgados pola Xunta, que permitiron comprar un total de 1140 mesas e cadeiras, que ademais de neste inmoble se distribuíron no pavillón do campus de Vigo e no da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, así como no campus de Ourense, para a realización de exames. 

As bibliotecas centrais dos campus abertas nas fins de semana ata o 24 de xaneiro

Coa posta en servizo destas salas, o equipo de Goberno atende a demanda en tempos de covid de habilitar máis espazos para a preparación e realización dos exames, garantindo así seguridade e saúde do alumnado.

Así mesmo, cómpre lembrar que ata o domingo 24 de xaneiro, as bibliotecas centrais dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra amplían o seu horario de atención ao público e estarán dispoñibles os sábados e domingos en horario ininterrompido de 09.00h a 21.00h. Tamén abre co mesmo horario a biblioteca de Torrecedeira, pero neste caso o servizo restrínxese unicamente ao estudantado da Universidade de Vigo, de xeito que non se permite a entrada ao público alleo.