DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por Luis Gimeno, Raquel Nieto e Rogert Sorí

A humidade oceánica é cada vez máis importante nas precipitacións que hai nos continentes

Foi publicado na revista do grupo Nature 'Climate and Atmospheric Science'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 29/07/2020

No marco dun contexto de cambio climático, a humidade oceánica é cada vez máis importante nas precipitacións continentais, especialmente nas rexións tropicais. Esta é unha das principais conclusións dun traballo realizado por Luis Gimeno, Raquel Nieto e Rogert Sorí, investigadores do grupo Ephyslab CIM-UVigo (Environmental Physics Laboratory). O estudo foi publicado recentemente en Climate and Atmospheric Science, revista on-line e de acceso aberto publicada polo grupo Nature en colaboración co Center of Excellence for Climate Change Research.  

Sobre a relevancia da temática abordada neste artigo, os investigadores do Campus de Ourense-Campus da Auga, explican como a precipitación que cae nos continentes “define o alcance e a natureza dos ecosistemas terrestres e a actividade humana neles”. Esta precipitación, lembran, é subministrada pola humidade que provén directamente do océano ou posteriormente dos propios continentes e tanto os procesos que controlan a evaporación como os principais mecanismos de transporte de humidade difiren claramente entre o océano e o continente. Tendo en conta estas consideracións, engaden, “no contexto dun clima cambiante, pódese agardar que a relación entre a precipitación de orixe oceánica e terrestre varíe global e rexionalmente así como a influencia destes dous compoñentes básicos da precipitación total nas tendencias de precipitación global e rexional, especialmente nas zonas tropicais”. 

Incremento dun 0,51% por década

Segundo explican os autores do traballo, “a aceleración do ciclo hidrolóxico co cambio climático, apoiándose en argumentos termodinámicos, leva a unha intensificación do transporte de humidade desde as principais fontes, é dicir, rexións xeralmente oceánicas onde a evaporación excede á precipitación, cara os principais sumidoiros sobre as zonas continentais onde a precipitación supera a evaporación”. A intensificación deste transporte de humidade, engaden, “implica que a fonte de humidade oceánica para a precipitación continental medrará en importancia en comparación coas fontes terrestres”. Particularmente, matizan os membros de Ephyslab, “naquelas rexións onde as precipitacións están máis ligadas ao transporte de humidade, como nas rexións tropicais, as tendencias de precipitación deben ser controlas polo tanto dende a súa orixe nos océanos”.

No estudo realizado, detallan os seus responsables, aplicaron un enfoque baseado nunha técnica lagranxiana para estimar a precipitación nunha rexión obxectivo dadas as proporcións de humidade transportadas desde as dúas fontes (océano e continente). Este método, comentan, permítelles dividir a orixe das precipitacións entre a humidade procedente dos océanos e a humidade de orixe continental "para demostrar que a porcentaxe de precipitación con orixe oceánica xa ten aumentado no clima actual (1980-2016) a un ritmo de 0,51% por década en termos globais, sendo especialmente importante o aumento nas rexións tropicais, chegando ata un 1,15% por década”.

O seu traballo, engaden, “tamén mostra unha relación estatística entre a precipitación e a porcentaxe de precipitación de orixe oceánica en rexións tropicais, na que ambas experimentaron tendencias importantes”. Froito do seu estudo subliñan que “podemos concluír que a contribución das fontes oceánicas para as precipitacións globais está a aumentar, o que está a controlar as tendencias das precipitacións nas zonas tropicais”.