DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase este xoves e venres no campus

O I Encontro Internacional sobre Argumentación e Conflitos de Dereitos reúne a xuristas de 12 universidades

O obxectivo é afondar no estado da investigación neste eido

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 24/05/2018

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do I Encontro Internacional sobre Argumentación e Conflitos de Dereitos. Coordinada polo profesor titular da Área de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Raúl Bonorino, a cita conta coa participación de 20 especialistas de doce universidades españolas e estranxeiras. Trátase, explica o seu coordinador, dun encontro de carácter científico, non pensado para o público xeral senón destinado a “compartir o estado das nosas investigacións en curso e debater e discutir resultados”. 

A dirección académica do encontro corre a cargo de Pablo Raúl Bonorino e de Juan Antonio García Amado, da Universidade de León. Entre os relatores están expertas e expertos académicos procedentes das universidades galegas de Vigo e Santiago de Compostela e das universidades de Castela A-Mancha, Murcia, León, Salamanca, Alacante, Granada, Oviedo e da Universidade Internacional de Cataluña. Do estranxeiro hai participación da Universidade da República, de Uruguay, e da Universidade de Antioquia, de Colombia. Aínda que principalmente procedentes do eido da Filosofía do Dereito, a iniciativa reúne a xuristas de diferentes disciplinas de coñecemento coa idea de fomentar a interdisciplinariedade á hora de abordar as cuestións a debate. 

Este primeiro encontro, explica o seu responsable, nace da confluencia de varios proxectos de investigación nos que participa o grupo que dirixe, a Agrupación de Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito (Agaf) da Universidade de Vigo, financiado pola Xunta de Galicia no Programa de Grupos de Potencial Crecemento. Por unha banda, trátase do proxecto coordinado financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación Conflito de Dereitos e Produción Normativa, posto en marcha a principios de 2017 e no que se analiza como están influíndo os conflitos de dereitos no proceso de construción de novas normas xurídicas xerais, abordando nas friccións que xera no dereito desafíos como o tratamento da igualdade de xénero, do cambio climático, da prostitución ou da experimentación médica con persoas. Por outra banda, neste encontro tamén conflúe a Rede Universitaria Empresa e Administración, do programa de Consolidación da Xunta de Galicia, que reúne a grupo de investigación das tres universidades galegas, entre elas Agaf.

Cuestións fundamentais

As exposicións no encontro, comenta Pablo Raúl Bonorino, céntranse en “temas de argumentación e na abordaxe dos conflitos de dereitos fundamentais”. Como exemplo do que é este conflito de dereitos fundamentais sinala o caso da Manada, onde por unha banda estaría o dereito da vítima a ser crida e a ver castigadas as accións denunciadas e o dereito dos acusados á presunción de inocencia. “O xuíz, que non deixa de ser un funcionario ao que pagamos para que aplique o dereito, ten que facer un equilibrio e dar unha resposta argumentada a ese conflito. A pregunta é, a resposta xorde do dereito ou pode construírse en base a principios de xustiza”, comenta o profesor de Filosofía do Dereito, lembrando a polémica arredor da sentencia neste caso. “Ao final debatemos sobre temas de filosofía do dereito e polo tanto as cuestións que abordamos son nodais, son as vellas cuestións desde o seu nacemento hai 2000 anos”, sinala Pablo Raúl Bonorino.  

O encontro prolongarase ata o venres, cando se leve a cabo a única das actividades aberta ao público, unha conferencia sobre a proba científica nos procesos xudiciais que será ofrecida por Marina Gascón, catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade de Castela A-Mancha. Será esta conferencia tamén a que peche a celebración do Curso de Actualización Xurídica que ao longo deste curso académico celebrou a Facultade de Dereito co obxectivo de que o seu profesorado e profesionais  interesados puidesen afondar en temas de actualidade e transversais no eido xurídico.