DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrouse este domingo con saída nas pistas de atletismo

O I Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense reuniu a 60 participantes

Susana Reboreda e Baltasar García gañaron o Trofeo Campus da Auga de natación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
DUVI Ourense 11/06/2018

Esta fin de semana foron dúas as principais citas deportivas nas que participou dun ou doutro xeito o campus de Ourense. Por unha banda, o domingo as pistas de atletismo universitarias acolleron a celebración do I Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense, que reuniu a arredor de 60 persoas. Por outra banda, no marco da travesía Encoro Os Peares, Susana Reboreda e Baltasar García, do Club Natación Escualos, fixéronse co ITrofeo Campus da Auga de natación. 

Fomentando a marcha nórdica

Co obxectivo de dar a coñecer os beneficios da marcha nórdica, unha modalidade en auxe que consiste en camiñar coa axuda e impulso de bastóns similares aos empregados no esquí, o campus de Ourense foi unha das entidades colaboradoras do I Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense. Organizada polo Club de Escaladores Ourensáns Asesou, a cita contou coa participación de arredor de 60 persoas, tanto federadas como non, e a presencia de representantes das entidades implicadas na cita, como Marta Míguez, secretaría xeral para o Deporte; Mario Guede, concelleiro de Deportes de Ourense, e Mario González, xerente do Consello Municipal de Deportes. Na categoría feminina gañou Silvia Valdés, seguida de Laura López e Amalia Baltar e na categoría masculina quedou en primeiro lugar José Manuel Iglesias, seguido de Javier Bañón e Joan Sala. Desde a organización destacan a boa acollida desta primeira edición e ter acadado  unha participación moi diversa en idades. 

Apoiando a natación

Tamén este domingo tivo lugar, neste caso no marco da celebración da proba de natación Desafío Encoro Os Peares, o Trofeo Campus da Auga, organizado polo Club Natación Escualos co que a Universidade de Vigo asinou recentemente un convenio de colaboración para o fomento deste deporte. Cunha temperatura de 14 graos, destacan desde a organización, a cita contou coa participación dun centenar de nadadoras e nadadores. Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense, e Baltasar García, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática tamén do campus, e ambos membros do Club Natación Escualos, fixéronse con este trofeo universitario, amosando ambos a súa satisfacción por gañar a primeira edición deste galardón.