DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Asociación Universitaria, Syme

As I Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental poñen punto de saída a un ambicioso proxecto para converter ao Campus de Ourense nun referente ecolóxico

Ao carón doutras actividades e plan deseñados pola Universidade para os tres campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 01/10/2007
“O primeiro paso de todo o que queremos facer respecto ao medio natural”. Deste xeito describiu o vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, ás I Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental, presentadas ás 11:30 horas no Salón de Graos do Edificio Politécnico.
Gratuítas, abertas a todo o público e validables por dous créditos de libre elección, as sesións sobre lexislación e natureza terán lugar dende o luns 22 ao venres 27 de outubro grazas, entre outros, ao financiamento das Consellerías de Educación e Medio Ambiente.
“Neste momento o mundo enteiro reclama que o medio natural sexa tema prioritario a tratar, polo que penso que estas xornadas son moi oportunas. O único é que, quizais, chegan un pouco tarde... dez ou quince anos. E é que o compromiso, en xeral, tiña que estar adquirido antes de que a luz vermella se acendera”, afirmou o delegado de Educación, Gonzalo Sueiro, quen tamén loou o esforzo da Vicerreitoría de Ourense e da Asociación Medioambiental Universitaria, Syme, principal responsable da organización.
A esta opinión sumouse o delegado de Medio Ambiente, F.José Fumega, quen continuou comentando a boa escolla temática: “Se vemos o programa, comprobamos que se abordan cuestións de conservación, de residuos, de dereito, economía... Un abano de elementos que demostran que no noso planeta a cuestión ambiental pode ser cada vez máis transversal e implícita en máis campos e aspectos da nosa vida cotiá”, augurou.

Programa

Inauguradas polo conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, as sesións continuarán con multitude de conferencias da man de recoñecidos expertos. O presidente da Syme, J.Antonio Pérez, destacou algúns exemplos: a directora xeral de Industria Agroalimentaria, Almudena Rodríguez; o director xeral de Conservación da Natureza, Benito Reza; o director xeral de Desenvolvemento Sostible, E.Manuel Fernández, ou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela. “Tamén virá o director de Conservación de Adena España, Enrique Segovia, no que será a primeira ponencia deste colectivo internacional en Galicia”.
Dirixidas a toda a cidadanía, especialmente aos estudantes e aos técnicos de todos os concellos galegos, as xornadas só esixen para a asistencia cubrir unha inscrición e depositala nas secretarías dos decanatos de Ciencias e Dereito antes do día 19; mentres que aqueles que desexen obter máis información, J.Antonio recomenda visitar a web http://www.syme.es/.
Pola súa banda, en representación tamén do equipo decanal de Dereito, o decano de Ciencias, J.Carlos Mejuto, fixo fincapé no reto de afondar na formación dos estudantes superiores no ámbito medioambiental, entre outras cousas, “porque os tres grandes retos da humanidade neste momento xiran en torno a el”.
A xestión eficaz da enerxía, a xestión eficaz do medio ambiente e da súa conservación, e a xestión de recursos sostibles para poder alimentar á poboación do planeta, “son os tres eixes que xa están representados nas nosas titulacións, pero nos que debemos seguir traballando para, especialmente, formar profesionais que poidan traballar neses campos”, afirmou.

Outubro, igual a medio ambiente

O inicio do POP de Dereito Urbanístico e Medio Ambiental, a celebración destas xornadas, e da “segunda semana medioambiental” dende o 17 ao 20 de outubro no campus, levaron ao vicerreitor, Juan Francisco Gálvez a afirmar que “o medio ambiente é, sen dúbida, o gran protagonista do mes de outubro na Campus de Ourense”.
Mais isto non quere dicir que a partir de novembro se esqueza este eido, senón todo o contrario, xa que son os primeiros pasos dos plans previstos pola Universidade para converter os espazos docentes en referentes ecolóxicos.
De feito, dento de dous días, o Consello de Goberno presentará o Plan de Sostibilidade e Medio Ambiente da Universidade de Vigo, que se denomina plan SUMA e que incorpora diferentes programas. “Un deles é o de Difusión e Sensibilización, DIS, que ten por obxecto concienciar á cidadanía sobre estes temas. Tanto as xornadas de Dereito Ambiental como a segunda semana medioambiental están incluídas nel”, aclarou Gálvez.
Outro dos plans incluídos dentro do SUMA, é o Campus Terrae de Ourense, o que en Vigo denominarán Campus Verde, e en Pontevedra Campus Vedra. Incorporar enerxía alternativa para facer un uso máis eficiente dela, e coidar os temas urbanísticos co fin de deseñar os espazos da maneira máis respectuosa co medio ambiente posible, son os principais obxectivos.
“Este ano comezamos co cambio da iluminación interna dos edificios e proximamente mudaremos a iluminación exterior por lámpadas foltovoltaicas, mais isto só é o primeiro paso de todo o que queremos facer respecto ao medio ambiente”, sentenciou.