DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

A idade media dos futbolistas da Liga de Campións aumentou 1,6 anos nas tres últimas décadas

O artigo analiza tamén as variables que inflúen no valor de mercado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/02/2019

Os futbolistas que compiten na principal competición europea, a UEFA Champions League, son na actualidade 1,6 anos maiores de media que hai preto de tres décadas. Esta é a principal conclusión do estudo realizado polos investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Anton Kalen, Ezequiel Rey, Alejandro Sal de Rellán e Carlos Lago, comparando as idades de todos os xogadores que competiron na Liga de Campións desde que esta adoptou o seu “formato moderno”, na tempada 1992-1993, ata a pasada tempada 2017-2018, período no que a idade media dos futbolistas pasou dos 24,9 anos aos 26,5. O estudo, recollido nun artigo da revista Frontiers in Pshycology, constata tamén que non existen diferencias na idade media entre os equipos con maior éxito na competición e aqueles que non superan a fase de grupos, á vez que articula unha análise sobre os diferentes factores que inflúen no valor de mercado destes futbolistas, propoñendo un modelo que permitiría estimar ese valor en función de variables como a idade, o posto no que xogan, a súa experiencia na competición continental e as veces que a gañaron.

“Isto significa ao meu xuízo que melloraron moito os sistemas de adestramento, que se adestra cada vez máis pero mellor, e que os xogadores cóidanse máis”, sinala o catedrático Carlos Lago, autor deste artigo xunto ao profesor Ezequiel Rey e aos estudantes de doutoramento Anton Kalén e Alejandro Sal de Rellán. Segundo apuntan os autores do estudo, este aumento da idade media dos deportistas de alto nivel “xa se demostrara noutros deportes, como no tenis, pero no fútbol non había ningún estudio ata agora que verificase que se estaba producindo ese mesmo efecto”, o que, a xuízo de Lago, “é consecuencia da ciencia e do investimento económico dos clubs”, que contribuíron a que existan mellores medios para a recuperación dos deportistas, a un maior control da alimentación ou a unha mellor formación dos preparadores físicos, “e por tanto conséguese que os xogadores sexan capaces de permanecer máis anos na elite e manter durante máis tempo o seu máximo rendemento”.

Os porteiros alongan máis a súa vida deportiva que os dianteiros

A partires dunha base de datos con 16.062 referencias, as idades de todos os xogadores que ao longo das tempadas analizadas competiron cando menos nun partido da Liga de Campións, este estudo permitiu comprobar tamén que, fronte a hipótese de que “os equipos que gañan teñen xogadores con moita experiencia na competición”, a idade media dos conxuntos que acadaban o campionato ou chegaban á final e semifinais non variaba con respecto dos clubs eliminados en roldas previas ou na fase de grupos. “O que apunta isto é que quizais a combinación ideal para ter éxito sería ter xogadores con experiencia, que entenden mellor o xogo, con dominio da profesión, pero tamén xogadores novos, con fame de gañar títulos e de crecer”, conclúe Lago.

Por outra banda, a análise recollida no artigo Are soccer players older now than before? Aging trends in the last three decades of the UEFA Champions League amosa tamén que “esta evolución da idade media produciuse en todos os postos específicos”, aínda que dun xeito diferente. Nese senso, explica Lago, porteiros ou defensas centrais “alongan máis a súa vida deportiva”, podendo alcanzar “o seu pico de rendemento máximo aos 30 anos”, fronte a xogadores en postos “nos que a actividade é máis esixente”, como os dianteiros ou os extremos, “que son capaces de manter menos tempo a súa lonxevidade deportiva”.

O maior valor de mercado, entre os 26 e os 30 anos

Unha segunda parte deste estudo detense nas variables que inflúen no valor de mercado nestes futbolistas, para comprobar que “a relación entre a idade dos xogadores e o seu valor de mercado ten a forma dunha U invertida”, de tal xeito que o “valor máximo” destes deportistas se situaría nunha franxa que abrangue dos 26 aos 30 anos. Por debaixo desta franxa, sinala Lago, os xogadores de entre 21 e 25 terían “un valor parecido pero inferior”, mentres que se sitúan por debaixo dos 21 ou por riba dos 30 “caen no seu valor”. 

O artigo detense tamén noutra serie de variables que inflúen igualmente nas contías que os clubs aboan polo traspaso de xogadores, como o seu posto específico, xa que “conforme vas avanzando no campo os xogadores cada vez valen máis”, de tal xeito que os dianteiros teñen polo xeral un maior valor económico que os porteiros. Tamén determina un maior prezo de mercado “os anos de experiencia” no club e na competición, ao igual que o feito de ter gañado a propia Liga de Campións, “que ten un enorme impacto no seu valor de mercado”.

Nese senso, a partires desas variables da idade, o posto, a experiencia e o número de veces que se gañou a competición continental, os investigadores presentan neste artigo un “modelo estatístico que che permite estimar o valor de mercado dos xogadores”, apunta Lago, que incide en que “este é un aspecto que actualmente estase a estudar moito, saber cal sería o valor ideal dun xogador”.