DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consta dun curso introdutorio e oito con temáticas máis especializadas

Igualdade lanza un itinerario formativo virtual en xénero

O prazo de inscrición xa está aberto e as actividades arrancan o vindeiro luns

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/03/2020

A crise sanitaria obríganos a permanecer confinados nos fogares, pero isto non pode servir de escusa, senón de oportunidade para aproveitar estes días para seguir formándose. Así o ven desde a Unidade de Igualdade e a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado que, grazas ao apoio financeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, acaban de lanzar un itinerario formativo virtual en xénero co que poder satisfacer as necesidades de formación nesta temática da comunidade universitaria. 

Totalmente en liña, incluídas as probas de avaliación

O itinerario está composto por nove formacións, unha introdutoria (40 horas) e oito (15 horas) con temáticas máis específicas: educación afectivo-sexual; economía de xénero; sostenibilidade na vida no centro; o acoso sexual e acoso en función do sexo: unha xustiza invisible; a perspectiva de xénero na educación; normativa básica de xénero; a comunicación e o xénero, e o sexo e o xénero no século XXI. Na elaboración de todo o material didáctico destes cursos participaron principalmente profesorado experto da Universidade de Vigo e para algunhas temáticas convidáronse a expertas doutras universidades.

As persoas interesadas en inscribirse teñen xa aberto o prazo de preinscrición –ata o vindeiro 29 de marzo-, e a actividade docente en liña arrancará este mesmo luns día 23. O curso introdutorio, de 40 horas, prolongarase ao longo de dous meses e os específicos, de 15 horas, durante un mes. Atendendo ás especiais necesidades destes días, os cursos desenvolveranse totalmente en liña, incluídas as probas de avaliación.

Cada unha das actividades será certificada pola Universidade de Vigo. A formación para o alumnado será recoñecida por créditos ECTS (pendente de confirmación), terá o recoñecemento de Actividades de formación permanente para o PDI e computará como méritos para concursos do PAS. A idea é que se vaian xerando novos cursos de cara a ampliar contidos e enfoques para adaptarse mellor á demanda da comunidade universitaria. 

Responden a unha demanda clara da comunidade universitaria

A necesidade de formación especializada en xénero da comunidade universitaria foi unha das principais conclusións que reflectiu o estudo Valoracións, percepción e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo presentado no campus de Ourense o pasado 9 de marzo ao abeiro das actividades organizadas con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. O informe puxo enriba da mesa toda unha “radiografía” sobre os coñecementos e vivencias dos seus membros arredor da igualdade, tal e como subliñaron na presentación o reitor, Manuel Reigosa, e a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez. Unha das principais conclusións do estudo salientaba precisamente como arredor do 70% dos membros da comunidade universitaria quere mellorar os seus coñecementos sobre igualdade e, ese mesmo día, xa se anunciou a posta en marcha deste itinerario formativo virtual, cuxo arranque estaba previsto para o mes de abril pero que, dadas as especiais circunstancias que se están a vivir, decidiu adiantarse a este mesmo mes.

Desde a Unidade de Igualdade lembran que este itinerario virtual en xénero nace co fin de incrementar a calidade na docencia universitaria, a través da incorporación da formación teórica en xénero e da inclusión do enfoque de xénero. Así mesmo salientan que desde o Consello de Europa ínstase á incorporación de maneira efectiva da perspectiva de xénero «en todas as políticas e en todas as fases» e isto só pode lograrse se as universidades proporcionan ao alumnado unha formación que non sexa «cega» ao xénero.