DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está organizada pola Facultade de Dereito

A III Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal celebrarase o 19 de novembro

O seu obxectivo é fomentar a empregabilidade do alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 06/11/2019

A III Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal Orienta luris, organizada pola Facultade de Dereito do campus de Ourense, xa ten data de celebración. Será o día 19 de novembro nas instalacións do centro, no edificio Xurídico-Empresarial. A iniciativa afronta unha nova edición renovando o seu compromiso de fomentar a empregabilidade do alumnado e a realización de prácticas preprofesionais.

Orienta Iuris preséntase como “a primeira feira de emprego especializada no ámbito xurídico en Galicia e Norte de Portugal” e “punto de encontro no que alumnado, tituladas e titulados e profesionais do mundo do dereito poidan compartir experiencias, interrelacionarse e mellorar as posibilidades de acceso ao mercado laboral”. A feira, indican desde a organización, “é pioneira” na súa área xeográfica e pretende orientar a alumnado e egresadas e egresados de titulacións xurídicas e axudarlles a definir o seu propio futuro profesional. Deste xeito, as súas actividades están abertas á participación de estudantes e egresadas e egresados de titulacións de Dereito de universidades galegas e do Norte de Portugal, así como a despachos de avogados, oenegués, empresas e institucións públicas e privadas do ámbito xurídico.

“Celebraremos a terceira edición da feira o martes 19 de novembro, con postos nos que os nosos estudantes de grao, Programa Conxunto ADE-Dereito e Máster Universitario en Avogacía, pero tamén exalumnos xa titulados, poderán contactar coas entidades colaboradoras, coñecer a súa oferta de emprego público e privado e incluso comezar procesos de selección”, comenta Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito organizadora. Se en anos anteriores a feira celebrouse un día sen docencia no centro, nesta ocasión optouse por un día no que si hai docencia para facilitar a afluencia do alumnado. “Animamos a todas as persoas interesadas a achegarse, sen necesidade de inscrición. Nesta feira poderán coñecer as competencias, habilidades e actitudes que máis demandan os empregadores neste sector, informarse da oferta existente e participar en procesos de selección para realizar prácticas en despachos e institucións de referencia”, indican desde a organización.

Zona de expositores

A feira contará cunha zona de expositores na que as entidades colaboradoras poderán presentar ás e aos asistentes os seus programas de formación e carreira, comezar os seus procesos de selección e desenvolver sesións de traballo. Esta zona estará aberta desde as 11.00 h ata a clausura da feira. Este ano, as mesas redondas sobre saídas profesionais das anteriores edicións serán substituídas por expositores nos que despachos profesionais, consultoras, empresas ou asociacións pero tamén institucións públicas colaboradoras informarán sobre as súas saídas profesionais e a oferta de emprego público nos seus respectivos ámbitos. Algúns destes postos, subliñan desde a organización da feira, estarán representados, como en edicións anteriores, por antigos alumnos e alumnas que forman actualmente parte do cadro de persoal de despachos recoñecidos ou que xa traballan para algunha administración, que poderán achegar ás persoas interesadas a súa experiencia sobre os respectivos procesos de selección que tiveron que pasar. “Parécenos que contar estas experiencias persoais pode ser a mellor orientación”, indica Marta Fernández.

O programa de Orienta luris inclúe tamén a celebración dun obradoiro ofrecido por IESIDE e no que Avelino Cerdeira, consultor especialista en selección e recrutamento de persoal, amosará ás persoas inscritas a coñecer as súas potencialidades, fortalezas e oportunidades para optar a un posto de traballo ou trazar unha carreira profesional con maiores garantías de éxito.