DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 20 de novembro

A Illa de Arousa, destino da terceira ruta cultural deste curso

Está aberta a inscrición de persoas alleas á comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 17/11/2021

A terceira ruta cultural organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo este curso académico celebrarase o sábado 20 de novembro e consistirá nun percorrido circular pola Illa de Arousa, na provincia de Pontevedra. Con 80 prazas dispoñibles para os tres campus da institución académica, na inscrición terán prioridade os membros da comunidade universitaria pero tamén estará aberta ás persoas alleas a ela.

A andaina será un percorrido de 20 quilómetros de dificultade baixa-media. Seguirá o traxecto As Laxes, O Monte, O Carreirón e de novo As Laxes. Trátase, explican desde a organización, “dunha oportunidade única para descubrir o complexo intermareal punta de Carreirón, as súas praias e espazos naturais, pero tamén a ocasión perfecta para visitar aldeas mariñeiras onde comprobar a convivencia harmónica secular do ser humano co medio”. As previsións, sinalan desde a organización do roteiro, “apuntan a que teremos un día fantástico de sol de outono, ideal para a práctica do sendeirismo na costa”. Como en cada roteiro, haberá autobuses que trasladarán ás e aos participantes desde os tres campus da Universidade de Vigo ao inicio de ruta.

A inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á celebración da andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo de inscrición varía en función do colectivo de pertenza e cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria necesaria, na páxina web das rutas culturais.

Máis axenda

Tras esta andaina, a programación de rutas culturais deste primeiro cuadrimestre, coordinada desde o campus de Ourense por José García Calvo Willy, pecharase o 11 de decembro cunha andaina que leva por título Ermida de San Mamede-Pozo dos Mouros (Vilar de Barrio, Ourense). Cunha distancia de 15 quilómetros e unha dificultade media, desde a organización dos roteiros indican que é “unha das rutas de montaña máis fermosas que a día de hoxe poden facerse na serra de San Mamede, combinando as paisaxes de ribeira e prado no fondo do val, cos amplos horizontes e inigualables panorámicas do alto da montaña”. O itinerario que seguirán as e os participantes será Rebordechao, Pozo dos Mouros, capela de San Mamede e Rebordechao.