DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os prezos varían entre os 26€ para a comunidade universitaria e os 40€ para público xeral

Ilustración creativa e novas tecnoloxías na contratación pública, novidades dos obradoiros do primeiro cuadrimestre

A matrícula poderá formalizarse ata o 7 de outubro e serán eminentemente presenciais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 29/09/2020

A  formación complementaria da comunidade universitaria tamén regresa á normalidade co inicio deste novo curso. Os obradoiros de Extensión Universitaria manteñen a súa tradicional programación cuadrimestral cunha oferta de dez talleres, a maioría deles de carácter presencial, que abordarán eidos como a agricultura ecolóxica, a música ou o teatro. 

Mentres algúns do obradoiros contan cunha ampla traxectoria dentro da programación do campus de Vigo, outros impartiranse por primeira vez, como é o caso do de ilustración creativa e o de novas tecnoloxías na contratación pública. O primeiro deles ten como obxectivo introducir ao alumnado no mundo da ilustración e a narración visual. Ao longo de 20 horas de docencia aprenderán, da man da ilustradora Sofía Venzel na Facultade de Filoloxía e Tradución, a ilustrar textos con técnicas tradicionais manuais e a contar historias a través das imaxes.

A outra novidade do cuadrimestre é o obradoiro sobre novas tecnoloxías na contratación pública, o único en formato dixital con 28,5 horas de duración. As persoas participantes poderán acadar uns coñecementos básicos sobre o funcionamento e as posibilidades das novas tecnoloxías na contratación pública e entrar en contacto coas diferentes tecnoloxías susceptibles de ser aplicadas neste ámbito, concretamente a intelixencia artificial, o blockchain e a xestión de datos. Tamén coñecerán as peculiaridades da sustanciación do procedemento de contratación por medios electrónicos, a problemática da aplicación das novas tecnoloxías dende a óptica da protección de datos e as novas tendencias e proxectos específicos neste eido.

Temáticas relacionadas coa natureza...

Arredor da natureza e as súa explotación sostible artéllanse varios obradoiros deste cuadrimestre. Por unha banda, o labrego ecolóxico Jacobo Ojea volverá impartir o taller sobre agricultura orgánica para aprender a deseñar, planificar, implantar e manexar unha horta ecolóxica autoxestionada. Trátase de coñecer as diferentes técnicas de manexo dunha horta orgánica, afondar en distintas metodoloxías para a súa xestión e concienciarse sobre a importancia da agricultura orgánica como ferramenta de cambio cara unha sociedade máis sustentable. Este obradoiro de 30 horas de duración será teórico-práctico e impartirase entre a Facultade de Ciencias do Mar e a horta situada detrás do Cinbio. 

Outro dos obradoiros centrarase na cosmética natural, un taller que se ven desenvolvendo dende hai anos da man de Patricia Puga, desta volta no Centro Comercial de Cidade Universitaria. De 30 horas de duración, comprende saídas ao campo para identificar e apañar as plantas e sesións prácticas para a elaboración dos de macerados, tinturas, xabóns, cosméticos ou produtos para a limpeza do fogar. 

Tamén na contorna natural se desenvolverá o obradoiro de identificación de cogomelos, que terá 30 horas de duración tanto presenciais como de modalidade virtual síncrona. A finalidade é que as persoas participantes aprendan a apañar e transportar cogomelos para a súa identificación, recoñecer e identificar as diferentes especies tanto comestibles como tóxicas e a analizar outras posibles aplicacións antrópicas derivadas do uso dos cogomelos.

... e coa cultura

O outro eixo principal da programación dos obradoiros para este primeiro cuadrimestre é a cultura, a través principalmente do teatro a música. Por unha banda, tras a boa acollida no curso pasado, regresa o obradoiro Poética do rock, unha proposta de 30 horas de duración que buscar afondar no coñecemento da relación existente entre a música folk, rock e pop e o discurso literario. O programa aborda a historia e produción musical e literaria de artistas clave destas correntes dos séculos XX e XXI; a evolución das temáticas nas letras das cancións; as dimensións (formal, temática e ideolóxica) da produción lírica das principais figuras destes estilos. As clases desenvolveranse na EU de Estudos Empresariais, en Torrecedeira.

Outro dos que repite é o obradoiro de ukelele, con 30 horas de docencia no Teatro Vidal Bolaño do campus. As persoas inscritas coñecerán as partes do instrumento, a afinación e mecánica, nocións de linguaxe musical, acordes, técnicas de acompañamento, tonalidade e escalas e harmonía e composición. Cada participante deberá levar o seu propio instrumento.

Tamén se retoma a aula de música e baile tradicional galego, que se imparte tamén no Teatro Vidal Bolaño coas modalidades de gaita, percusión e baile. O obradoiro ten unha duración de 30 horas, pero retomarase para as persoas que queiran continuar, no segundo cuadrimestre. A aula de xadrez do campus empregarase para o curso de iniciación ao teatro, unha actividade que se complementa tamén cun segundo obradoiro no segundo cuadrimestre, cando se completa a posta en escena dunha peza teatral. Tamén de 30 horas de duración, o curso será impartido por Salvador del Río Pérez e Casilda García, da Aula de Teatro Universitaria e terá como finalidade dotar ao alumnado dun abano de ferramentas o suficientemente amplo como para elixir e descubrir cal é a adecuada para realizar o seu labor como actor ou actriz. Para isto realizaranse exercicios prácticos que pretenden fomentar a capacidade de concentración, memoria, oratoria e expresión, creatividade, imaxinación, sentido do ritmo e a musicalidade…
 
Finalmente, a programación complétase co obradoiro de iniciación ao mundo maker, que cunha duración de 20 horas, terá lugar na Escola de Enxeñería Industrial. A docencia, completamente práctica, arranca cunha introdución básica para despois chegar a un nivel intermedio en procesos de fabricación aditiva e na programación de microcontroladores. A idea é que as persoas participantes coñezan as diferentes contornas de desenvolvemento para a programación de microcontroladores e poidan poñer en práctica o uso destas ferramentas para a creación de proxectos.