DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas polo Consello Galego de Relacións Laborais

A importancia da formación na mellora da competitividade centra a inauguración das Xornadas sobre Formación Continua

Contan coa colaboración da Universidade e do Grupo La Región

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 13/03/2008

A importancia da formación para mellorar a competitividade das empresas e, polo tanto, a economía do país, centrou a inauguración das Xornadas sobre Formación Continua que organiza o Consello Galego de Relacións Laborais en colaboración coa Universidade e co Grupo La Región. Os seus directores, Demetrio Fernández, presidente do CGRL, e Santiago Lago Peña, profesor da Universidade, coincidiron co vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, en salientar a necesidade de adaptarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo e dinámico a través da actualización dos coñecementos.
Segundo o presidente do CGRL, as xornadas, que se celebran na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, “nacen da necesidade do Consello de fomentar o debate social sobre cuestións laborais. Decidimos facer uns simposios sobre temas de actualidade nas sete grandes cidades galegas. En Ourense acordamos facelo sobre a formación continua porque o tema ten unha preponderancia absoluta no funcionamento das relacións laborais e tal vez non acadou o grao de desenvolvemento que debería”.
Hoxe en día no marco dun mercado cambiante, globalizado e internacional xa non hai unhas pautas de vida laboral estables como o eran no pasado. “A idea dun contrato indefinido para realizar a mesma tarefa durante 40 anos está obsoleta. As empresas precisan dunha actualización constante polo que os traballadores teñen o dereito, máis que o deber, de recibir a formación axeitada para enfrontar os cambios”, destacou Demetrio Fernández.
Pola súa banda, o vicerreitor do campus de Ourense apuntou que “o cambio que supón o proceso de Boloña consta dunha formación xeneralista, os graos, e dos posgraos, un xeito de volver á universidade para recibir unha formación continua e especializarse. Como dixo Timothy Kehoe, recentemente investido honoris causa pola Universidade, a competitividade é o motor económico dun país. Pois ben, a competitividade pasa pola formación de profesionais capaces de adaptarse á evolución do mercado” dixo.

Conferencias pola mañá, mesa redonda de tarde

Santiago Lago Peña, profesor do Departamento de Economía Aplicada explicou que as xornadas se concentran nun só día “para facilitar á xente a súa asistencia” pero que, de todos os xeitos, “son moi completas e están divididas en dúas partes diferenciadas. Pola mañá realizáronse tres conferencias que van do xeral impartidas por profesionais de recoñecido prestixio, e pola tarde, por medio de mesas redondas falarase dun xeito más dinámico da cuestión en Galicia con representantes de empresas, sindicatos e da administración” comentou.
Os relatores da mañá foron María Jesús San Segundo, embaixadora permanente de España na Unesco e antiga ministra de Educación, ademais de ex vicerreitora e profesora da Universidade Carlos III de Madrid e Felipe Saéz “persoa de referencia en España no que atinxe ao análise do mercado de traballo” comentou Lago.
Finalizarán as xornadas coas conferencias do profesor Alberto Vaquero, que tenderá “unha ponte entre as charlas da mañá, coas súas perspectivas máis amplas, e o debate da tarde, sobre o panorama en Galicia” explicou Santiago Lago.