DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto dunha vintena de titulacións desenvolven a docencia totalmente presencial

A incorporación do alumnado de 1º completa o inicio do curso académico 2020-2021

O Campus Integra permitirá compaxinar as clases na aula coa docencia virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI 21/09/2020

Coa incorporación ás aulas do alumnado de primeiro curso dos graos, este luns 21 complétase oficialmente o inicio do curso universitario 2020-2021 na UVigo. Se ben nas dúas últimas semanas xa comezaran as actividades académicas para os estudantes de 2º, 3º e 4º e os actos de benvida nos diferentes centros, non foi ata este luns cando se incorporaron ás aulas dos tres campus os estudantes de novo ingreso. Con medidas excepcionais de seguridade e hixiene, máscara obrigatoria, espazos con capacidade reducida e códigos QR nas aulas para rastrexar contactos ante un posible contaxio de covid-19, a vida regresa definitivamente aos campus tras case seis meses de docencia en remoto. 

O reitor, Manuel Reigosa, explica que vai ser un curso diferente pero tamén fai fincapé en que a Universidade, dende marzo, demostrou “ter capacidade de adaptación” e conta “coa experiencia de meses de traballo para programar a volta ás aulas”. A aposta, remarca, “é combinar a máxima presencialidade posible cun coidado exquisito da saúde”, de xeito que as aulas sexan un lugar “seguro”.

Códigos QR en todas as aulas para evitar confinamentos masivos

De cara a facilitar as actuacións de rastrexo cando se presente algún positivo de covid-19, a Universidade creou un sistema de identificación dos postos empregados por cada unha das persoas usuarias dos diferentes espazos docentes. Este sistema consta de dous elementos principais: un código QR que identifica de forma independente cada posto e unha aplicación informática para que desde o móbil se poida asociar o posto co seu usuario. Este rexistro de localización é obrigatorio, polo que desde a Vicerreitoría de Planificación e Sostenibilidade piden a máxima colaboración da comunidade universitaria para que o seu uso sexa habitual.

A información obtida mediante esta aplicación ten como finalidade localizar as persoas que potencialmente tiveron contacto ou estiveron preto de persoas diagnosticadas e será unha información esencial para evitar o confinamento masivo de grupos, de graos e de centros. A responsabilidade sobre o emprego desta información para rastrexar as persoas afectadas por un positivo e notificarlles esta situación recae no/a responsable covid-19 de cada centro. Se o adhesivo dun código QR está deteriorado e non se pode ler, deberá avisar o profesorado para que llo comunique á persoa responsable covid-19 do centro e se substitúa.

Probas PCR e outras medidas sanitarias

Atendendo aos protocolos de seguridade dos centros, cada clase ten marcados os asentos que se poden empregar garantindo a distancia de metro e medio e a recomendación de empregar sempre o mesmo asento. As escolas e facultades ampliaron tamén os espazos para a docencia, habilitando salóns de actos ou de graos como clases. No caso das prácticas de informática, máis de 70 aulas están preparadas para que cada posto estea individualizado con anteparos transparente e cada alumno deberá, antes de empregar o ordenador, colocar un film plástico encima do teclado e do rato. As aulas desinfectaranse ao inicio de cada xornada e, caso de que o alumno ou alumna entre nunha clase que estivese previamente ocupada terá ao seu dispor papel desbotable con desinfectante á súa disposición.

Ademais, para tratar de crear unha contorna segura e comezar o curso cunha “foto fixa” da extensión da pandemia da covid-19 entre a comunidade universitaria, unha das principais medidas adoptadas polo equipo de goberno é a realización, a partir desta semana, de preto de 3000 probas PCR ao PDI e PAS. A estes test sumaranse outras 200 PCR aleatorias máis de control semanal, que está previsto manter ao longo de todo o curso e que se realizarán preferentemente ao alumnado.

Unha aposta pola presencialidade

O curso que arranca hoxe oficialmente compaxinará a docencia presencial en arredor de 20 graos e 30 mestrados co sistema mixto que alternará as clases na aula coa virtualidade. Para facelo posible, a Universidade de Vigo creou o Campus Integra, unha contorna que permite conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade. Deste xeito, proporciónase o soporte adecuado para os tres posibles escenarios de docencia previstos para este curso (presencial, mixto ou totalmente telemática), permitindo a docencia simultánea a alumnos na aula física e na aula virtual. Para conseguilo, as aulas e espazos adicionais como salóns de actos ou de graos que se van converter en Aulas Integra contarán con equipos persoais como ordenadores ou tabletas, que darán soporte a un “encerado virtual” que poderá verse simultaneamente polos alumnos presentes na aula e por aqueles que sigan as clases desde a súa casa, ademais de permitir a adecuada interacción destes últimos. Estes dispositivos permitirán tamén a docencia desde o domicilio do profesorado se nalgún momento é necesario.

Outra das principais novidades deste curso é a posta en funcionamento do novo portal de teledocencia, Moovi, unha medida que se enmarca no plan de mellora deseñado pola Reitoría para facilitar o proceso de adaptación á docencia en liña. O sistema actual, FaiTic, seguirá activo durante todo o curso, aínda que non permitirá crear contidos novos.

Dirección e Xestión Pública estrea modalidade virtual

Máis aló dos cambios provocados pola covid-19, o curso 2020-2021 bota a andar cunha única novidade académica, a posta en marcha en Pontevedra da modalidade virtual do Grao en Dirección e Xestión Pública, o primeiro de Galicia que poderá cursarse integramente a través da rede. Unha clase a través de Campus Remoto da materia Ciencia da Administración deu inicio o primeiro curso desta nova modalidade, que irá progresivamente substituíndo á actual opción semipresencial do título que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Coas prazas de novo ingreso das dúas modalidades, 25 e 20, “practicamente cubertas”, a coordinadora do grao, Soraya Rodríguez, destaca a “boa acollida” que recibiu esta nova titulación, que conta entre o seu alumnado con estudantes de fóra de Galicia.

A nova modalidade virtual combinará, como explica Rodríguez, o uso da plataforma de teledocencia MooVi coas clases virtuais que se desenvolverán a través do Campus Remoto. As clases están programadas en horario de tarde, “xa que a maioría do alumnado traballa”, a primeira destas sesións corre a cargo do profesor Enrique Varela, que esta mañá estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, na primeira clase da modalidade presencial. “É o primeiro título de Galicia que se virtualiza, para nós é un éxito porque cremos firmemente que este é un grao de relevancia e achegará á titulación unha difusión a nivel internacional”, puntualiza o vicerreitor.