DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra acolleu a segunda das xornadas de benvida ao novo alumnado

Información e diversión no primeiro contacto coa Universidade

O evento reuniu postos informativos dos diferentes servizos da institución académica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/09/2019

Achegar ao alumnado que neste curso 2019/2020 se incorpora á Universidade de Vigo información dos diferentes servizos que a institución académica pon a súa disposición, e facelo dun xeito lúdico, con música, demostracións ou xeados. Ese é o eixo das xornadas de benvida que, nestes días previos ao inicio do curso, a Universidade promove nos tres campus. Este xoves, a iniciativa desenvolveuse ao longo de toda a mañá no pontevedrés, onde varios centos de estudantes viviron a súa primeira toma de contacto cos múltiples servizos e actividades que a institución académica pon ao seu dispor a través dos 18 postos informativos instalados entre as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia.

“A idea destas xornadas é, en primeiro lugar, dar a benvida a todos os alumnos que entran na Universidade dunha forma agarimosa, chea de información e chea de boas vibracións”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, respecto dunha iniciativa dirixida principalmente ao estudantado de primeiro curso, co obxectivo de que “se sintan como na casa”. O seu propósito é que estes alumnos e alumnas de novo ingreso “coñezan o primeiro día todos os servizos que lle ofrece a Universidade”, engadiu a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que destacou a “moi boa acollida” que están a recibir unhas xornadas que este mércores se desenvolveron en Ourense e que mañá venres celebraranse no campus de Vigo.

Información, música ou deporte

Responsables dos diferentes servizos da Universidade deron a benvida ao alumnado con folletos e agasallos nos 18 postos nos que podían obter información sobre bolsas e axudas, tarxeta universitaria, mobilidade, emprego e emprendemento, voluntariado, teledocencia ou atención á diversidade. A Área de Igualdade, Normalización Lingüística, o Centro de Linguas, a biblioteca ou as áreas de Cultura e Benestar, Saúde e Deporte formaban parte tamén desta recepción ao novo alumnado, na que contaban así mesmo cun espazo as delegacións de alumnado e o Consello de Estudantes, o Concello de Pontevedra e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. As xornada vironse complementadas, por outra banda, coa celebración charla informativa para o alumnado estranxeiro.

Xunto a esta vertente informativa, o evento estivo amenizado por música, xeados, unha exhibición científica a cargo da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía ou pola “pausa activa” organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte. O acto contou tamén cunha actuación do gaiteiro Suso Baamonde, promovida pola Aula de Música Tradicional do campus, e nela estivo presente tamén o coro do campus e o monopraza da escudaría universitaria UVigo Motorsport.

“Infórmanche un pouco de todo, a verdade é que está bastante ben”, salientaba desta actividade Carla Vizcaya, que a vindeira semana inicia os seus estudos na Facultade de Belas Artes e que nesta xornada se desprazou ata o campus para vivir esa primeira toma de contacto coa Universidade. Nela puido coñecer tamén o labor da delegación de alumnado de Belas Artes, que xunto coa da EE Forestal, participou nun evento no que buscaban “informar aos novos estudantes, axudalos se teñen dúbidas e tamén darnos a ver un pouco”, como explicaba o representante da delegación Antón Yañez.