DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do campus asistiu a unha xornada sobre esta vía de empregabilidade

Información e motivación para construír o soño de emprender

Na actividade puideron coñecer diferentes oportunidades de financiamento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/12/2019

Constrúe o teu soño ou serás contratado para cumprir o doutros. Con este título e esta mensaxe de fondo, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este xoves unha xornada que tivo como obxectivo informar e motivar ao alumnado para que considere o emprendemento como unha posible vía de desenvolvemento profesional. A cita estivo organizada pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e a Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo.

Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Natalia Caparrini, Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, foron as encargadas de dar a benvida á xornada ao alumnado presente. Nas súas palabras, Montserrat Cruz salientou como emprender é “unha realidade” e “unha posibilidade” que o alumnado ten que considerar á hora de deseñar o seu futuro profesional. Pola súa banda, Natalia Caparrini lembrou como esta xornada xorde tendo en conta como “un dos noso obxectivos como Universidade é incorporar aos nosos egresados e egresadas ao mundo laboral”. Entre as opcións que teñen para esa incorporación, a vicerreitora apuntou que non só está traballar por conta allea e o emprego público senón tamén o emprendemento. “É unha saída profesional como outra calquera”, afirmou Caparrini, que destacou como os potenciais emprendedores e emprendedoras “teñen axudas, teñen xente que lles pode apoiar, formar... teñen respaldo en xeral e teñen respaldo tamén nesta Universidade”.

Rachar as reticencias

A xornada contou coa intervención de Roberto Pérez e Juan José Romero, da consultora Suma Importancia, que ofreceron ao público asistente unha charla sobre como establecer unha folla de ruta para pór en marcha unha idea de negocio. Tratouse, apuntou Roberto Pérez, dunha conferencia motivadora para que o alumnado “entenda que o emprendemento é unha alternativa máis”. Cando os estudantes rematan a carreira, indicou, “están en moitas ocasións pensando en traballar para terceiros tendo a idea, que xa non é certa, de que traballar para terceiros é máis seguro que por conta propia. Iso no seu momento foi realidade pero hoxe en día é moito máis seguro ter o teu propio proxecto, a túa empresa”. Roberto Pérez destacou como os estudantes “teñen moitas reticencias a emprender porque teñen na súa cabeza a idea de emprendemento do pasado, na que ti basicamente tiñas que hipotecar a túa vida para facelo e se as cousas saían ben estupendo pero se saían mal estabas arruinado e xa non tiñas posibilidade de volta atrás”.

A día de hoxe, recalcou Roberto Pérez, “pódese xerar un proxecto dun xeito moito máis rápido e económico, maximizando as posibilidades de éxito”. Como exemplo, explicou como na súa consultora traballan no eido do emprendemento seguindo a idea de levar o método científico ao mundo da empresa, de modo que cando unha persoa ten un idea de negocio (hipótese) fai un mínimo produto viable, algo que sexa posible amosar a posibles clientes para valorar o potencial éxito do produto ou servizo (un experimento), sen necesidade de “arriscalo todo”. A xornada tamén contou coa participación de representantes de diferentes entidades que teñen liñas de apoio ou axuda a emprendedores e emprendedoras, como o Igape, a Deputación de Ourense e  a propia Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, que explicaron ao público presente as opcións que teñen neste eido.