DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas ao comportamento das exportacións e do sector da automoción

O Informe Ardán 2021 indica que o impacto económico da pandemia foi menor en Galicia que en España

Nel sinálase que os ERTE teñen sido “un mecanismo exitoso” para afrontar a crise da covid-19

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI 27/07/2021

Este martes Zona Franca de Vigo presentou o Informe Económico e de Competitividade de Ardán 2021, elaborado en colaboración coa agrupación estratéxica Ecobas e o Grupo Gen da Universidade de Vigo. Nel preséntase un monográfico que aborda “a excepcional situación” que provocou a pandemia da covid-19 e “pon de relevancia que Galicia sufriu un impacto menor que o conxunto de España en perda de riqueza”.

O documento, “o primeiro informe sobre os efectos da pandemia da covid-19 na economía galega” segundo indican en nota de prensa desde Zona Franca, foi presentado por David Regades, delegado do estado, acompañado por parte da Universidade de Vigo do catedrático Santiago Lago e do profesor Xavier Martínez Cobas. “Partindo da base de que a pandemia provocou en España en 2020 un impacto económico sen precedentes e sen equivalentes na OCDE, o informe destaca que Galicia está entre as catro comunidades autónomas menos afectadas e a medio camiño entre España e a media da UE27”, indicouse na rolda de prensa. Neste senso, David Regades explicou que “o informe conclúe que foi determinante o comportamento das exportacións e do sector da automoción” e Santiago Lago que “a esa dinámica contribuíu unha menor incidencia do virus e unha desescalada máis rápida tras o confinamento”. Ademais, no informe sublíñase que os ERTE teñen sido “un mecanismo exitoso para afrontar a pandemia”; que “a fenda de xénero no mercado de traballo amplíase e as mulleres levan a peor parte” e que “a automoción tivo un comportamento extraordinariamente positivo en Galicia xa desde xuño de 2020”.

Os resultados da enquisa de Ardán entre as empresas arroxan datos como que o 37% optou por aplicar un ERE; o 55% recorreu ás liñas de liquidez do ICO ou Igape e o 58% ao teletraballo. O 28% das compañías enquisadas declara un efecto severo provocado pola pandemia, o 60% un impacto moderado e un 12% unha incidencia desprezable. En hostalaría e actividades artísticas, recreativas e de entretemento as porcentaxes superan o 90%. No extremo contrario, indican desde Zona Franca, aparecen as empresas do sector primario (10%), información e comunicacións (17%) e actividades profesionais, científicas e técnicas (26%). O crecemento das vendas on line en 2020, engaden, é moi notable (+9%), especialmente nas máis grandes (+29%).

En canto aos posibles escenarios para 2021, o informe apunta que, no escenario optimista, o crecemento anual agardado é 8,8% e no escenario pesimista a taxa de crecemento simulada é 4,8%. Finalmente, o documento anota neste senso sete oportunidades e retos: dixitalización, demografía, medio rural, automoción, sistema de I+D+i, transición enerxética, redución de burocracia e impulso de colaboración  público-privada.

Situación empresarial en 2019

Ademais do capítulo sobre o impacto da pandemia, o informe Ardán 2021 analiza unha mostra de 35.529 empresas (que supoñen o 51% do PIB de Galicia), que depositaron as súas contas anuais do exercicio 2019 nos rexistros mercantís das provincias galegas. Dos datos obtidos destácase que o conxunto de empresas rexistrou uns ingresos de explotación de 108.058 millóns de euros e achegaron ao PIB, a través do valor engadido bruto, 32.878 millóns de euros.  “Esta cifra recolle unha marca histórica para os datos de Galicia”, sinalan desde Zona Franca. No conxunto das empresas, a capacidade para crear valor engadido bruto creceu no  ano analizado a un ritmo do 4,8%. O informe tamén recolle que as empresas de Galicia teñen unha capacidade de creación de riqueza un 130% maior sobre a que se produciu no ano 2009, o peor ano da crise. O número de postos de traballo directos asignados a estas empresas é de 406.274 persoas, un 3,4% máis que o ano anterior.

Analizando o tecido empresarial de Galicia por sistemas produtivos sectoriais, o informe indica que o téxtil, confección e moda representa o 38,29% do valor engadido bruto. Séguelle servizos profesionais, que volve ser o número dous cun 14,44%, e construción xera o 8,66% sobre o conxunto de Galicia. En cuarta posición está loxística e transporte cun 5,53% e automoción e equipo cun 5%. “Estes cinco sistemas produtivos xunto con agroalimentario e pesca son os responsables do 80% do valor engadido bruto creado polo tecido empresarial de Galicia no ano analizado”, indican os responsables do informe. No período analizado rexistrouse unha creación neta de postos de traballo do 2,9%.

Un total de 1.621 empresas alcanzan un ou máis indicadores Ardán: alto rendemento, alta produtividade, gacela, ben xestionada, xeradora de riqueza, empresa global, empresa circular, empresa igual en xénero, empresa innovadora e xestión do talento. O total de firmas con indicadores son só un 5% da mostra. Entre as novidades de Ardán está que nesta edición deseñouse unha nova metodoloxía para medir a capacidade das empresas para xestionar o talento, que presentou o profesor Xavier Martínez Cobas. Por último, no que respecta ao índice de igualdade, o ano 2021 achega un lixeiro retroceso. No informe calcúlase o custo de non igualdade para as mulleres, resultado de comparar a situación real cunha hipotética situación de igualdade, e o cálculo teórico da perda neta  para as mulleres no ano 2020 foi do 4,8%, é dicir, as mulleres deixan de percibir, de media, 17.315 euros brutos anuais por non atoparse nunha situación de equilibrio.