DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución viguesa comparte o primeiro posto coa Universidad de Burgos

O Informe Dyntra sitúa a UVigo como a universidade máis transparente de España 

Acada a mellor valoración en transparencia económica e financeira e contratación de servizos 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 04/03/2021

Logo de catro anos nos que progresivamente foi mellorando a súa posición, a UVigo sitúase a día de hoxe, xunto á Universidad de Burgos, como a institución de educación superior máis transparente, segundo o Informe Dyntra. Vigo e Burgos acadan no ránking que inclúe 79 universidades públicas e privadas españolas, e tamén no que unicamente avalía as 50 públicas, unha porcentaxe do 91.97%, con 126 de 137 indicadores de transparencia e bo goberno cumpridos, seguidas pola Universidade de Valladolid, na terceira posición, cun 91.24% e 125 de 137 indicadores de transparencia cumpridos. Na avaliación de transparencia baseada no índice DUE (Dyntra Universidades) a UVigo acada un 100% en transparencia económica e financeira e en contratación de servizos; un 91.55% en transparencia institucional; un 90.91% en comunicación pública e un 85% en participación e colaboración cidadá. “Sentímonos contentas e orgullosas de pertencer a unha institución pública que destaca por uns criterios de transparencia na súa xestión. Estamos falando de transparencia institucional, cousas que teñen que ver con temas de órganos de goberno, organización de patrimonio, estrutura e normas, como se organiza e planifica a universidade, etc”, detalle Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da UVigo. Pola súa banda, as outras universidades do SUG ocupan respectivamente, a novena posición, Universidade de A Coruña e a 50, no caso da Universidade de Santiago.

Dyntra, a primeira plataforma colaborativa mundial que traballa na medición e xestión do goberno aberto nas organizacións e para a sociedade civil, avalía as universidades públicas e privadas españolas a través do cumprimento de 137 indicadores, que se insiren en cinco grandes indicadores: transparencia institucional; comunicación pública; participación e colaboración cidadá; transparencia económica e financeira e contratación de servizos, que a súa vez analizan decenas de indicadores referidos a cada un deses cinco grupos. Así por exemplo, no caso da transparencia institucional avalíanse indicadores referidos á reitoría, secretaría xeral e decanatos, persoal eventual, organización e patrimonio da universidade. En relación coa comunicación pública, analízanse aspectos referidos a e-administración, m-goberno ou open data; mentres que no caso da participación e colaboración cidadá, estúdase a información e atención ao alumnado, dereito ao acceso á información ou o grao de compromiso do estudantado. En canto á transparencia económico-financeira avalíase a transparencia en débedas e a información económica e orzamentaria, mentres que no caso das contratacións de servizos, o ránking analiza o procedemento de contratación de servizos e as relacións e operacións con provedores e contratistas. 

Positiva evolución nos últimos catro anos

Desde 2018 no que a UVigo acadaba unha porcentaxe de cumprimento dos indicadores do 62.88 %, ata o 91.97% deste ano 2021, a evolución do índice mantívose sempre á alza acadando o 86.86% en 2019 e 91.24% no ano 2020. “Dende o ano 2018 no que cumpríamos un 62.88% dos indicadores, partíamos dunha boa posición, pero agora a melloramos positivamente”, valora Doval, que destaca o traballo realizado os últimos anos en cuestións concretas como a publicación de gastos de viaxes institucionais, a posta en funcionamento dun visor de transparencia económico-financeira e en xeral “un esforzo moi grande por comunicar ben o que fai a universidade”.

A vicerreitora lembra que a UVigo é unha administración pública, comprometida co desenvolvemento de boas prácticas, tamén transparentes, e á que lle gustaría “que o que facemos fose un modelo a imitar por outras institucións. Niso gustaríanos converternos, nun modelo de transparencia e bo goberno que fose imitable por outras entidades, como parte da nosa responsabilidade social cara a outras institucións”, detalla Doval, que recoñece este logro como un froito do traballo de toda a comunidade universitaria. 

A transparencia, un valor á alza dentro e fóra da universidade

Acadar o primeiro posto no Informe Dyntra, máis aló, dun recoñecemento para a propia UVigo, Doval considera que debe ser un elemento a ter a conta por parte de entidades e empresas ou persoas particulares que patrocinen ou queiran ser mecenas dalgún tipo de acción en alianza coa Universidade de Vigo. “Que saiban que somos unha entidade na que se pode confiar. Aquí trabállase con fondos públicos dun xeito responsable, polo que din axencias independentes”, sinala a vicerreitora.
A posta en servizo dun portal del open data e a mellora no acceso universal á web, en función das diferentes capacidades, son segundo a responsabilidade de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da UVigo, algunhas das cuestións que a universidade debe implementar para seguir a mellorar a súa avaliación no ámbito da transparencia.