DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecida polo enxeñeiro informático e consultor Diego Arias

A innovación en proxectos centra unha conferencia na Facultade de Ciencias

Nela expuxo exemplos da súa aplicación práctica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Visitas
  • Académica
DUVI Ourense 23/05/2023

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este martes a conferencia Da eficacia á eficiencia. A innovación como ferramenta de progreso social, ofrecida polo enxeñeiro informático e consultor Diego Arias Mourelle. Nela, o alumnado e profesorado presente puido achegarse á aplicación da innovación a proxectos, coñecendo exemplos reais en áreas vinculadas aos estudos e a investigación que se desenvolven nesta facultade da Universidade de Vigo. 

O obxectivo da actividade, explicou Diego Arias, foi abordar “como se pode aplicar a innovación en proxectos reais”, tomando o relator como base a súa experiencia de varias décadas en diferentes empresas e na súa propia, orientada á innovación nas pequenas e medianas empresas. Na súa visita ao campus de Ourense, o convidado destacou a importancia de que o alumnado universitario, que no futuro participará en diferente tipo de proxectos xa sexa como traballadores, emprendedores ou mesmo científicos, se achegue ás metodoloxías que permiten desenvolver proxectos innovadores implantables e que contribúan ao progreso da sociedade.  

A conferencia, organizada no marco das charlas do Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria da UVigo e aberta ás persoas interesadas, centrouse en boa parte na exposición de diferentes proxectos innovadores nos que o relator ten participado ao longo da súa traxectoria e que teñen algún tipo de vinculación coas áreas de interese da Facultade de Ciencias. Entre eles, falou de proxectos de xestión de montes a través de identificación de masas forestais con tecnoloxías de drones; de análise de augas con laboratorios portátiles e de redución de perda de materiais na cadea de distribución loxística de ámbito alimentario mediante economía circular.