DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Pablo Romero Fresco (UVigo) é o creador do 'accesible filmmaking' 

Innovación viguesa para unha subtitulación e audiodescrición máis accesible dos contidos de Netflix 

Romero colabora coa empresa para que adopte unha técnica que non só atende ao espectador da VO

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/11/2019

Numerosos estudos recentes, moitos deles baseados na tecnoloxía eye tracking, que permite sabe onde se sitúa a mirada do espectador na pantalla, confirmaron que en moitas ocasións as e os espectadores das versións traducidas (subtituladas e dobradas) e os das versións accesibles (mediante subtítulos para persoas xordas e con audiodescrición para as cegas), ven algúns produtos audiovisuais, ou certas escenas, de xeito demasiado diferente e, incluso contrario, á intención das e dos cineastas. Estas situacións, que o investigador da Universidade de Vigo Pablo Romero Fresco denominou ‘cegueira por subtitulo’, nas que por ler uns subtítulos, o espectador non chega a ver a imaxe, prodúcense en planos nos que hai diálogo e narración sobre texto en pantalla, por exemplo un cartel. Tamén, cando os subtítulos ocupan a parte da pantalla na que se concentra a acción principal ou, no caso dunha secuencia na que se suceden os diálogos a moita velocidade. “Con esta ‘cegueira por subtitulado’ os espectadores estranxeiros ou xordos que len os subtítulos están vendo practicamente unha película diferente e cando se lles pregunta, evidénciase que se perderon moitos planos, o que é un problema”, explica Pablo Romero, director do grupo GALMA (Galician Observatory for Media Accesibility) da Facultade de Filoloxía e Tradución. 

Tradutor de formación e director de cine, Romero considera imprescindible que na montaxe das películas non só se pense na audiencia orixinal, máxime se se ten en conta, que ata un 50% da recadación das obras que máis cartos xeraron entre os anos 2000 e 2017 procedía das versións traducidas, nas que unicamente se inviste como máximo un 0,1% do orzamento total. “Do mesmo xeito que non se plantería a construción dun edificio sen ter en conta desde o principio que hai que facer un baño adaptado para persoas con discapacidade, chegará un día, con sorte, no que non será excepcional pensar que a tradución e a accesibilidade hai que tela en conta antes”, explica o investigador, que tras 15 anos de traballo no campo da tradución, desenvolveu un novo modelo que ten en conta, tanto a tradución, como a accesibilidade durante o proceso de produción da película e non na fase de distribución, como se fai actualmente, mediante a colaboración entre tradutores e equipo creativo da película. “Isto é accesible filmmaking, produción audiovisual accesible, que permite acceder á película a todos os que non coñecen a lingua orixinal, ben porque non saben o idioma, ou porque non poden escoitar ou ver. E para iso propoñemos a figura dunha directora ou director de tradución e accesibilidade que forme parte do equipo da película, do equipo de produción”, detalla Romero, que na actualidade asesora a Netflix, coa finalidade de que a empresa estadounidense de distribución de contidos audiovisuais adopte completamente o modelo de produción audiovisual accesible.

Unha colaboración internacional que partiu “dunha pequena utopía”

Romero lembra que inicialmente Netflix só ofrecía contidos en inglés, pero pasado o tempo incorporou aos seus produtos audiovisuais, a través da súa exalumna Denise Kreeger, a tradución, pero non a accesibilidade. “Foi entón cando lle fixen chegar a Denise a miña película Unindo puntos e ela proxectoulla aos seus xefes en Netflix para convencelos de que tiñan que ser uns abandeirados da accesibilidade e dende entón comezaron a facer audiodescrición para cegos e subtitulación para xordos”, explica Romero, que engade e outra exalumna súa, Elisa Beniero, incorporouse posteriormente á empresa para realizar tarefas de directora creativa de dobraxe e audiodescrición, “unha figura que ata agora non existía, pero que é o que nós defendemos: un director de accesibilidade e tradución”.

Posteriormente, Netflix contactou a Romero e á audiodescritora británica Louis Fryer solicitándolles a revisión das directrices de audiodescrición da empresa, que ambos adaptaron, incorporando ademais, recomendacións para que adoptasen un enfoque máis de accesible filmmaking. Agora Romero acaba de chegar de Hollywood onde, xunto a Fryer, impartiu nas oficinas de Netflix unha formación para os seus tradutores e cineastas para integrar este enfoque. “É a primeira vez que se reunían creadores (directores, guionistas, directores de fotografía) e localizadores (tradutores e expertos en accesibilidade), polo que é unha oportunidade única para que adopten completamente o modelo que propoñemos e comece a facerse cine tendo en conta desde o principio, non só ás e aos espectadores da versión orixinal, senón a todos, independentemente dos seus idiomas ou (dis)capacidades”, asegura o investigador, que ademais, durante a súa estadía en EEUU, participou na ATA Conference, o maior congreso de tradutoras e tradutores do mundo, onde impartiu a conferencia inaugural sobre accesible filmmaking.

Romero agradece o apoio de Netflix ao seu modelo, que recoñece comezou “como unha pequena utopía”, ao tempo que considera este respaldo “unha forma de ver que as Humanidades, e neste caso a Lingüística, poden ter un impacto, un nivel de transferencia, algo que non está restrinxido á ciencia. Que estamos encantados, vaia!”, afirma o investigador, para quen o accesible filmmaking non é só un xeito novo de enfocar a tradución e a accesibilidade, “senón quizais máis ben unha nova forma de facer cine para que, por primeira vez, se teña en conta a todos os espectadores e non só aos da versión orixinal”, insiste.

De Kubrick a Notes on Blindness pasando por Ken Loach

Antes de Netflix, os primeiros en contactar con Pablo Romero para adoptar o accesible filmmaking foron os directores de Notes on Blindness, Pete Middleton e James Spinny, cos que asegura “foi un luxo traballar nunha película que tivo moitos premios polo accesible que é o creativo da súa tradución”. Pola súa banda, o cineasta británico Ken Loach fixo unha reseña no libro que Romero publicou sobre produción audiovisual accesible, ademais de apoiar este sistema, “porque tivo malas experiencias coa dobraxe, xa que moitas da súas películas son multilingües en versión orixinal e cando chegan, por exemplo, a España, dobran todo ao castelán, chegándose en ocasións a cambiar o sentido da escena e dos personaxes”.

Aínda que habería que remontarse ao cine mudo cos seus intertítulos para atopar o primeiro antecedente da tradución como unha parte da produción cinematográfica, Romero menciona a Stanley Kubrick coma un cineasta que tiña en mente unha “película global” porque consideraba a dobraxe e a tradución, unha parte intrínseca do proceso artístico de tradución. “Non nos atopamos con ningún director que, canto se lle explica, se negue a facer isto e agora hai máis xente que o está a facer como Matt Ross en Captain Fantastic ou Steven Spielberg ou Soderbergh, que traballan con directores de tradución. Non digo con nós, porque hai máis xente que está a poñer isto en marcha, pero nós, digamos, creamos o concepto, desenvolvemos o modelo e ímolo promovendo mediante un libro e unha guía práctica, que fixemos para cineastas e produtores”, explica Romero, que tamén está preparar, co apoio do British Film Institute, o primeiro curso en liña de accesible filmmaking, que será impartido pola Universidade de Vigo.