DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Casa Galega da Cultura de Vigo

Intercambio de “afinidades” entre membros de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Jorge F DUVI 28/09/2007

Trasladar a Facultade de Belas Artes á Casa Galega da Cultura de Vigo. Este é o propósito da exposición “Afinidades Selectivas”, unha mostra inaugurada pola vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza, e o concelleiro de Cultura, Xesús López, e na que a gran protagonista é a interrelación entre autores. Parafraseando o título da obra “Afinidades electivas “, de Goethe, o proxecto pretende un intercambio de “afinidades” entre alumnos, profesores e antigos estudantes da facultade pontevedresa.
A fusión e interrelación das obras convértese no eixe desta obra na que, segundo a comisaria Susana Cendán, “uns artistas búscanse aos outros”. A través de catro bloques e, polo tanto, catro grupos de creadores, a exposición vertébrase nun percorrido no que teñen cabida proxeccións de vídeo, as intervencións na fachada do edificio ou a pintura.
Un claro exemplo desta procura das afinidades é o mural realizado polos artistas Nono Bandera e Pelucas. Mentres o primeiro levou a cabo a manipulación de pinturas alleas con iconografías irreverentes, o segundo creou un escenario que funciona como soporte interactivo para as súas pinturas.
Pola súa banda, María Núñez e Victoria Dehl tratan as mutacións xenéticas a través de videocreacións, fotografías e lenzos. A obra, cunha elevada capacidade de evocación do desasosego e intranquilidade, fala dunha realidade de ciencia ficción que sae das pantallas de cine para tornarse cada vez máis próxima.
A fachada e o hall da Casa das Artes son tomadas pola obra de Coral Martínez e Juan Carlos Meana, dous artistas que a través dunha proposta arquitectónica representan “como nalgún momento da nosa vida acabamos convertidos en números”, sinalaba Cendán.
Finalmente, Cristian Carvalho, Pablo Orza e Xoán Anleo empregan o vídeo como soporte creativo para, segundo a comisaria, “cuestionar cunha ironía moi sana e intelixente que o noso sistema artístico, cheo de contradicións”

Cesión de espazos

Coa exposición “Afinidades Selectivas” inaugúrase a cesión de espazos do Concello de Vigo á Universidade. Durante períodos de catro meses, o goberno municipal prestará salas para que a institución poida desenvolver exposicións como a actual, composta por obras de membros da Facultades de Belas Artes, ou a que a partir do mes de novembro conterá traballos de alumnos da ESDEMGA. “Hai que dar resposta as necesidades artísticas dos cidadáns, e son obxectivos afíns das dúas institucións”, afirmaba o concelleiro de Cultura, Xesús López, quen engadía que “a Universidade e o Concello son os piares do eido cultural de Vigo.”