DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Retomarase a entrega de traballos unha vez remate o período de alarma

Interrompido o prazo de admisión de orixinais dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria

Aquelas persoas que xa os presentaran non terán que volver facelo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Saúde
  • Cultura
DUVI 02/04/2020

Na procura de creatividade e talento literario a Universidade de Vigo, a través da Área de Normalización Lingüística, convocou o pasado 13 de febreiro os Premios de poesía, relato curto e tradución literaria para este 2020. Nun primeiro momento, o prazo de admisión de propostas tiña previsto rematar este 3 de abril. Porén, debido á crise do coronavirus este viuse interrompido ata novo aviso. Unha vez se retomen a actividade habitual na Universidade retomarase a entrega dos orixinais para que aqueles membros da Universidade de Vigo que aínda non presentaran un traballo poidan facelo. Esta ampliación do prazo tamén permitirá que aquelas persoas ás que lles houbese gustado participar na convocatoria pero que por falta de tempo non puideron, poidan presentar un poema, relato curto ou tradución literaria. Porén, aquelas persoas que xa presentaran os seus traballos non será necesario que volvan realizar o trámite.

O certame, que se celebra ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para a promoción da lingua galega, repartirá un total de 3600 euros entre os mellores traballos. Para isto, establecerase un premio de 700€ e dous accésits de 250€ por cada modalidade. Tanto na de poesía como na de relato curto e tradución poderán participar todos os membros da Universidade de Vigo. Non obstante, na modalidade de tradución literaria non poderá intervir o profesorado que imparta docencia no Grao en Tradución e Interpretación, no Grao en Linguas Estranxeiras ou no Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios. Finalmente, aqueles seleccionados como gañadores serán publicados nun volume que editará a Universidade de Vigo. 

Normas para a realización e presentación dos orixinais

Ademais de estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003), existen certas condicións para a realización e presentación dos orixinais. Nas modalidades de poesía e relato curto, os traballos deberán ser orixinais, non publicados nin premiados en ningún outro certame. A temática é libre e, no que se refire á extensión, as poesías comporanse dun mínimo de 100 e un máximo de 150 versos. No caso dos relatos, estes terán unha extensión mínima de oito folios e unha máxima de 12. Na modalidade de tradución literaria, o texto fonte será un texto literario en calquera idioma, cun mínimo de oito páxinas e un máximo de 20. Nas súas tres modalidades, os traballos serán presentados por quintuplicado, mecanografados a dobre espazo, en DIN-A4, con letra Times New Roman e corpo 12 nun sobre aberto identificado cun lema, alcume ou pseudónimo elixido polo autor ou autora e nome da convocatoria. Así mesmo, dentro deste incluirase outro sobre aberto identificado co devandito lema, alcume ou pseudónimo elixido polo autor/a que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia do DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico).