DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este congreso internacional sobre moda terá lugar o 2 e 3 de outubro no Museo de Pontevedra

As intervencións presenciais e virtuais combinaranse na Fashion and Design Conference

Organizado por Esdemga e o grupo DX7, reunirá preto de 50 investigadores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/09/2020

A covid-19 impediu que o pasado mes de marzo se levase a cabo, como estaba previsto, a primeira edición da Fashion and Design Conference (FADC), un congreso internacional de estudos interdisciplinares en deseño e moda promovido por Esdemga e o grupo de investigación DX7 da Facultade de Belas Artes. Tralo obrigado adiamento, este foro académico levarase a cabo os días 2 e 3 de outubro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, onde a combinación das intervencións presenciais e telemáticas fará posible a presentación de 40 comunicacións por parte de medio cento de investigadores e investigadoras de universidades de España, Italia, Ecuador, Estados Unidos, Arxentina e Hungría. O congreso contará tamén coas conferencias da directora executiva da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno, da profesora da Universidade Lusiáda de Porto Isabel Cantista e do catedrático da Universidade da Coruña Chema Paz Gago, así como coa exposición dunha serie de traballos resultado de procesos de investigación no ámbito da moda.

Dada a crise sanitaria xerada pola pandemia, as e os investigadores participantes tiveron a posibilidade de defender as súas investigacións tanto de xeito presencial como virtual, opción pola que optaron “máis do 50% dos participantes”, como explica a directora de Esdemga e responsable do comité organizador da FADC, Lola Dopico. “Con todas as medidas de seguridade e coa distancia social necesaria, optamos por seguir adiante, porque realmente unha das principais funcións deste tipo de congresos é servir como un punto de unión e conexión entre a comunidade de investigadores dun ámbito”, neste caso o estudo da moda desde diferentes disciplinas. Dada a situación, este foro académico estará aberto só á asistencia presencial dos inscritos e inscritas, pero retransmitiranse en directo a través da rede.

Múltiples miradas coa moda como nexo

Sustentabilidade, comunicación e consumo, historia da moda, identidade e xénero, interseccións con outras disciplinas e o desenvolvemento de proxectos de creación que parten do téxtil serán o eixo das sete mesas de presentación de comunicacións que integran o programa da FADC. “Aínda que algúns dos congresistas, por diferentes motivos, non poderán participar tralo cambio de data, o esquema do congreso e as súas temáticas non variaron”, engade Dopico dun foro académico caracterizado pola súa “orientación multidisciplinar, xa que a moda aglutina campos moi transversais”. Así, o foro reunirá as achegas de investigadores e investigadoras dos ámbitos da moda, o deseño, a socioloxía, a comunicación, a antropoloxía ou a semiótica, xunto coa exposición, no recibidor do museo, dunha serie de proxectos realizados por tituladas no Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Trátase, como salienta Dopico, de creacións “que teñen unha base de investigación moi interesante, ás veces máis conceptual, ás veces máis técnica, de tal xeito que a súa exhibición sumada a súa posterior presentación nunha das mesas, permitirán tamén afondar en “como se constrúe e se concibe a investigación en moda”, na que se combinan esa “parte máis material coa máis académica”.

Xurdido co propósito de converterse nun congreso bienal que reúna investigadores e investigadoras nun eido no que existe un “déficit de produción científica en España”, o congreso levado a cabo “grazas á implicación na coordinación” da estudante de doutoramento Ana Pérez Valdés e da colaboración tamén das alumnas de posgrao Irene Márquez e Alba Irina Fernández, completa o seu programa con tres conferencias presenciais. Na mañá do venres, a sustentabilidade no eido da moda será o eixo do relatorio que ofrecerá a profesora e fundadora da consultora Fast Forward Innovation Ltd, Isabel Cantista. Nesa mesma xornada, a historia da moda será o eixo da conferencia que impartirá o catedrático de Teoría da Literatura Chema Paz Gago, ex-presidente da Asociación Española de Semiótica. Xa o sábado, o congreso contará coa participación da directora executiva de ACME, Pepa Bueno, que conta tamén cunha ampla traxectoria previa en publicacións como Vogue, Elle ou Woman, “e que pode falarnos moito do que é a actualidade do deseño de moda en España”. 

Programa da FADC