DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Yolanda Ríos estudou a evolución e influencia destes conceptos ao longo da historia

Do íntimo ao conectado, unha tese analiza a construción do espazo privado na arte 

A investigación detense nos cambios que o mundo dixital implicou neste eido

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/01/2020

Ao longo da historia, espazos como a vivenda e o cuarto foron concibidos como lugares íntimos e privados, construídos coa finalidade de refuxiarse ou illarse. Mais no actual mundo dixital poden entenderse como xusto o contrario, como lugares nos que “mostrarse e permanecer conectado”. Así o pon de relevo a investigadora e artista Yolanda Ríos na súa tese de doutoramento, centrada en analizar e definir a “construción sensible do espazo privado na arte”, concibida esta como “a maneira de edificar un lugar para habitar, baseada na sensibilidade persoal, na afectividade e na emotividade”. Na súa investigación, Ríos Coello identifica e clasifica diferentes formas de articular esa noción de “espazo privado” ao longo da historia, á vez que analiza como este espazo e a súa influencia nas relacións persoais son dúas cuestións que “de forma insistente se manifestaron na forma de producir e analizar a arte”. Así mesmo, a tese que defendeu na Facultade de Belas Artes afonda nos cambios que para a construción sensible do privado supuxo o paso “dunha época analóxica a unha dixital”, na que as novas tecnoloxías trouxeron consigo “unha nova forma de comprender o individuo e as súas relacións persoais e, consecuentemente, unha nova maneira de entender o espazo privado e a intimidade”.

Dirixida pola profesora Chelo Matesanz, a tese La construcción sensible del espacio privado en el arte: del cuarto propio al cuarto propio conectado pon o foco nun tipo de espazos e construcións que, como sinala a investigadora, “condicionan e conforman ás persoas que as habitan”. Ríos Coello sinala nese senso como o espazo privado foi para a arte “un tema tan suxestivo como pode ser o retrato”, un foco de interese “marcado pola súa calidade plástica, escultórica e arquitectónica, que evidencia como viven e se relacionan as persoas”. Partindo desta idea, a tese aborda tanto a evolución deste concepto como “de que maneira a arte contemporánea se centra nestas cuestións”. De feito, Ríos pon en relación a investigación coa súa propia práctica artística, “centrada nas relacións entre escultura e arquitectura” e que implica tamén unha indagación sobre unha serie de “conceptos e intereses que sempre estiveron presentes na miña experiencia artística”, apunta. 

Da esencia do cuarto propio ao espazo "hiperconectado"

Partindo da idea de que “o espazo doméstico onde se habita constrúe a intimidade e a identidade das persoas”, a tese analiza como ao longo dos séculos “foi variando” a maneira de entender “o espazo privado e a intimidade”, á vez que afonda en como estas ideas foron abordadas por artistas como Louise Bourgueois, Peter Halley ou Andra Ursuta. Ríos incorporou tamén á súa investigación unha compilación de obras, artistas e teorías que permiten examinar “como a idea de intimidade e privacidade se foi modificando”, analizando as visións de académicos como Javier Echeverría, Sherry Turckle ou Jonathan Crary, de artistas como Monika Sosnowska, Do Ho Suh, Tomás Sarraceno e Anne Imhof e de arquitectos como Diller Scofidio ou Toyo Ito.

A tese busca así mesmo definir a “esencia do cuarto propio” para logo incidir nas “transformacións sociais e culturais” das últimas décadas e nos seus efectos na construción desa esfera privada. A través da análise de “diversas perspectivas teóricas que veñen da arte, da literatura, da filosofía, a antropoloxía ou a socioloxía”, Ríos establece “un patrón que diferencia a construción sensible do espazo privado” na modernidade e na posmodernidade, contrapoñendo o “cuarto propio” co que a ensaísta Remedios Zafra definiu como “cuarto propio conectado”, termo que, como apunta Ríos, “escenifica a inmaterialidade do espazo de intimidade na posmodernidade”. Así, engade, o primeiro enténdese como un “espazo pechado, distanciado das miradas no que poder illarse dos demais”, mentres que o conectado “caracterizase en cambio por ser aberto, poroso, dúctil e hiperconectado”.

Cambios que fixeron do fogar unha “ventá aberta” 

Na súa investigación, Ríos afondou tamén en como as tecnoloxías da información e da comunicación e o espazo virtual fixeron do fogar “unha ventá aberta”, propiciando “a transformación da vida privada e, ás veces tamén, a perda das experiencias reais”. Nese senso, a tese afonda en como o mundo virtual provocou “unha maneira diferente de percibir a contorna e as relacións humanas, desprazando os límites entre o privado e o público, así como a noción de corporalidade e identidade”. Trátase, engade, dun novo contexto que implica “cambios nas propias relacións persoais”, xa que, a través da pantalla, “cada persoa elixe que mostrar e que ocultar”, o que á súa vez pode derivar, sinala, en que “a intimidade se converta nun espectáculo”.