DUVI

Diario da Universidade de Vigo

RadioUAV e Aidfork foron seleccionados de entre case 50 solicitantes

A investigación aeronáutica e de análise de datos achega á Universidade máis de 700.000 euros na 2ª convocatoria Ignicia

A Xunta repartirá 2,6 millóns de euros entre os sete proxectos elixidos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • TIC
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 25/04/2019

Un proxecto spin-off que desenvolve sistemas para a medida e inspección non destrutiva, baseados en sensores de radiofrecuencia embarcados en vehículos aéreos non tripulados (RadioUAV) e outro centrado no desenvolvemento de dúas tecnoloxías para levar a cabo análises forenses de imaxes e vídeos e determinar a súa autenticidade (Aidfork), recibirán máis de 700.000 euros na segunda convocatoria do programa Ignicia da Consellería de Economía. Os proxectos desenvolvidos por investigadoras e investigadores do centro atlantTIC da Universidade de Vigo foron seleccionados xunto a outras cinco iniciativas das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Compostela, de entre un total de 48 solicitantes, que concorreron á segunda edición do programa Ignicia, que reparte 2,6 millóns de euros, a cambio dos que o executivo autonómico se garante o 30% dos ingresos futuros que acaden estes proxectos de investigación.

“A selección de RadioUAV, Drones para aplicacións máis alá do visible, no programa Ignicia supón un pulo moi importante. Xunto cos nosos colegas da Universidad de Oviedo levamos traballando moitos anos na parte tecnolóxica, pero non tiñamos un enfoque claro de mercado e este programa dános o enfoque correcto para levar definitivamente o noso traballo ao tecido industrial”, explica Borja González, investigador principal do proxecto RadioUAV, que completan Yolanda Rodríguez, Alfonso Fernández, José Vázquez e Antonio García Pino. Pola súa banda, o catedrático e investigador principal de Aidfork, Fernando Pérez, afirma que “víamos o programa Ignicia como unha magnífica oportunidade para valorizar os resultados da nosa investigación. Para nós supón unha oportunidade de contribuír ao progreso social e demostrar que a tecnoloxía que pode saír dos laboratorios de atlantTIC é competitiva mundialmente”. O equipo de investigadores de Aifork, Lifting and Transferring and Analytic Media Forensic Kit, complétano Pedro Comesaña, David Vázquez, Miguel Maciopinto, Alberto Pedrouzo e Vlad-Dragos Darau.

Imaxes do subsolo e obxectos enterrados nel utilizando ondas electromagnéticas en drones

A tecnoloxía desenvolvida polos investigadores do proxecto RadioUAV, que recibirá 394.200 euros do programa Ignicia, está formada por dous sistemas para a medida e a inspección non destrutiva, baseados en sensores de radiofrencuencia embarcados en vehículos aéreos non tripulados (UAV). “Trátase de tecnoloxías totalmente complementarias. De feito os fenómenos físicos que se producen son fundamentalmente os mesmos, as diferenzas principais son que, mentres nos primeiros se empregan un rango de frecuencias visibles ou próximas ao visible, nós, empregamos frecuencias de radio moito máis baixas. Isto permítenos ‘ver’ obxectos debaixo do chan, con certas limitacións, claro está”, explica Borja González. 

A tecnoloxía ten unha dobre aplicación: dunha banda, Geodrón, un sistema de xeoradar embarcado nun drone que permite obter imaxes de alta resolución do subsolo e obxectos enterrados nel, con aplicacións en inspección de instalacións soterradas, como tubaxes, e detección de minas antipersoa; e Uasam, un sistema de medida de radiación electromagnética emitida por antenas de telecomunicación, mediante o uso de sensores electromagnéticos embarcados nun drone. “Nos meses que levamos traballando na parte do mercado da tecnoloxía Geodrón, estamos a validar xa distintas hipóteses en canto ás aplicacións. Dúas aplicacións principais que estamos a validar son: a detección de minas antipersoa e a detección de distintos tipos de infraestruturas subterráneas como cables eléctricos, arquetas, canalizacións de diversa índole…”, explica o investigador principal do proxecto, que lembra que o enfoque de RadioUAV desde un primeiro momento foi ser proxecto de spin-off, o que non implica que renuncien a outras vías de transferencia compatibles, como o licenciamento.

A comprobación do fácil que é xerar imaxes manipuladas con programas de edición 

No caso de Aidfork, que percibirá 336.060 euros de Ignicia, o equipo promotor desenvolveu dúas tecnoloxías para realizar análises forenses de imaxes e vídeo que permiten, por unha banda, determinar o momento e zona xeográfica de gravación dun vídeo usando as perturbacións na iluminación capturada no vídeo e comparalas coas variacións na frecuencia da rede eléctrica; e por outra, detectar a falsificación de imaxe ou vídeo, utilizando características das dependencias de píxeles que se atopan comunmente nas imaxes que se modificaron despois da captura, o que se pode utilizar, por exemplo, para a verificación de documentos, como o DNI,s ou pasaportes. “A motivación para nós estaba en comprobar o doado que é xerar imaxes manipuladas con programas de edición e, máis aló do seu uso para xerar bromas ou creacións artística, o impacto que pode ter na credibilidade dos medios”, explica Fernando Pérez.

En relación coas aplicacións prácticas do proxecto, o investigador principal destaca que a primeira das tecnoloxías que queren levar ao mercado ademais dos usos para identificar “fake news”, atopa un nicho moi importante nos procesos de onboarding. “Moitos de nós tivemos que enviar unha foto do noso DNI (ou escaneado) para poder pedir un crédito ou solicitar a apertura dunha conta bancaria. A fraude nestes escenarios, ademais de bastante significativa, ten graves consecuencias económicas”, explica Fernando Pérez. En canto á segunda das tecnoloxías que os investigadores pretenden comercializar, serve para determinar en que momento se gravou un vídeo (en interiores) usando as imperceptibles variacións de luz, que a súa vez seguen os cambios da corrente eléctrica. “Estas variacións serven como unha especie de pegada dixital que nos permite saber cando, con precisión de segundos, se gravou o vídeo. A utilidade neste caso é evidente para as forzas de seguridade e axencias de intelixencia”, detalla o catedrático.

En canto ao punto no que este proxecto se atopa neste intre, Pérez sinala que os resultados acadados lles permiten ser optimistas, “pero os que temos unha certa idade sabemos que deben conxugarse uns cantos elementos, non só tecnolóxicos, para acadar o éxito. A duración estimada do proxecto é de ano medio”, conclúe.