DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ciclo de conferencias Café con Sal que organiza a Ecimat

O investigador Antonio Villanueva analiza as consecuencias das novas regulacións sobre o acceso aos recursos xenéticos mariños

É unha das liñas de traballo do proxecto European Blue Biobank (EBB), liderado polo CIM

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 19/02/2019

O proxecto European Blue Biobank (EBB), liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, ten dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, coordinar os biobancos que están dentro do European Marine Biological Resource Centre, EMBRC, e, por outra, desenvolver unha guía de boas prácticas para cumprir coa nova lexislación sobre acceso aos recursos xenéticos. Sobre esta segunda parte centrou o seu relatorio o investigador Antonio Villanueva na terceira sesión do ciclo de conferencias Café con Sal, que promove a Ecimat.

Villanueva, que coordina o proxecto EBB, afondou nas implicacións que teñen para o persoal investigador as novas regulacións sobre o acceso aos recursos xenéticos mariños, nunha potencia titulada ABS: are you talking about my car brakes? A nova lexislación foi desenvolta no marco do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica de Nacións Unidas co obxectivo de protexer os intereses dos países de orixe dos recursos pero tamén supón unha barreira burocrática para as entidades interesadas en levar a cabo investigación utilizando recursos xenéticos. 

O proxecto EBB, para anticiparse ás posibles implicacións

A comunidade científica, concretamente a que investiga sobre as propiedades dos recursos biolóxicos, está suxeita á necesidade de cumprir co que establecen as novas normativas europeas e estatais sobre o acceso e utilización dos recursos xenéticos. Sen embargo, esta necesidade é pouco coñecida pola comunidade investigadora, e supón unha carga administrativa adicional para a actividade. Como explicaba Villanueva, neste contexto arrancou en 2017 o proxecto EBB, que pretende preparar para esta nova situación ás estacións mariñas que forman parte da  EMBRC, a infraestrutura europea de investigación dedicada á bioloxía mariña fundamental e aplicada, da que forma parte a Ecimat. Segundo relataba o científico nesta sesión do Café con Sal, a finalidade de EBB é apoiar aos usuarios e usuarias das estacións mariñas no cumprimento do establecido nos novos regulamentos, así como axudar ás administracións nacionais e europeas a que a implantación destas normativas sexa o máis eficiente posible. Para isto, achegou a información básica sobre os recursos nos que se pode apoiar o persoal investigador para “reducir na medida do posible o impacto destas novas normativas sobre a súa actividade, así como aumentar a concienciación entre os asistentes acerca deste requirimento legal”.

O proxecto internacional EBB, coordinado pola Ecimat, está formado por un equipo multidisciplinar que comprende algunhas das coleccións mariñas máis importantes do mundo, clústeres de biotecnoloxía mariña, empresas de biotecnoloxía mariña e departamentos gobernamentais responsables do acceso a recursos xenéticos mariños (“ABS Competent National Authorities” ou CNAs), os cales pretenden, con esta iniciativa, promover o uso sostible dos recursos biolóxicos mariños e facilitar o acceso aos seus datos e produtos extraíbles. 

A próxima cita, o 5 de marzo

A seguinte cita do Café con Sal será o vindeiro 5 de marzo con intervención de Gianluca Marino, investigador do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, baixo o título The nature of palaeo climate change.