DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón é concedido anualmente pola sociedade española neste eido

Un investigador da UVigo acada o premio á mellor tese en Ciencias do Solo 2020

Diego Soto foi distinguido pola súa abordaxe das propiedades físicas da rede porosa do solo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 07/12/2020

O Premio á Mellor Tese de Doutoramento en Ciencia do Solo, concedido cada ano pola Sociedad Española de la Ciencia del Suelo, é neste 2020 para o investigador da Universidade de Vigo Diego Soto. A tese, tal e como indica o seu autor, aborda a través de técnicas actuais, como a tomografía axial, “un dos problemas da física de solos moderna: atopar ligazóns entre as propiedades físicas da rede porosa do solo e a capacidade deste para actuar como filtro”.

A tese galardoada leva por título Propiedades físicas do solo baixo diferentes manexos: unha análise mediante tomografía computarizada, experimentos de transporte e caracterización dos saltos de presión. Na resolución do premio, o xurado destaca que “a tese aborda un campo de traballo de elevada complexidade, como é a caracterización da organización tridimensional do solo e a súa relación cos procesos de infiltración e movemento de coloides e partículas a través do mesmo”. Tamén indica o xurado que “é especialmente novidosa ao utilizar técnicas modernas e de alta calidade (como a tomografía axial) que permiten comprender diferenzas asociadas ao manexo agrícola, moitas veces postas de relevo, pero poucas veces evidenciadas como neste traballo”. Igualmente entre os méritos apuntados do traballo está que nel “alcánzanse conclusións relevantes respecto do transporte de partículas coloidais ou sobre a arquitectura da rede de poros do solo", ademais de que ten un gran número de aplicacións.

Sobre o galardón, Diego Soto, egresado en Enxeñaría Técnica Agroalimentaria, sinala como “estou moi contento de recibilo porque é un premio estatal do noso eido” e indica como este tipo de recoñecementos “tamén animan a seguir investigando neste campo”. En todo caso, recalca como esta tese “non é cousa dunha persoa” e fai fincapé no apoio recibido polos seus directores de tese, José Eugenio López e Marcos Paradelo, e polos seus compañeiros e compañeiras de Edafoloxía. “Axudáronme moito. Temos un grupo de investigación bastante potente, no que o ambiente de traballo é moi bo, e todo iso axuda”, afirma o investigador do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo.

A relación entre a rede porosa e o papel de filtro do solo

Presentada en outubro de 2019 no campus de Ourense, a tese ten como título orixinal Soil physical properties under different managements: an analysis through CTscanning, transport experiments and pressure jumps characterisation. Segundo explica o seu autor “o obxectivo principal desta tese está relacionado cun dos problemas da física de solos moderna: atopar ligazóns entre as propiedades físicas da rede porosa do solo e a capacidade deste para actuar como filtro”. Para iso, indica, recorreu á tomografía axial computarizada e á análise de imaxe co fin de caracterizar a rede porosa do solo e certas propiedades relacionadas coa súa densidade óptica, e aos experimentos de transporte con solutos e microesferas para parametrizar as súas propiedades hidráulicas. “Isto permitiunos corroborar certas hipóteses. Por exemplo, descubrimos que a densidade óptica da matriz favorece o transporte a través de macroporos”. Ademais, engade Diego Soto, no estudo feito extraeuse información das tomografías empregando dous enfoques novos: a teoría de percolación e a multifractalidade.

No traballo realizado, comenta o seu responsable, "tamén tentamos arroxar un pouco de luz sobre o tema do escalado: mediante sensores de presión inseridos en columnas de solo descubrimos que as burbullas de aire encerradas no medio edáfico, rodeadas por un escudo capilar, xeran ao romper ondas de presión de máis de 5 hPa, seguidas dunha lenta redistribución da humidade”. Este proceso, indica Diego Soto, fora xa descrito a pequena escala (haines jumps), pero non a escala de poro, e “é interesante á hora de establecer relacións de escala xa que, a pesar de que os efectos prodúcense a escala de poro ou macroporo, ten efectos sobre a humidade de toda a mostra (escala de núcleo)”. Por último, engade o investigador, na tese analizouse a aptitude das eumelaninas de tinta de lura para o seu uso como trazadores coloidais en experimentos de transporte. “Estas esferas orgánicas resultaron materiais baratos, non contaminantes, estables en suspensión nun amplo rango de pH e axeitados para estudar o transporte en solos que posúen baixas concentracións de sales”, afirma o galardoado.