DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da iniciativa fields4ever financiada polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea

Unha investigadora da UVigo analizará a biodiversidade microbiana dos solos de campos de cultivo de millo forraxeiro

María Gómez Brandón remarca que Galicia é responsable do 75% da produción desta gramínea en España

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/04/2021

Fields4ever é unha iniciativa global para a conservación e vixilancia da saúde do solo, que pretende analizar preto de medio millón de hectáreas en todo o mundo ao longo de ano medio. Para facer posible este reto, a empresa de biotecnoloxía Biome Makers, que é a impulsora de Fields4ever, fixo un chamamento a organismos de investigación e ciencia e a agricultores de Europa, Asia, África e América para que se sumasen a esta proposta e axudasen a realizar esta monitoraxe mundial.

Así, no marco de Fields4ever estanse a desenvolver unha serie de proxectos locais, un deles coordinado por María Gómez Brandón, investigadora Ramón y Cajal do Grupo de Ecoloxía Animal da Universidade de Vigo. En concreto estudará a biodiversidade microbiana dos solos de campos de cultivo de millo forraxeiro en cinco localidades galegas.

A investigadora explica que a produción do millo forraxeiro é de grande importancia para o sector agroalimentario e, de feito, Galicia é responsable do cultivo de aproximadamente o 75% desta gramínea en España. Non obstante, recalca, “aínda non está claro como e en que medida as prácticas de manexo, como o uso de pesticidas, fertilizantes ou maquinaria agrícola pesada, poden afectar á biodiversidade microbiana dos solos e, polo tanto, á produción deste millo e en xeral á saúde do chan nestes campos de cultivo”. Para avanzar neste eido, María Gómez Brandón estudará a biodiversidade microbiana dos solos de campos de cultivo de millo forraxeiro nas localidades de Tomiño, Maceda, Mondoñedo, Bertoa, en Carballo, e Agolada. Empregará técnicas de secuenciación masiva “que permitirán avaliar a composición e diversidade das comunidades bacterianas e fúnxicas no sistema solo-planta. Estas análises biolóxicas complementaranse con outros indicadores físicos e químicos da saúde do chan e coa a medición de atributos morfolóxicos e fisiolóxicos da planta”. Entre finais destes mes de abril e comezos de maio comezará a primeira mostraxe e o proxecto desenolverase ao longo de todo o 2021.

Iniciativa Fields4ever, unha iniciativa para restaurar a saúde dos solos

Fields4ever é unha iniciativa global para a conservación e vixilancia da saúde do solo, impulsada pola empresa de biotecnoloxía Biome Makers, con sede en California e Valladolid, e enmarcada no programa Horizonte 2020 da Unión Europea. A súa finalidade é analizar preto de medio millón de hectáreas en todo o mundo para poder coñecer o estado do solo dos campos agrícolas e restaurar a súa saúde. Para facelo posible, cada proxecto participante, entre eles o de María Gómez, recibe unha serie de ferramentas de monitoraxe avanzadas proporcionadas por Biome Makers, que, por primeira vez, abre a súa tecnoloxía á comunidade científica internacional. 

María Gómez Brandón explica que os solos “son unha das principais reservas mundiais de biodiversidade, albergando máis do 25% da diversidade biolóxica do planeta”. Neste contexto, os microorganismos desenvolven un papel fundamental ao seren responsables de procesos tan importantes como o ciclado de nutrientes ou a descomposición da materia orgánica. “Son os nosos veciños invisibles e, pese á importante función da biodiversidade microbiana para asegurar un uso e manexo sostible do solo, aínda existe unha falta de información sobre esta temática a nivel local, nacional, rexional e mundial”, remarca.