DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baseada na utilización de pictogramas e dispoñible para todo tipo de dispositivos móbiles Android

Investigadores de atlanTTic crean unha app que lles facilita o día a día no traballo ás persoas con autismo

A iniciativa saíu adiante grazas ao financiamento achegado por Indra e a Fundación Universia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/07/2020

Xa pode descargarse para calquera dispositivo móbil Android  talkAACtive, unha aplicación gratuíta dirixida a facilitarlle ás persoas con autismo a súa comunicación na contorna laboral.  A nova app foi deseñada polo Grupo de Tecnoloxías da Información do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo,  grazas ao financiamento achegado por Indra, unha das principais empresas globais de tecnoloxía e consultaría, e a Fundación Universia, entidade que impulsa a accesibilidade e a inclusión das persoas con discapacidade na sociedade, que seleccionaron este proxecto, entre máis de 70 presentados por diferentes universidades españolas, como un dos tres traballos gañadores da II Convocatoria de Axudas a Proxectos de Investigación de Tecnoloxías Accesibles.

Dispoñible no mercado a través de Google Play, a aplicación desenvolta polo equipo vigués permite que calquera persoa que teña dificultades de comunicación, xa sexa Transtornos do Espectro Autista ou calquera outra dificultade (afasia, disartria, dislalia…) practiquen e/ou autoavalíen a súa fala ou escritura mediante pictogramas, grazas a un innovador sistema de xeración de linguaxe natural de concepción propia e facilmente adaptable a calquera contorna laboral. Xunto a isto, a app ten tamén a capacidade de funcionar coma un comunicador pictográfico para facilitar o proceso de aprendizaxe (comunicación, práctica de escritura e práctica de fala) a través dunha única aplicación.

O fin último é “que sexan capaces de adaptar a súa expresión para integrarse sen axuda”

“O fin último é que tras a súa utilización os usuarios ou usuarias logren abandonar por completo a comunicación mediante pictogramas e sexan capaces de adaptar a súa expresión para integrarse sen axuda nos seus traballos ou vida cotiá”, salienta Enrique Costa, un dos investigadores responsables do deseño e posta en marcha da app, quen recalca que este proxecto foi moi importante para o Grupo de Tecnoloxías da Información por varios motivos. Destaca, neste senso, que grazas ao premio de Indra e da Fundación Universia conseguiron financiamento -24.000 euros-  para a súa liña de traballo de desenvolvemento de aplicacións móbiles destinadas á comunicación e accesibilidade, un campo de estudo xa consolidado neste grupo, tal e como demostran as máis dunha ducia de aplicacións que teñen dispoñibles no proxecto Accegal

“Doutra banda, permitiunos tamén fusionar este tipo de traballo coa investigación que levamos realizando estes últimos anos en procesamento da linguaxe natural, máis concretamente na expansión de castelán e inglés, engadindo á app un sistema de xeración de linguaxe natural propio”, detalla Montenegro, ao tempo que fai fincapé en que están convencidos de que a app lles vai ser “moi útil” ás persoas con dificultades de comunicación para que practiquen e autoavalíen a súa fala e escritura mediante pictogramas de xeito adaptado ao seu propio traballo.

Interfaces sinxelas, claras e directas

Co fin de facer a aplicación máis atractiva e accesible visualmente, o equipo responsable da investigación contou coa colaboración dun deseñador gráfico que se encargou de coidar ao detalle cuestións como a tipografía, a gama cromática, o contraste, etc.  Deste xeito, a app caracterízase por contar con interfaces sinxelas, claras e directas, evitando a confusión e  animando ao usuario/a a empregala. Por defecto creáronse dúas configuracións, precargadas coa aplicación: unha predeterminada, con pictogramas básicos para unha comunicación diaria, e unha laboral, para a contorna do traballo dun administrativo/a. “A persoa que utiliza a app xera mediante a selección de pictogramas unha frase que o sistema completa mediante técnicas de procesado de linguaxe natural e, a continuación, pode avaliar si é capaz de escribila ou dicila correctamente”, salientan os investigadores, ao que engaden que a aplicación espera a que a interacción co dispositivo por parte do usuario finalice para amosarlle na pantalla se o texto xerado –por voz ou mediante teclado- é correcto.

Outro dos aspectos máis destacables desta aplicación é, segundo destacan, que é “altamente configurable e personalizable”, posibilitando a súa adaptación a usuarios con calquera problemática que afecte á comunicación e deixando aberta a posibilidade de incluír máis configuracións adaptadas a outras contornas de traballo. “Permite, por exemplo, engadir con facilidade novos pictogramas ou seleccionar entre os idiomas inglés e castelán”, recalca Montenegro, ao tempo que salienta que tamén se incluíron diferentes mecánicas de xogo (gamificación) para potenciar a motivación, a concentración e o esforzo.

Asesoramento e colaboración da asociación Transtornos do Espectro Autista de Vigo, TEAVI

En todo o proceso de desenvolvemento da app contaron co asesoramento e axuda das expertas e expertos da asociación Transtornos do Espectro Autista de Vigo, TEAVI, que os axudaron na definición da configuración orientada á contorna de traballo dun administrativo ou administrativa e lles facilitaron que varias persoas usuarias da asociación probaran a aplicación en diferentes momentos do proxecto.

“Como valoración de ditos usuarios reais cabe destacar os seus comentarios sobre a sinxeleza do seu uso, a idoneidade do modo comunicador simple, para despois ir avanzando coas posibilidades de avaliación de voz e texto, así como a facilidade que lle achega ao coidador o modo de gamificación para poder facer un seguimento dos progresos do usuario”, explican os responsables da investigación. Ademais, grazas a colaboración de TEAVI, houbo tamén a posibilidade de levar a cabo unha presentación da app a un grupo de 25 usuarios e usuarias que tiveron a oportunidade de interactuar con ela durante dúas horas, proba que logrou un retorno moi positivo. “Agardamos conseguir moitas máis valoracións e opinións de usuarios unha vez a aplicación estea publicada en GooglePlay”, recalca o investigador.

Convocatoria de Axudas Indra-Fundación Universia

A convocatoria de axudas a proxectos de investigación en Tecnoloxías Accesibles lanzada por Indra en colaboración con Fundación Universia, consolidouse en catro edicións como unha das principais convocatorias deste tipo en España, capaz de espertar o interese de máis dun cento de grupos de investigación de universidades públicas e privadas de todo o país, que presentaron máis de 300 propostas nas edicións celebradas. Nesta liña, Indra contribuíu ao desenvolvemento de máis de 50 proxectos no marco das súas Tecnoloxías Accesibles, unha iniciativa posta en marcha hai máis de 15 anos como parte da súa Responsabilidade Social Corporativa, que pretende reducir a fenda dixital e poñer a innovación ao servizo das persoas con discapacidade.