DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son parte dos resultados do proxecto de investigación EcoAfrik

Investigadores do CIM-UVigo e do IEO publican o catálogo de cefalópodos que habitan a costa noroccidental africana

Por primeira vez rexistráronse na zona algúns polbos de profundidade e varias luras oceánicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/01/2021

Despois de varios anos dedicados ao estudo taxonómico e ao exame exhaustivo da bibliografía existente, un equipo de investigadoras e investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, e do Instituto Español de Oceanografía, acaba de publicar un artigo no que se dá a coñecer unha listaxe actualizada de 138 especies de cefalópodos para toda a zona do Gran Ecosistema Mariño da Corrente de Canarias, CCLME, onde se alberga un dos catro principais sistemas de afloramento mariño a nivel mundial e se produce a maior industria pesqueira da costa atlántica africana, cunha produción anual de entre dous e tres millóns de toneladas, incluíndo as principais especies comerciais de cefalópodos: luras, sepias e polbos.

O estudo -que acaba de facerse público a través da revista internacional Journal of Marine Biological Association of United Kingdom, especializada en bioloxía mariña- baséase nas coleccións recollidas en 1247 estacións de arrastre de fondo durante dez campañas levadas a cabo entre 2004 e 2012 ao abeiro do proxecto de investigación EcoAfrik (UVigo-IEO), dirixido por Fran Ramil e Ana Ramos, e que se puxo en marcha co obxectivo de analizar a biodiversidade dos ecosistemas bentónicos que ocupan os fondos da costa noroccidental africana. “Durante estes estudos obtívose unha enorme cantidade de datos cuantitativos biolóxicos, parámetros ambientais da columna de auga e dos fondos mariños e importantes coleccións de invertebrados bentónicos”, explica a investigadora da Universidade de Vigo Amanda Luna, autora do artigo xunto ao tamén investigador do CIM-UVigo Francisco Rocha e a investigadora do Instituto Español de Oceanografía Catalina Perales-Raya.

Ampliouse a distribución xeográfica de varias especies e descubríronse outras

Ademais de actualizar a listaxe de cefalópodos para toda a zona do CCLME, o equipo de investigación encontrou tamén como varias das especies estudadas viron ampliada a súa distribución xeográfica coñecida, como é o caso dalgúns polbos de profundidade -como Muusoctopus januarii, Bathypolypus valdiviae ou Cirrothauma murrayi- e varias luras oceánicas -como Abralia siedleckyi, Magnoteuthis magna o Chtenopteryx sicula-, algunhas das cales se rexistraron por primeira vez na zona. “As coleccións de EcoAfrik representan unha fonte excepcional de información que proporcionará unha visión global da biodiversidade, composición e distribución dos cefalópdos do noroestes de África”, recalca a investigadora.

Os estudos foron realizados ao longo da plataforma continental e o noiro fronte a Marrocos, Sáhara occidental, Mauritania, Senegal, Gambia, Guinea-Bissau e Guinea e, aínda que a maioría das especies de cefalópodos con valor comercial nesta rexión foron ben estudadas, seguen a descoñecerse moitos aspectos da sistemática, distribución, bioxeografía e ecoloxía de outros cefalópodos.

Sacando á luz múltiples especies dos ecosistemas mariños no noroeste de África

O equipo de investigación de EcoAfrik leva anos estudando sen descanso o bentos da costa noroccidental africana, realizando campañas oceanográficas e publicando multitude de publicacións cos resultados destas campañas, entre as que se inclúen varias teses de doutoramento, artigos científicos, informes técnicos e libros relacionados coa biodiversidade do CCLME.

O artigo publicado este luns recolle, precisamente, parte dos resultados da tese de doutoramento de Amanda Luna. “O meu traballo consistiu na identificación taxonómica das especies e a actualización da listaxe faunística dos cefalópodos da zona, revisando toda a bibliografía existente sobre o tema”, salienta a investigadora, ao que engade que, ademais da taxonomía, realizou tamén a posterior análise bioxegráfica e ecolóxica das especies que se atoparon, cuxos resultados verán a luz proximamente en forma de diferentes artigos científicos. Leva estudando cefalópodos sete anos e máis de dez como taxónoma. De toda esta experiencia considera que o máis interesante é “poder ver e identificar con claridade especies que nunca vira máis aló dos libros, intercambiando impresións con outros investigadores que levan anos traballando nisto e aos que admiro”, subliña Luna.

Pola súa banda o profesor Francisco Rocha, coautor deste artigo, xa publicara en 2017 xunto a outros investigadores de EcoAfrik, un inventario das especies de cefalópodos de parte do noroeste de África, concretamente das costas de Mauritania. Ademais, a outra coautora, Catalina Perales-Raya, investigadora do Centro Oceanográfico de Canarias –pertencente ao IEO- é especialista en bioloxía e pesqueiras de cefalópodos do Atlántico e ten realizado importantes estudos sobre o polbo común (Octopus vulgaris).