DUVI

Diario da Universidade de Vigo

SUSVINPRO avanzará nos sistemas de alertas de pragas e nos cultivos de cobertura

Investigadores de Enxeñaría Agraria de Ourense desenvolven un proxecto estatal de mellora da sostibilidade de viñedos en Europa

Está dirixido por Francisco Javier Rodríguez Rajo e David Fernández Calviño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 26/07/2022

Baixo o nome de SUSVINPRO, persoal docente e investigador de Enxeñaría Agraria da Facultade de Ciencias do campus de Ourense está a desenvolver un proxecto estatal de mellora da sostibilidade de viñedos en Europa. Desde o pasado ano e ata 2025, avanzará nos sistemas de alertas de pragas e nos cultivos de cobertura, creando unha estación de alerta de posibles infeccións fúnxicas en dúas áreas bioclimáticas europeas.   

O proxecto, que leva por título Sostibilidade da produción de viñedo: redución de insumos externos, incremento da biodiversidade do solo e mellora do desenvolvemento do cultivo, está financiado con 164.560 euros pola convocatoria para proxectos de I+D+i Retos, do Ministerio de Ciencia e Innovación. Está liderado polos investigadores do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo David Fernández Calviño e Francisco Javier Rodríguez Rajo e dá continuidade á liña de investigación da Área de Edafoloxía e Química Agrícola no eido da sostibilidade agrícola e de xestión dos solos. “No ránking de Shanghai por materias, referente no seu eido, as titulacións e a investigación que se realiza arredor dos nosos graos de Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, sitúanse entre as 500 mellores do mundo, algo que é excepcional. SUSVINPRO é un exemplo máis dos moitos e destacados proxectos de investigación que desenvolvemos desde este centro con financiamento autonómico, estatal ou internacional”, comenta Rodríguez Rajo, decano tamén da Facultade de Ciencias.

Viñedos rendibles e sostibles

O viñedo, explican os responsables do proxecto, “é un dos cultivos agrícolas máis rendibles de Europa (67,2% da produción mundial de viño) xa que, proporciona un alto rendemento económico (25.500 millóns en 2016) a pesar de que ocupa menos do 2% da terra cultivable europea”. Con todo, engaden, “a xestión actual dos viñedos europeos presenta uns importantes problemas agroambientais asociados, como o alto uso de insumos externos, especialmente pesticidas. De feito, o 20% dos praguicidas utilizados en Europa aplicáronse a viñedos, a pesar de que só o 2% da terra cultivable dedícase a este cultivo”.

O alto rendemento económico da viticultura en Europa xunto co competitivo posicionamento europeo neste sector, subliñan os directores do proxecto, fan necesaria a introdución de novas prácticas para mellorar a súa sostibilidade a longo prazo. “Con este fin, a redución de diferentes ameazas, como o uso excesivo de pesticidas (incluído o cobre) e a perda de biodiversidade do solo, deberían ser un obxectivo importante das políticas rurais”, afirman. O uso de praguicidas en viñedos, sinalan os investigadores, suponse que pode reducirse implementando novas prácticas de manexo (como sistemas de alerta de pragas e cultivos de cobertura) e os modelos de produción de colleita poderían verificar que prácticas culturais son as máis adecuadas para a optimización e o desenvolvemento sustentable do viñedo”.

Liñas de traballo

Neste marco de traballo, SUSVINPRO márcase diferentes obxectivos e liñas de traballo para aumentar a produción e a calidade da colleita. Así, as e os investigadores da Universidade de Vigo avaliarán a concentración de propágulos dos principais fungos fitopatóxenos na atmosfera de viñedos situados en dúas zonas bioclimáticas diferentes (eurosiberiana e mediterránea) e determinarán os posibles umbrais de risco de infección dos fungos a partir da comparación entre os niveis das esporas no aire e os síntomas da enfermidade da planta. A partir de aí desenvolverán unha estación de alerta de pragas de posibles infeccións fúnxicas nas dúas áreas bioclimáticas elixidas para reducir os tratamentos químicos que combinen datos obtidos de: modelos fenolóxicos, modelos de predición da concentración de esporas no aire requirida para a infección e algoritmos das condicións meteorolóxicas propicias para o desenvolvemento de fungos.

Ao longo dos anos de traballo, o proxecto abordará a avaliación do efecto de diferentes tratamentos contra malezas (labranza, herbicidas e cultivos de cobertura) na produción da colleita e a saúde das plantas. Igualmente, ao seu abeiro estudaranse os posibles efectos negativos sobre a acumulación de cobre nos solos dos viñedos (en función das características do solo) e probaranse solucións asequibles para a remediación do solo. As e os investigadores tamén avaliarán o efecto das prácticas de manexo propostas (sistema de alerta de pragas e cultivos de cobertura) sobre a biodiversidade do solo desde múltiples puntos de vista (microorganismos, nematodos e lombrigas de terra) e outras características do ecosistema: fertilidade do solo, secuestro de carbono e emisións de gases de efecto invernadoiro. Por último, SUSVINPRO inclúe o desenvolvemento de modelos de predición de colleita das variedades autóctonas máis importantes nas dúas áreas bioclimáticas elixidas para organizar con antelación as prácticas culturais, traballos de adega, contratación de persoal, contratación de seguros agrícolas e evitar fraudes en áreas de Denominación de Orixe pola introdución de uva foránea.