DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo participa nun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía brasileiro

Investigadores de Galicia e Brasil analizan como Instagram retratou o inicio da pandemia

Parte da análise de 100.000 publicacións realizadas entre marzo e maio de 2020

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Saúde
  • Teatro
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/05/2021

Rúas completamente desertas, aplausos desde os balcóns, estantes baleiros nos supermercados... A pandemia provocada pola covid-19 deu lugar a unha longa serie de imaxes nunca vistas que milleiros de persoas trasladaron ás redes sociais e que constitúen o eixo do estudo que levan a cabo catro investigadores e investigadoras da Universidade Estadual Paulista (Unesp) e das universidades de Vigo, A Coruña e Brasilia. Coordinado polo fotógrafo e profesor da Unesp Denís Renó, o proxecto no que participa o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán céntrase na análise das 100.000 publicacións con maior número de interaccións en Instagram, difundidas en español e portugués entre marzo e maio de 2020 e que contiñan as palabras ‘covid’ ou ‘coronavirus’. Deste xeito, esta investigación financiada polo goberno do Brasil busca coñecer como a cidadanía reflexionou e opinou sobre o inicio da pandemia da covid-19, así como afondar nos efectos da fotografía, que ocupa un papel central nesta rede social, “na construción do coñecemento colectivo sobre a covid-19 no Brasil e en España”. 

A profesora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro e a investigadora da Universidade de Brasilia Andrea Versuti completan o equipo de traballo deste proxecto, un dos 90 seleccionados, de entre máis de 2200 propostas, na convocatoria de investigacións sobre a covid-19 impulsada polo Consello Nacional de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico e o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía do Brasil. De feito, o proxecto Educar e informar: a fotografía nos procesos comunicacionais vía Instagram sobre a covid-19 foi un dos tres estudos da área de comunicación que obtiveron financiamento na convocatoria impulsada o pasado ano polo goberno brasileiro. “É un proxecto moi interesante, no que hai moitas cuestións que se poden analizar”, recoñece Martínez Rolán, que destaca o carácter “multidisciplinar” do equipo investigador, xa que tanto Renó como Versuti son “expertos en análise visual”, mentres que Piñeiro “é a especialista do grupo no referido á estudos de xénero e comunicación sonora”, un aspecto relevante, lembra, á hora de abordar as stories desta rede social.

Analizar unha realidade partindo dun “enorme número de datos”

No caso do docente da Universidade de Vigo, o seu papel na investigación céntrase en primeiro termo “na captura e análise dos datos”, dada a súa experiencia investigadora no tratamento e estudo de grandes bases de datos xeradas con información extraída das redes sociais. No arranque deste proxecto, que se estenderá ata o primeiro semestre de 2022, Martínez Rolán responsabilizouse da compilación das 103.000 publicacións en castelán ou portugués, “que contiñan as palabras ‘covid’ ou ‘coronavirus’ e un maior número de interaccións”, de entre todas as realizadas nos dous meses seguintes á declaración do Estado de Alarma en España, o 13 de marzo, e a aprobación do Decreto de Calamidade Pública por parte do Senado Federal brasileiro, sete días despois. A mostra reúne tanto publicacións de España e Portugal como de diferentes países de Iberoamérica, sendo Brasil o máis representado, cun número de publicacións superior ao do resto da mostra no seu conxunto. “Ter un enorme número de datos vaiche dar unha visión menos nesgada da realidade”, recoñece o investigador do grupo Sepcom, respecto dunha base de datos con “trece variables de análise”, desde a data e hora de cada publicación ata o número de likes ou comentarios. 

Múltiples campos de análise

O proxecto busca estudar “os efectos da fotografía na construción do coñecemento colectivo sobre a covid-19”, partindo do papel que xoga na actualidade Instagram como “espazo de fotografía social contemporánea” e as redes sociais, en xeral, como unha canle que a cidadanía emprega para manifestar as súas opinións. Partindo do uso que se fai da imaxe neste contexto, a investigación posibilita, como recoñece Rolán, múltiples campos de análise, “desde quen publica esas imaxes aos textos que as acompañan”, pasando por quen foi capaz de xerar “unha maior interacción” ou polo estudo do discurso das publicacións máis populares.

Deportistas, políticos, influencers e medios de comunicación figuran, de feito, entre os autores das publicacións que integran a mostra, entre os que se atopa tamén o presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, “un dos principais líderes negacionistas”, como lembra Rolán. Neste punto, o investigador destaca o interese que, no marco deste estudo, terá coñecer o impacto das numerosas “mensaxes de apoio e en contra” que o presidente brasileiro suscitou nesta rede social, ao igual que “saber tamén que se dixo en Instagram dos principais boatos relacionados coa covid-19”. 

Así mesmo, entre os responsables das publicacións seleccionadas figuran tamén “36 marcas que publicaron máis de cen anuncios que incluían algunha destas dúas palabras”, sinala Rolán, que apunta nese senso que outro dos focos de análise do proxecto será abordar o uso publicitario desta rede social nun contexto da pandemia. 

Un congreso como peche

Ademais da preparación dunha serie de artigos para revista científicas, o proxecto contempla, como peche, a publicación dun “manual de boas prácticas para o uso da fotografía con fins educativos e informativos” nun contexto de pandemia, así como a organización “dun congreso ou xornada de difusión en proxecto”, que, como adianta Martínez Rolán, terá lugar en Galicia no primeiro semestre do vindeiro ano.