DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo EcoEvo participou nun estudo filoxenético de máis de 40 especies do xénero 'Ischnura'

Investigadores de seis países analizan a evolución dun xénero de libélulas no que só as femias son polimórficas

Diferentes especies desenvolveron un morfo de cor que as asemella aos machos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/04/2021

O polimorfismo, que ocorre cando individuos dunha mesma especie presentan varios morfos, (diferentes aparencias externas en morfoloxía ou coloración), é un fenómeno pouco habitual, que achega “información sobre os mecanismos da evolución”, como destaca o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal e investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) Adolfo Cordero. Analizar as orixes e os padróns evolutivos do polimorfismo de cor que se dá unicamente nas femias de diferentes especies do xénero de libélulas Ischnura foi o obxectivo do estudo que investigadores deste grupo desenvolveron xunto con entomólogos e entomólogas de México, Estados Unidos, Nova Zelandia, Colombia e Bélxica. Nun artigo publicado na revista Odonatologica, este grupo de investigadores e investigadoras documenta o polimorfismo de 44 especies e subespecies deste xénero, que á súa vez poñen en relación co sistema de apareamento de 36 especies nunha análise filoxenética que lles leva a concluír, como apunta Cordero, que “o antepasado común máis recente” deste xénero era “moi probablemente” unha especie tamén polimórfica e ademais “poliándrica”, na que a femia se aparea con diferentes machos. De feito, unha das conclusións da investigación é que a existencia de diferentes morfos nunha mesma especie dáse en maior medida naquelas que son poliándricas, xa que unha desas aparencias externas, a chamada “androcroma”, fai as femias semellantes aos machos, o que respondería a un intento de reducir a intensidade do “acoso do apareamento masculino”. 

“Un desafío importante na bioloxía evolutiva refírese a como se crean e se manteñen as variacións xenéticas e fenotípicas”, sinalan os autores deste estudo, para o que Cordero e a investigadora do Instituto de Ecoloxía AC de México Rosa Sánchez reuniron a información dos 44 taxons, 42 especies e dúas subespecies do xénero Ischnura, procedentes “de cinco rexións bioxeográficas” das que dispuñan de secuencias moleculares ou de ADN. Esta información analízase á súa vez xunto coa referida ao sistema de apareamento de 36 destas especies, en boa parte dos casos categorizada por primeira vez para este traballo, que xunto a Cordero e Sánchez asinan os investigadores do grupo EcoEvo Anais Rivas e Iago Sanmartín; Fabricio Villalobos, do Instituto de Ecoloxía AC; Sara Ceccarelli, do Centro de Investigación Científica e de Educación Superior de Ensenada; Suman Neupane, da Murray State University; Maren Wellenreuther da Universidade de Auckland; Seth Bybee, da Brigham Young University; María Velásquez e Emilio Realpe, da Universidad de los Andes; Jesús Chávez, da Universidad Nacional Autónoma de México, e Henry Dumont, da Universidade de Gante.

Cores que as asemellan ou diferencian dos machos

Destas 44 especies e subespecies, só doce se clasifican como “monomórficas”, mentres que noutras 26 as femias adultas presentan dous morfos de cor e en seis dos casos, tres diferentes. Concretamente, a estudo aborda a existencia de tres morfos de cor na etapa adulta das femias do xénero Ischnura, un “androcromo”, e dous “xinocromos”, que implican unha coloración diferente a dos machos e que denominan como Aurantiaca e Infuscans nun artigo no que describen por primeira vez os diferentes morfos de varias destas especies.

Análise filoxenética

Partindo desta información, realizaron unha análise filoxenética do xénero Ischnura, “un método para determinar cal é a forma máis probable do antepasado común do grupo estudado, empregando a filoxenia coñecida”, explica Cordero. “O que se analiza é o número de veces en que hai cambios ao longo da evolución das especies e téntase reconstruír a forma máis probable ancestral”, engade. Este estudo permitiu constatar a “evolución converxente de varios morfos fenotípicos”, o desenvolvemento dunhas aparencias determinadas que apareceron de forma independente en varias especies como froito da súa evolución. Isto viría a supor, como apunta Cordero, que varias especies “converxen na mesma solución ante un problema similar”, tendo en conta ademais “que o polimorfismo só se expresa nas femias”, a pesares de que os machos posúen tamén os xenes que farían posible o seu desenvolvemento.  

Este estudo da “correlación evolutiva” entre a existencia de varios morfos de cor e os sistemas de apareamento permitiu concluír tamén que o primeiro podería vir determinado polo segundo, de tal xeito que “se a especie evoluciona para facerse poliándrica é moi probable” que tamén se converta en polimórfica. “O que corroboramos é que as especies que teñen máis conflito sexual entre machos e femias son con maior probabilidade polimórficas, mentres que as especies que teñen femias que se aparean normalmente só cun macho, raramente son polimórficas”, salienta Cordero.