DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante un mes no océano Austral ao abeiro da expedición Antom-II

Investigadores da UVigo e do CSIC estudarán o impacto dos contaminantes de orixe humana na Antártida 

A bordo do buque Hespérides, a expedición partiu do porto arxentino de Ushuaia 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigar
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/01/2022

A docente e investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Cristina Sobrino García, e os técnicos do Centro de Investigación Mariña Mariña (CIM), Antonio Fuentes Lema e Paulo Alcaraz Rocha, son os investigadores da UVigo, que xunto a científicos do CSIC participan na expedición Antom-II, co obxectivo de analizar o impacto dos contaminantes de orixe humana na Antártida. As e os investigadores da UVigo, IDEAE-CSIC, ICM-CSIC e IQOG-CSIC partían nas últimas horas do porto arxentino de Ushuaia, a bordo do buque de investigación oceanográfica Hespérides, desde onde tomarán, no océano Austral, mostras de auga e aire para analizar a contaminación antropoxénica. Os resultados do estudo, que se realizou o ano pasado por vez primeira, axudarán a entender que efectos teñen estes contaminantes químicos nos ecosistemas antárticos.

“O proxecto Antom ten como obxectivo estudar o efecto dos contaminantes emerxentes e compostos orgánicos semivolátiles antropoxénicos sobre o medio e organismos mariños, e entre estes últimos, o proxecto céntrase no efecto sobre os organismos microscópicos, nomeadamente, fitoplancto e bacterioplancto”, sinala Sobrino, que explica que os investigadores da UVigo son os responsables do estudo destes compostos de orixe humana sobre a abundancia, composición e metabolismo do fitoplancto. “Estes resultados son altamente importantes xa que o fitoplancto, a pesar do seu pequeno tamaño constitúe a base da cadea trófica mariña e forma parte activa do ciclo global do carbono, captando CO2 atmosférico e contribuíndo con isto á regulación do clima no planeta”, detalla a investigadora da UVigo.

A expedición navegará a bordo do Hespérides ata o mar de Bellinghausen na Antártida, onde, durante un mes, o persoal investigador traballará para saber "que efectos ten a materia orgánica de orixe humana nas comunidades microbianas da Antártida e avaliar a capacidade que teñen as bacterias para degradar este contaminantes", sinala o coordinador do proxecto e investigador do IDAEA-CSIC, Jordi Dachs. Antom-II dá continuidade ao estudo iniciado en decembro de 2020 desde o porto de Vigo, no que se recolleron mostras de aire e auga no océano Atlántico para determinar como se transportaban os contaminantes químicos ata o océano Austral.

Unha nova campaña marcada pola covid

Ao igual que sucedeu na primeira expedición Antom, a covid condicionou esta campaña que acaba de comezar. “Nas campañas antárticas, xa de por si, os requisitos médicos son máis estritos que no resto de expedicións debido á singularidade, perigosidade e afastamento da zona de estudo. Todos os participantes tiveron que superar unha esixente revisión médica e, por suposto, presentar a pauta completa de vacinación covid (a maiores doutras como tétano, tifo e hepatite)”, enumera Sobrino, que agradece o papel do Servizo Médico da UVigo que os axudou en todo o proceso. “A todo isto, cómpre engadirlle o tempo de corentena previo ao embarque en Ushuaia”, engade a investigadora, que, “desgraciadamente debido a outras responsabilidades profesionais” colaborará na campaña desde terra. 

Pola súa banda, “Antonio e Paulo estiveron en Ushuaia facendo a corentena antes de embarcar nas últimas horas no Hespérides. Ademais só contabamos con dúas prazas para a UVigo no buque e despois do esforzo que fixeron en Antom I, merecían facer a súa primeira campaña antártica. Van moi ilusionados”, explica Cristina Sobrino, que xa estivo en catro ocasión na Antártida.

Valoracións da primeira expedición

Cando se cumpre un ano da realización da primeira expedición, a investigadora da UVigo sinala que aínda é cedo para falar de resultados definitivos de Antom-I. Non obstante, avanza que “a análise preliminar que puidemos facer dos resultados da campaña, amosa que obtivemos moi bos datos cos que poder traballar e obter conclusións relevantes sobre a interacción entre o fitoplancto mariño e os contaminantes emerxentes, pero aínda nos queda pór os resultados en común co resto de participantes para poder obter unha visión global e polo tanto máis completa”. 

Para Cristina Sobrino a valoración da primeira campaña é, polo tanto, “moi boa a nivel de resultados e excelente desde o punto de vista da participación da UVigo. Cónstame que Antonio e Paulo traballaron duro e desenvolveron un papel moi importante e proactivo dentro do grupo”, confirma a investigadora, que considera que traballar na Antártida sempre é un reto polas condicións meteorolóxicas que cambian rapidamente, ao que se lle engade que actividade biolóxica nesta época do ano é moi intensa, “polo que é moi probable que cada estación sexa un mundo diferente con novas situacións técnicas e científicas ás que enfrontarnos”, explica.